Margarita Viso
O xurado da XLIII edición dos Premios da Crítica de Galicia da modalidade de Música, formado por Alejo Amoedo, pianista catedrático do Conservatorio Superior de Música de Vigo e membro da Sección de Artes Escénicas, Musicais e Audiovisuais do Consello da Cultura Galega; Xan Carballal, director da Orquestra Clásica de Xove, gañador da edición anterior; Andrea González, pianista, vicepresidenta de Juventudes Musicales de España, directora do Festival IKFEM; Óscar Ibáñez, músico, mestre en educación musical, especialista en música tradicional galega; Ángeles Lorenzo, directora do Conservatorio de Música Profesional de Torroso e da Escola de Música de Mos; Selina Otero, xornalista do Faro de Vigo con formación musical e Malores Villanueva, secretaría, en representación de Premios da Crítica de Galicia, acordou entre as propostas presentadas declarar finalistas a Colección Chave mestra, Xaime Estévez e Margarita Viso. Tras as derradeiras deliberacións virtuais, acordou outorgar por unanimidade o premio a Margarita Viso.
O xurado lamentou non poder premiar os tres finalistas ao considerar que son dúas traxectorias e un proxecto de gran valía. Como as bases contemplan un só premio, o xurado decantouse por Margarita Viso pola súa longa e fecunda traxectoria como compositora, pianista acompañante, musicóloga e editora de música. Margarita Viso é a decana das compositoras galegas, unha pioneira que nos achegou cos seus estudos os mellores músicos da nosa contemporaneidade. Os seus traballos sobre Marcial de Adalid ou José Baldomir son rigorosos e exhaustivos, imprescindibles para poder coñecer a estes dous músicos. Ao tempo que investigaba, preocupouse por crear unha canle para divulgar os autores galegos, así impulsou a editorial Viso. E mentres impartía docencia nos Conservatorios de Zaragoza, Ponferrada e A Coruña. Margarita Viso é unha muller entregada á música galega dende moi distintas facetas. Na súa traxectoria destaca o seu compromiso e a súa excelencia, por iso este Premio da Critica debería servir non só como recoñecemento, senón como agradecemento polo seu labor a prol da música contemporánea.