O xurado da XLIII edición dos Premios da Crítica de Galicia da modalidade de Artes Plásticas, formado por Antón Castro, crítico e comisario de exposicións; María Xesús Díaz, artista; Sara Donoso, comisaria de arte; Mauro Lomba, arquitecto e director de galería; Soledad Penalta, escultora, gañadora da edición anterior; Ánxeles Penas, crítica de arte e Antón Sobral, secretaría, en representación de Premios da Crítica de Galicia, acordou entre as propostas presentadas declarar finalistas a Menchu Lamas, Alfonso Penela e Alfonso Costa. Tras as derradeiras deliberacións virtuais, acordou outorgar por maioría o premio a Alfonso Costa.

O xurado salientou de Alfonso Costa o seu extraordinario traballo creativo durante cincuenta anos a través da pintura e o gravado así como o seu gran maxisterio no dominio das técnicas artísticas onde predominan un depurado debuxo e un rico colorido. O xurado tamén destacou a orixinalidade da súa obra. Alfonso Costa dende novo tivo unha vocación forte que o levou a Barcelona durante uns anos onde realizou xigantescos murais e amosou a súa obra en destacadas galerías. Logo, tras o seu regreso a Galicia, imparte cursos de gravado así como realiza innumerables e importantes mostras recibindo numerosos premios. O xurado destacou, ademais, o seu traballo como ilustrador deseñando numerosas capas de libros así como carteis de eventos culturais. No 2019 realizou diversas mostras e outras actividades artísticas en Galicia e foi convidado a expoñer a súa obra no Castelo de Neuburg en Passau (Baviera) convidado polo Parlamento Bávaro.