O xurado da XLIII edición dos Premios da Crítica de Galicia da modalidade de Artes Escénicas, formado por Rut Balbís, coreógrafa, gañadora da edición anterior; Fernando Dacosta, actor e director, profesor UDV; Carlos Labraña, dramaturgo; Patricia Meira, dramaturga; Manuel F. Vieites, crítico, director da ESADG; Manuel Xestoso, subdirector da Revista Galega de Teatro e crítico teatral de Nós Diario e Eulalia Agrelo, secretaría, en representación de Premios da Crítica de Galicia, acordou entre as propostas presentadas declarar finalistas a: Os Monicreques de Kukas (Arlequina), Grupo Chévere (Curva España) e Teatro Ensalle. Tras as derradeiras deliberacións virtuais, acordou outorgar por unanimidade o premio a Os Monicreques de Kukas.

O xurado salientou que Os monicreques de Kukas se trata dunha compañía de monicreques pioneira en Galicia, un xénero teatral ao que tamén se pretende recoñecer con este premio. Así mesmo destacou a súa faceta artística, xeradora dun universo propio, e artesán, que implica a construción das marionetas e o seu mundo. A compañía resistiu o paso do tempo e soubo evolucionar incorporando novas xeracións de «titiriteiros» nos seus espectáculos desde a súa creación en Santiago de Compostela no ano 1979. Por outra parte, resaltou que a súa obra Arlequina, escrita por Marcelino de Santiago e dirixida por Isabel Rey e o mesmo «Kukas», sintetiza nun espectáculo, no que se hibridan diferentes manifestacións creativas e artistas, todo o seu eloxioso quefacer ao longo destes anos enriba dun escenario que convidou públicos de todas as idades.