O xurado da XLIV edición dos Premios da Crítica de Galicia da modalidade de Artes Escénicas, formado por Xavier Castiñeira Blanco, director de escena, docente na ESAD de Galicia e fundador da compañía teatral ButacaZero; Raquel Castro, escritora, profesora e presidenta da Asociación Teatral de Alxén;  Marcelino de Santiago Kukas, artista, dramaturgo, director, escenógrafo e fundador da compañía Os Monicreques, gañador da edición 2020; Iván Fernández, actor, director, dramaturgo e profesor de teatro;  Carmen Méndez, actriz e membro da Directiva da Academia Galega do Audiovisual;  Marta Pérez, actriz, creadora escénica e directora de Inversa Teatro e Malores Villanueva, Secretaría, en representación de Premios da Crítica de Galicia, acordou entre as propostas presentadas declarar finalistas a Número 100 de Erregueté. Revista Galega de Teatro, Sarabela Teatro que estreou A Lingua das Bolboretas e fixo 40 anos de traxectoria Marta Alonso por Bailar agora.

Tras as derradeiras deliberacións, acordou outorgar por  maioría o premio a Erregueté. Revista Galega de Teatro.

O xurado salientou a calidade das tres propostas e quere manifestar a súa dificultade para elixir unha soa candidatura. Como as bases contemplan un único premio, o xurado decantouse polo número 100 de Revista Galega de Teatro. Erregueté en 2020 chegou ao número 100 con grande esforzo e sen apenas subvencións. É a única revista en galego de teatro e con escasos recursos logran estar en todas as representacións, atender a todos os xéneros e facer unha crítica seria e profesional. Erregueté é máis que unha publicación, converteuse nunha fonte excepcional de documentación dende 1983. O número 100 saíu a toda cor. É un volume bisagra que marca o inicio dunha nova etapa, unha nova directiva que ten por diante o labor de manter en pé esta iniciativa e afrontar os desafíos do novo século no teatro galego.