Dorotea Bárcena
Dorotea Bárcena (Oviedo, 1944) é unha actriz e directora de teatro galega.Diplomada en Maxisterio, abandonou moi pronto as funcións docentes para dedicarse de cheo ao teatro. En 1985 participa como actriz no primeiro espectáculo de Teatro do Atlántico, Xoana, creado a partir dun texto de Manuel Lourenzo con dirección do propio Xulio Lago. Durante 1988 é directora do Centro Dramático Galego. Posteriormente realiza traballos co Centro Dramático Nacional, participando no espectáculo Martes de carnaval a partir da coñecida obra de Ramón María del Valle-Inclán e dirixido por Mario Gas en 1995; con A Factoría Teatro en A casa de América (1998, sobre un texto de Edward Thomas con dirección de Cristina Domínguez) e co CDG en Xelmírez ou a groria de Compostela (1999, sobre un texto de Daniel Cortezón, con dirección de Roberto Vidal Bolaño). En 1987 funda a compañía Teatro da Lúa, na que desenvolveu traballos como dramaturga, actriz e directora de escena. Os seus traballos están marcados pola inmediatez da posta en escena, pero tamén pola necesidade de crear historias desde a perspectiva da muller e de contalas utilizando outro punto de vista. Hai que destacar ademais as súas múltiples colaboracións e traballos en cine e televisión e os diversos premios recibidos ao longo da súa xa dilatada traxectoria profesional. (Texto: Galipedia)