OLYMPUS DIGITAL CAMERA

Casa das Ciencias é un dos Museos Científicos Coruñeses. Está situado no Parque de Santa Margarida. Contén, entre outras cousas, módulos para experimentar fenómenos sorprendentes, unha incubadora onde se poden ver nacer pitiños de galiña, exposicións e un planetario que ofrece programas en directo e gravados. Concibiuse como un lugar para se divertir coa ciencia e Umberto Eco cualificouno de museo máis formidable do mundo.

logotipo da Casa das Ciencias baséase na historia da mazá de Newton.

É un edificio de planta octogonal rodeada por un pórtico. Comezouse a construír na década de 1950 para funcionar como emisora de radio mais non se rematou e a súa estrutura abandonada coñecíase como “O palacete”. O proxecto foi rematado en 1985 polo arquitecto Felipe Peña.

Conta con catro salas dedicadas a exposicións interactivas máis un planetario. No ras do chan destaca un péndulo de Foucault, realizado cunha esfera maciza de 120 quilos pendurada dun cabo de máis de 14 metros de lonxitude.

No primeiro andar atópase a sala de experiencias, dedicada precisamente a experiencias sobre o mundo físico, con módulos interactivos que respostan ás accións dos visitantes. Hai tamén unha sala de exposicións temporais e outra de exposicións de natureza.

O planetario, denominado Sala de Proxección Galileo, permite representar sobre unha cúpula de 10 metros de diámetro todos os astros visíbeis a simple vista desde a Terra e reproducir os movementos que se observan no ceo. Pode mostrar o firmamento tal e como se ve desde calquera punto do planeta ou as posicións dos planetas noutras épocas. A capacidade é de 84 butacas.

(Texto da Galipedia)