Xosé Chao Rego
Xosé Chao Rego (Vilalba, 1932) é licenciado en Filosofía e Teoloxía é unha das principais figuras galegas no terreo do ensaio sobre temas teolóxicos e de antropoloxía social. Impulsor de revistas de pensamento cristiano como “Irimia” e “Encrucillada”, é autor de milleiros de artigos publicados en boa parte en “La Voz de Galicia”, así como nas revistas citadas. Autor dunha obra extensísima, tense dito que é a persoa que máis leva escrito en galego na enteira historia de Galicia. Entre os seus libros máis destacados figuran “Introducción ao Xénese” (1972); “Eu renazo galego. Ensaio sobre a identidade galega” (1983), Premio da Crítica Galicia; “O misterio do lume” (1985); “Para comprendermos Galicia” (1987); “O libro da auga” (1995); “A condición homosexual” (1999); “O sexo, a muller e o crego” (2000); “O relato hebraico” (2001); “O demo meridiano” (Xerais 2004), “Biblia popular galega” (Xerais 2004) e os oito volumes que compoñen a súa eséxese bíblica “Historia do Pobo de Xesús” (1980-2000), publicados en Ediciós do Castro. Daniel López Muñoz preparou o libro “Conversa con Xosé Chao” (Xerais 2002), percorrido biográfico que completa “O demo meridiano”. Polo conxunto da súa obra foi merecedor da distinción da “Letra E”, outorgada pola Asociación de Escritores en Lingua Galega (2002) e homenaxeado pola Asociación Cultural O Galo e o concello de Santiago (outubro de 2004).
(Texto: Editorial Xerais)