Francisco Rodríguez

Francisco Rodríguez Sánchez (Ferrol,1945) é un ensaista galego.  Cursou Historia e Filoloxía Románica (sección de Hispánicas) na Universidade de Madrid. En 1968 gaña as oposicións de agregado de Lengua y Literatura españolas de bacharelato, a exercer docencia en Albacete (1969-1971) e Ourense (1971-1973).


    Autor dun vasto número de estudos, ensaios e investigacións relacionados coa realidade galega, publica en 1976 Conflito lingüístico e ideoloxía na Galiza. A diagnose e interpretación da problemática do idioma galego experimenta con esta obra unha absoluta renovación, xa que aspectos de natureza económica, social e política ocuparán un lugar relevante en dito exame. Alén disto, a súa bibliografía contén estudos moito documentados e clarificadores sobre autores e autoras fundamentais na nosa literatura, como demostran os seguintes títulos: A evolución ideolóxica de M. Curros Enríquez (1995), Eduardo Blanco Amor, o desacougo da nación negada (1993) ou Análise sociolóxica da obra de Rosalía de Castro (1988). Esta última, co mesmo título da tese con que se doutorou en 1988 en Santiago de Compostela, enche un baleiro na investigación da historia literaria galega e significa un estudo rigoroso en que se reinterpreta a figura de Rosalía de Castro. O tribunal calificador, integrado por Ricardo Carballo Calero, Pilar Vázquez Cuesta, Xosé Ramón Barreiro, Claude Henri Poullain e Anxo Tarrío, outorgoulle a máxima calificación.