Cuarteto Quiroga
O xurado da XLVIIIª edición dos Premios da Crítica de Galicia da modalidade de Música, formado por Javier Becerra, crítico de La Voz de Galicia; Javier Escobar, director orquestra, gañador da edición 2024; Xaime Estévez Vila, catedrático de música de ensino secundario, músico; Rosa María Fernández, crítica, membro da Real Academia de BB.AA; Isabel Gómez, profesora de linguaxe musical do conservatorio de Vigo; Xiana Lastra, profesora, cantora d’ A banda da loba e Xoán Manuel Estévez Freixeiro, crítico musical, secretaría, en representación dos Premios da Crítica de Galicia acordou entre as propostas presentadas declarar finalistas: Cuarteto Quiroga, As fillas de Cassandra, IKFEM Festival Tui-Valença e Noia Harp Fest.
Tras as derradeiras deliberacións, acordou outorgar por maioría o premio a Cuarteto Quiroga. Recolleu o premio Xosé Carlos Sierra que leu un texto enviado por Cibrán Sierra, un dos membros do cuarteto de xira en Australia.
O xurado salientou que o Cuarteto Quiroga reivindica o nome de Manuel Quiroga, violinista pontevedrés do pasado século. Esta formación destaca pola súa calidade musical. O seu fundador o galego Cibrán Sierra, fai gala de galeguidade por todo o mundo, dada a proxección internacional do cuarteto.