Enrique X Macias

Enrique X. Macías (Vigo 1958-1995) foi un músico galego e é considerado como un dos referentes europeos da música contemporánea.

De formación musical autodidacta, Macías deuse a coñecer en 1976 participando no Iº Encontro de Artistas Xoves, organizado por Xuventudes Musicais de Vigo, onde presentou as súas Sete micropezas para piano. Dende aquela traballou incansablemente na composición, atopando alén das nosas fronteiras os medios e os recursos que precisaba para desenvolver o seu traballo creativo. O seu autodidactismo, que concibía como reflexión individual que asume diante do público tódolos riscos posibles, levouno a renovar constantemente o seu traballo, tanto no que atinxía a súa temática e a súa preocupación estética, como tamén aos propios medios técnicos que empregaba, sen menoscabo do seu interese polas posibilidades creativas dos instrumentos tradicionais. A súa obra escoitouse en diversos festivais europeos, así como en distintas institucións públicas e culturais, recibiu tamén unha ducia de premios.