Nova Escola Galega
Nova Escola Galega é un movemento asociativo de base que ten como finalidade impulsar o traballo de renovación pedagóxica e de galeguización lingüística e curricular do sistema educativo de Galiza, por medio da agrupación e cooperación de todos aqueles ensinantes e persoas sociais e colaboradoras que pretenden contribuír coa súa acción e reflexión á construción dun sistema educativo galego, público e democrático.
Fundado en Santiago de Compostela en 1983 centra a súa actividade na colaboración ou creación de exposicións, congresos, xornadas e escolas de verán; publicacións sobre sociolingüística e materiais curriculares; publicación trimestral da Revista Galega de Educación; colaboración en varios encontros, como os coñecidos encontros galego-portugueses de educadoras e educadores para a paz, ou os recentes sobre medios de comunicación; existencia de grupos de traballo sobre diversos proxectos orientados a distintos niveis educativos.