Ana Romaní
O xurado da XLI edición dos Premios da Crítica de Galicia da modalidade de Iniciativas Culturais e Científicas, formado por Jorge Mira, catedrático da USC, gañador da edición anterior polo programa ConCiencia; Alberto Barciela, xornalista; Hakan Casares, Observatorio da Cultura Galega; Delfín Caseiro Nogueiras, catedrático de Lingua e literatura; Sonia Díaz, comunicadora e xestora cultural; Xulia Santiso, xestora cultural, directora da Casa Museo Emilia Pardo Bazán e Malós Cabrera Iglesias, secretaría, en representación da APCG, acordou entre as propostas presentadas declarar finalistas a Revista feminista Andaina, Portal GCiencia e Ana Romaní polo seu traballo en Diario Cultural. Tras as derradeiras deliberacións acordou outorgar por maioría o premio a Ana Romaní.
O xurado salientou «o seu labor a prol da visibilidade, promoción e difusión da nosa cultura, nas súas diversas manifestacións ou expresións, así como a súa defensa e uso do galego. Labor que desenvolveu maiormente como directora do programa Diario Cultural da Radio Galega dende o seu inicio, no 1990, ata mediados do presente 2018. O xurado quere salientar, tamén, a súa declarada vontade de intervención e perspectiva feminista».