«O sorriso de Daniel»
O xurado da modalidade de Iniciativas Culturais, formado por por Manuel Rosales, Iago Martínez, Anxos Sumais, Carme Vidal, María Xosé Porteiro, Germam Ermida e Xavier Senín, que actuou como secretario, acordou outorgar o premio á Asociación O Sorriso de Daniel.
As persoas que forman parte do xurado analizaron as candidaturas que elas mesmas foron seleccionando e mais aqueloutras que chegaron á secretaría procedentes de propostas particulares e institucionais. O xurado tivo en conta nas iniciativas elementos de innovación, continuidade, o traballo en rede, a conexión internacional, a visibilización de ámbitos pouco recoñecidos da cultura, a atención á perspectiva de xénero e o recoñecemento do traballo cultural da Galicia exterior entre outros criterios.
Logo dun amplo debate acordouse premiar a Asociación O SORRISO DE DANIEL. Por ser unha iniciativa innovadora que valora, difunde e quere o románico, un singular e extraordinario tesouro do noso patrimonio. O Sorriso parte do lema “O patrimonio coa viciñanza ten maior valor” e por iso as súas iniciativas implican e comprometen a quen ten o románico ao seu carón, tomando parte da súa propia historia persoal. A súa actividade céntrase especialmente no ámbito rural, nese patrimonio espallado e en certa medida abandonado pero tamén máis vivido. Trátase dun grupo de persoas “apaixonadas” polo patrimonio que buscan implicar aos veciños e veciñas no coidado e defensa do seu, con iniciativas enérxicas, imaxinativas e mesmo provocadoras. En pouco tempo, con escasos medios mais con moita ilusión déronlle ao patrimonio un espazo singular nos medios de comunicación e nas redes sociais, convertéronse nunha voz de reivindicación e denuncia e fixeron que vivamos con máis intensidade ese tesouro que é o noso patrimonio románico.