Programa «Efervesciencia»
O xurado da XLVIIª edición dos Premios da Crítica de Galicia da modalidade de Iniciativas Culturais e Científicas, formado por Ana Luísa Bouzas Santiago, vicepresidenta da Fundación Luzes; Lourenzo Fernández Prieto, catedrático de Historia da USC, membro da RAG; Carlos Lorenzo Pérez, xestor cultural, presidente da AGPXC; Tamara Novoa, xornalista d’ A movida; Susana Rois, xornalista de Nós diario; Óscar Sánchez, representante da Agrupación Astronómica Coruñesa Ío, gañadora de 2023 e Míriam Ferradáns, secretaria, en representación dos Premios da Crítica de Galicia acordou entre as propostas presentadas declarar finalistas: Amparo Alonso Betanzos, Asociación Cultural Alexandre Bóveda e o seu proxecto «A Coruña literaria» e programa Efervesciencia de Manuel Vicente.
Tras as derradeiras deliberacións, acordou outorgar por maioría o premio a Programa Efervesciencia de Manuel Vicente.
O xurado salientou a importancia do programa e do seu impulsor e director Manuel Vicente, na divulgación de ciencia en galego e con perspectiva galega como espazo necesario que resiste desde 2006. Alén diso, quérese salientar o labor de arquivo que implica a día de hoxe, un valioso tesouro onde acudir para unha reflexión esencial arredor da capacidade da ciencia para formar públicos e para construír unha sociedade máis inclusiva. O xurado desexa facer constar que este é o tipo de programas que debera promover e emitir a Corporación de Radio Televisión de Galicia, no canto de afondar neste proceso desgaleguizador e privatizador que levou as traballadoras e traballadores dos medios públicos galegos a unha folga indefinida.