Óliver Laxe
O xurado da XLIII edición dos Premios da Crítica de Galicia da modalidade de Cine e Artes Audiovisuais, formado por Uxía Caride, xerente AGAPI; Antonio Duran «Morris», actor; María Mera, actriz; Rubén Ríos, actor e director; Ramón Rozas, crítico e xornalista de Diario de Pontevedra; Xosé Manuel Sande, programador do CGAI e Ledicia Costas Álvarez, secretaría, en representación de Premios da Crítica de Galicia, acordou entre as propostas presentadas declarar finalistas a Arime (filme de Jaione Camborda), Ghaleb Martínez, Jorge Coira e O que arde (filme de Óliver Laxe). Tras as derradeiras deliberacións virtuais, acordou outorgar por unanimidade o premio a O que arde de Óliver Laxe.
O xurado salientou que son moitas e ben relevantes as razóns para premiar o traballo conxunto realizado na longametraxe O que arde. Fitos para a noso cinema que ollan a un cineasta singular, Óliver Laxe; a un equipo comprometido e talentoso; así como a unha industria in crescendo que goza, facilita e difunde esforzos coma os seus. O que arde aparece como unha proposta, fermosa e poética, que se expande a través da memoria recente: Cannes, os premios Goya, a preselección aos Óscar, as resonancias da nosa lingua, a sabedoría dun atávico legado, a procura dunha emoción, o coñecemento mundo adiante. Pola súa contribución global, baixo múltiples perspectivas, que van do artístico, lingüístico, cultural, etnográfico ou sociolóxico ao económico, é emblema dun momento histórico plural e frutífero para o ámbito audiovisual galego. De seguro, a mellor metáfora das doses de xenio, brillo e honestidade que posúe hoxe todo un substrato cultural, reflectido tanto nas diversas candidaturas seleccionadas como na necesidade mesma do seu apoio e preservación institucional.