O xurado da modalidade de Cine e Artes Audiovisuais, formado por Alberte Pagán, gañador da edición 2016; Xisela Franco, directora Máster de Cinema e Creación Audiovisual; María Solar, xornalista e escritora; Miguel Anxo Fernández, crítico de cinema e audiovisual; Cristina Iglesias, actriz; Noemí Martínez Ferreiro, guionista e Inma López Silva, que actuou como secretaria, en representación de Premios da Crítica de Galicia, acordou entre as propostas presentadas declarar finalistas a Diana Toucedo, Alberto Vázquez e S8 Mostra de cine periférico da Coruña. Tras as derradeiras deliberacións, acordou outorgar por unanimidade o premio ao Festival S8. Mostra de cine periférico da Coruña.

O xurado salientou “a capacidade do S8. Mostra de cinema periférico da Coruña de, en só oito anos, situarse entre os mellores festivais de cinema de vangarda do mundo. S8 é un festival que sabe conxugar o novo e o vello, o internacional co local, non só servindo como escaparate do cinema galego, senón tamén como canteira da que xorden novos e novas creadoras”.