O xurado da XLI edición dos Premios da Crítica de Galicia da modalidade de Cine e Artes Audiovisuais, formado por Ángel Rueda, gañador da edición anterior; Tamara Canosa, actriz; Pepe Coira, guionista; Ángeles Huerta, directora; Avelina Rodríguez, crítica de cine do Faro da Cultura; Marta Villar, directora de arte e Xavier Senín, secretaría, en representación do APCG, acordou entre as propostas presentadas declarar finalistas a Matria de Álvaro Lago, Trinta lumes de Diana Toucedo e á revista A cuarta parede. Tras as derradeiras deliberacións, acordou outorgar o premio a Matria de Álvaro Lago.

O xurado salientou «a dificultade á hora de escoller as obras finalistas debido á calidade e diversidade das propostas. Matria representa o mellor do noso cinema: o risco narrativo ao fusionar a ficción e recursos documentais. Bota unha ollada poética sobre a realidade que tenta desmitificar o matriarcado galego».