Novas

Ditame dos Premios da Crítica de Galicia 2022

O sábado 19 de novembro ás 12:00 horas no decurso dun acto na sede de Afundación de Vigo deuse a coñecer o ditame da XLVª edición dos Premios da Crítica de Galicia nas súas modalidades de Creación Literaria, Investigación, Música, Iniciativas Culturais e Científicas, Artes Plásticas, Artes Escénicas, Cine e Artes Audiovisuais e Cultura Gastronómica.

Baixo o lema «Galicia é infinda» do poeta Florencio Delgado Gurriarán, xuntáronse trescentas persoas representativas dos diversos ámbitos da política, da sociedade e da actividade cultural do país, entre as que se atopaban Carmela Silva, presidenta da Deputación de Pontevedra, Elena Espinosa en representación da alcaldía de Vigo; Valentín García, secretario xeral de Política Lingüística, Valentín González Formoso, presidente da Deputación da Coruña, así como once alcaldías de diversos concellos do país.

No transcurso do acto, que foi conducido pola escritora Ledicia Costas, Bieito Ledo, presidente e fundador dos Premios da Crítica de Galicia, fixo un percorrido pola memoria desta iniciativa pioneira organizada en Vigo dende hai corenta e cinco anos.

Dende comezos do mes de outubro, as 56 persoas compoñentes dos oito xurados, que se unen ao máis de mil catrocentas participantes ao longo de toda a súa historia, traballaron e ditaminaron de forma virtual sobre as propostas presentadas libremente por editoras, produtoras e outras entidades culturais.

O que fica fóra de Manuel Rivas, Premio de Creación Literaria 2022

O xurado da XLV edición dos Premios da Crítica de Galicia da modalidade de Creación Literaria, formado por  María Luisa Abad, pedagoga; Xesús Fraga, escritor e xornalista, gañador da edición anterior; Esther Gómez Suárez, libreira da libraría Moito Conto; Manuel González González, membro da RAG, catedrático da USC; Bieito Iglesias, escritor; Pilar Ponte, profesora e crítica e  Xosé Manuel Soutullo, director da Fundación Penzol, secretaría, en representación dos Premios da Crítica de Galicia, acordou entre as propostas presentadas declarar finalistas a As malas mulleres (Galaxia 2021) de Marilar Aleixandre; O cervo e a sombra (Xerais 2021) de Diego Ameixeiras; Palmeiras, piueiros (Chan da Pólvora 2021) de Anxo Angueira e O que fica fóra (Apiario 2021) de Manuel Rivas.

 Tras as derradeiras deliberacións, acordou outorgar por maioría o premio a O que fica fóra de Manuel Rivas (Apiario).

O xurado salientou que O que fica fóra é unha obra que lle dá a volta á lingua e á realidade para se preguntar e preguntarnos, despois de roubarnos a liña do horizonte, que ficará fóra cando desaparezan as palabras. Un libro alfaia con elementos gráficos que enriquecen tanto a súa estética como a mensaxe que intenta transmitir.

A figuración galega en Irlanda (1840-1936) de Xavier R. Madriñán, premio de Investigación 2023

O xurado da XLV edición dos Premios da Crítica de Galicia da modalidade de Investigación, formado por  Socorro Castro García, profesora de Química da UDC; Maite de Castro, catedrática de Física da Terra da UDV (campus Ourense); Xosé Henrique Costas, catedrático de Filoloxía de Galega da UDV; Cristina Sánchez Carretero, investigadora científica do do Instituto de Ciencias do Patrimonio do CSIC; Antonio Rial Boubeta, profesor de Psicoloxía da USC; Miguel Anxo Seixas, historiador, gañador da edición anterior e Eulalia Agrelo Hermo, profesora da UDV, secretaría, en representación dos Premios da Crítica de Galicia, acordou entre as propostas presentadas declarar finalistas a Cóntame un conto cuántico (Xerais 2021) de Juanjo Lamelas; A figuración galega en Irlanda (1840-1936): De Imaxe especular a modelo frustrado (Laiovento, 2021) de Xavier R. Madriñán e A xustiza pola man. Violencia e conflitividade na Galicia contemporánea (Xerais 2021), Francisco J. Leira e Miguel Cabo (editores).

 Tras as derradeiras deliberacións, acordou outorgar por maioría o premio a A figuración galega en Irlanda (1840-1936): De Imaxe especular a modelo frustrado (Laiovento, 2021) de Xavier R. Madriñán.

O xurado sobranceou da obra gañadora que se trata dunha suxerente prospección nun territorio nunca abordado con gran repercusión nun territorio con gran repercusión no imaxinario colectivo. É unha investigación exhaustiva e delongada na súa ampla temática, ademais de ser unha obra de alento, rigorosa, cobizosa, de sólida continuación discursiva e de fascinante lectura. Estamos ante unha análise detallada e imprescindible de como Irlanda pasou de ser un referente na construción nacional para o galeguismo a un modelo de inspiración cunha función meramente retórica na Xeración do 16.

A Cova de Eirós, premio de Iniciativas Culturais e Científicas 2022

O xurado da XLV edición dos Premios da Crítica de Galicia da modalidade de Iniciativas Culturais e Científicas, formado por  Xosé Aldea, editor e xestor cultural; Lois Celeiro Álvarez, xornalista; Belén López Vázquez, editora; Celia Pereira Porto, avogada, presidenta da Fundación Vicente Risco; Mar Mato, xornalista cultural; Xosé Luís Regueira, membro da RAG, profesor da USC e Xosé María García Palmeiro, xornalista, secretaría en representación dos Premios da Crítica de Galicia, acordou entre as propostas presentadas declarar finalistas a Cabreiros (Xermade). Veinticinco anos dunha experiencia rural colectiva; Código Cero Comunicación e Investigación do Paleolítico das Serras Orientais. A Cova de Eirós (Triacastela).

Tras as derradeiras deliberacións, acordou outorgar por unanimidade o premio a Investigación do Paleolítico das Serras Orientais. A Cova de Eirós (Triacastela).

O xurado salientou a importante dimensión espacial e temporal dunha iniciativa cultural e científica de longo alento, que abre as portas ao coñecemento do Paleolítico no territorio galego. Unha tarefa desenvolvida polo Grupo de Estudos para a Prehistoria do Noroeste. Arqueoloxía, Antigüidade e Territorio do departamento de Historia da Universidade de Santiago de Compostela. Asemade, salientou o potencial desta investigación para a dinamización dun espazo rural de menos de mil habitantes e as sinerxías coa veciñanza propiciadoras da declaración de Ben de Interese Cultural (BIC) en 2017.

Ugia Pedreira, premio de Música 2022

O xurado da XLV edición dos Premios da Crítica de Galicia da modalidade de Música, formado por  Alejo Amoedo, pianista e investigador, gañador da edición anterior; Bea Camiña, comunicadora cultural; Juan Durán, compositor; Najla Shami, cantante e compositora; Arturo Vaquero, produtor, responsable de Abrigueiro Estudios; Woyza, cantora e compositora e Claudia Morán, xornalista, secretaría, en representación dos Premios da Crítica de Galicia, acordou entre as propostas presentadas declarar finalistas a Orquestra Vigo 430; Ugia Pedreira e Isabel Samartim.

Tras as derradeiras deliberacións, acordou outorgar por unanimidade o premio a Ugia Pedreira.

O xurado salientou de Ugia Pedreira a súa traxectoria creativa, interpretativa e formativa como cantora de raíz mariñán que desenvolveu un proxecto artístico alternativo vencellado coa propia terra.

Mónica Alonso, premio de Artes Plásticas 2022

O xurado da XLV edición dos Premios da Crítica de Galicia da modalidade de Artes Plásticas, formado por Pepe Barro, deseñador; Fátima Cobo Rodríguez, xestora cultural; Luz Darriba, artista; Carlos Rodríguez Fernández, fotógrafo; Teresa Táboas Veleiro, arquitecta e Afonso Vázquez Monxardín na secretaría, en representación dos Premios da Crítica de Galicia, acordou entre as propostas presentadas declarar finalistas a Mónica Alonso; Uqui Permui e Cenlitrosmetrocadrado.

 Tras as derradeiras deliberacións, acordou outorgar por maioría o premio a Mónica Alonso.

O xurado salientou de Mónica Alonso o excelente traballo de toda a súa careira, a reflexión dobre a cor como forma de comunicación entre seres humanos, e neste anos premiado 2021, a súa exposición «A maxia do colibrí, 6 casos desesperados» no Marco de Vigo, o comisariado da mostra «Cor e sentimentos» sobre Manuel Colmeiro, na Fundación Luís Seoane na Coruña e a súa participación na exposición colectiva «Galicia Futura» no Museo da Cidade da Cultura de Galicia no Gaiás, en Compostela.

Así mesmo, o xurado salientou os méritos indubidables de todos os artistas propostos por calidade de internacionalidade e recomenda unha revisión das categorías para establecer xurados e premios específicos para Deseño e Arquitectura.

N.E.V.E.R.M.O.R.E de Chévere, premio de Artes Escénicas 2022

O xurado da XLV edición dos Premios da Crítica de Galicia da modalidade de Artes Escénicas, formado por  Rosa Álvarez, actriz, pioneira do teatro profesional galego; María Armesto, directora da Mostra Internacional do Teatro Cómico e Festivo de Cangas; Afonso Becerra, director da revista Erregueté gañador de edición anterior; Esther Fernández Carrodeguas, dramaturga, actriz e directora; Ernesto Is, dramaturgo; Xosé Leis, actor e director e Sabela Hermida Mondelo, actriz e investigadora, secretaría en representación dos Premios da Crítica de Galicia, acordou entre as propostas presentadas declarar finalistas a Diego Anido; N.E.V.E.R.M.O.R.E de Chévere e Compañía Tanxarina.

 Tras as derradeiras deliberacións, acordou outorgar por unamidade o premio a N.E.V.E.R.M.O.R.E de Chévere.

O xurado salientou a honestidade e sinestésica maneira de recuperar un dos episodios máis negros da nosa historia recente. Chévere traballa dende a autorreferencialidade, elevando as táboas as historias propias, as de veciños e veciñas. A iconografía e mesmo os elementos gardados nas propias caixas negras dos fogares, idea coa que se xoga na proia caixa negra do teatro. A Compañía reforza en N.E.V.E.R.M.O.R.E a súa liña pioneira de teatro documento, do teatro sociopolítico con grande impacto social, causando sempre a plena comuñón co público. Memoria de Nunca Máis!

Atalante, premio de Cine e Artes Audiovisuais 2022

O xurado da XLV edición dos Premios da Crítica de Galicia da modalidade de Cine e Artes Audiovisuais, formado por José Luis Castro de Paz, historiador do cine, catedrático de Comunicación Audiovisual da USC; Margarita Ledo, directora, membro da RAG, gañadora da edición anterior; Sonia Méndez, directora, xestora e actriz; Ozo Perozo, director e traballador do audiovisual; Iria Pinheiro, actriz; Andrea Villa, experta en comunicación e cine e José Manuel Sande, crítico e programador, secretaría, en representación dos Premios da Crítica de Galicia, acordou entre as propostas presentadas declarar finalistas a Atalante; Lucía Catoira Pan e Chelo Loureiro.

 Tras as derradeiras deliberacións, acordou outorgar por unanimidade o premio a Atalante.

O xurado salientou de Atalante o seu labor de distribución de traballos fílmicos con carácter independente, un repertorio de pezas laboriosas e esixentes asinadas por grandes cineastas como Hong Sangsoo, Meritxell Colell, Oliver Laxe, Paulo Rocha, Milagros Mumenthaler, Nobuhiro Suwa, Rita Azevedo ou Manoel de Oliveira, que van servir deste modo a procesos de difusión e internacionalización ao tempo que de reforzo do vínculo coas salas de cine nun momento histórico sensible.

Ademais, Atalante engade outro elemento esencial, a existencia mesma dunha versión orixinal subtitulada ao galego nas copias distribuídas, de acordo coas políticas de diversidade europea, sendo neste ámbito unha das promotoras asociativamente destacada na defensa dos dereitos lingüísticos e culturais.

O xurado quere destacar ás outras dúas finalistas, mulleres capaces de abrir(se) camiño en dous ámbitos, a produción e dirección do cine de animación (Chelo Loureiro) e a dirección de fotografía (Lucía Catoira). Un empeño baseado no seu talento, coraxe e capacidade de traballo colectivo. Xustamente dous títulos, Valentina e ¿Qué hicimos mal? de Liliana Torres, ilustran á perfección o seu traballo en 2021.

Por último, este xurado quere facer unha mención especial ao falecido actor Pedro Brandariz, alguén que entendemos explicaba e dignificaba en si mesmo o termo comediante, o seu oficio. Intérprete triunfal dun filme póstumo, Jacinto de Javier Camino, o seu carácter dinamizador e versatilidade, fundamentalmente expresada tamén a través da docencia e no espazo escénico, merecen esta homenaxe. O lugar no noso recordo permanecerá sempre.

María Varela, premio de Cultura Gastronómica 2022

O xurado da XLV edición dos Premios da Crítica de Galicia da modalidade de Cultura Gastronómica, formado por  Queixaría Arias Moniz, empresa gañadora edición anterior; Maica Couto Míguez, profesora de Formación Profesional de Hostelería e Turismo; Carmen Prado Pico, xornalista; Ángeles Romero, catedrática de Tecnoloxía dos Alimentos da USC (campus de Lugo); Marcos Soriano Acero, consultor de industrias agroalimentarias; Juan Manuel Vieites Baptista de Sousa,doutor en Química, actual presidente da Confederación de Empresarios de Galicia e Blanca Ana Roig Rechou, catedrática da USC, secretaría, en representación dos Premios da Crítica de Galicia, acordou entre as propostas presentadas declarar finalistas a Asociación de desenvolvemento rural Mariñas Betanzos ; ao chef Moncho Méndez do restaurante Millo Orzán; a María Varela como cociñeira de A parada das bestas e á revista Pincha.

 Tras as derradeiras deliberacións, acordou outorgar por unanimidade o premio María Varela como cociñeira de A parada das bestas.

O xurado salientou a María Varela  polo seu facer como cociñeira en A parada das bestas,  por ter loitado desde 1992 polo proxecto co seu home Suso,  con só 24 anos de idade, por apostar por un proxecto de vida común, no que a prioridade foi a excelencia baseada en dous piares fundamentais: a honestidade do traballo,  e a difusión e o fomento do patrimonio cultural e gastronómico da zona da Ulloa.  María recuperou receitas da cociña tradicional con toques de modernidade apostando sempre polos produtores e gandeiros locais. Unha aposta arriscada que conseguiu facerse co tempo un nome no mundo da gastronomía. Hoxe en día moitos dos produtos da comarca se coñecen e andan polo mundo grazas a este matrimonio. Son un modelo de referencia que ten que ser recoñecido pola camiño percorrido.

Esta XLVª edición dos Premios da Crítica de Galicia estivo patrocinada polo Concello de Vigo, A Xunta de Galicia e a Deputación provincial de Pontevedra, sendo entidades colaboradoras Afundación e Sargadelos. Contou ademais co patrocinio de trinta empresas e entidades de produtos galegos de calidade, etiquetados na nosa lingua.

Xurado dos Premios da Crítica de Galicia 2022

A xunta directiva da Asociación Premios da Crítica de Galicia acordou que o ditame da XLVª edición dos Premios da Crítica de Galicia 2022 se celebrará o sábado 19 de novembro no centro social Afundacion de Vigo. Así mesmo nomeou as seguintes persoas como membros dos xurados de cada unha das oito modalidades:

CREACIÓN LITERARIA: María Luisa Abad, pedagoga; Xesús Fraga, escritor e xornalista, gañador da edición anterior; Esther Gómez Suárez, libreira da libraría Moito Conto; Manuel González González, membro da RAG, catedrático da USC; Bieito Iglesias, escritor; Pilar Ponte, profesora e crítica e  Xosé Manuel Soutullo, director da Biblioteca Penzol, secretaría, en representación dos Premios da Crítica de Galicia.

INVESTIGACIÓN: Socorro Castro García, profesora de Química Fundamental da UDC; Maite de Castro, catedrática de Ciencias Ambientais da UDV (campus Ourense); Xosé Henrique Costas, catedrático de Filoloxía e Tradución da UDV; Cristina Sánchez Carretero, investigadora do Instituto de Ciencias do Patrimonio do CSIC; Antonio Rial Boubeta, profesor de Psicoloxía da USC; Miguel Anxo Seixas, historiador, gañador da edición anterior e Eulalia Agrelo Hermo, profesora da UDV, secretaría, en representación dos Premios da Crítica de Galicia.

INICIATIVAS CULTURAIS: Xosé Aldea, editor e xestor cultural; Lois Celeiro Álvarez, xornalista; Belén López Vázquez, editora; Celia Pereira Porto, avogada, presidenta da Fundación Vicente Risco; Mar Mato, xornalista cultural; Xosé Luís Regueira, membro da RAG, profesor da USC e Xosé María García Palmeiro, xornalista, secretaría en representación dos Premios da Crítica de Galicia.

MÚSICA: Alejo Amoedo, pianista e investigador, gañador da edición anterior; Bea Camiña, comunicadora cultural; Juan Durán, compositor; Najla Shami, cantante e compositora; Arturo Vaquero, produtor, responsable de Abrigueiro Estudios; Woyza, cantora e compositora e Claudia Morán, xornalista, secretaría, en representación dos Premios da Crítica de Galicia.

ARTES PLÁSTICAS: Manuel Ayaso, pintor, gañador da edición anterior; Pepe Barro, deseñador; Fátima Cobo Rodríguez, xestora cultural; Luz Darriba, artista; Carlos Rodríguez Fernández, fotógrafo; Teresa Táboas Veleiro, arquitecta e Afonso Vázquez Monxardín, historiador e investigador, secretaría, en representación dos Premios da Crítica de Galicia.

ARTES ESCÉNICAS: Rosa Álvarez, actriz, pioneira do teatro profesional galego; María Armesto, directora da Mostra Internacional do Teatro Cómico e Festivo de Cangas; Afonso Becerra, director da revista Erregueté gañador de edición anterior; Esther Fernández Carrodeguas, dramaturga, actriz e directora; Ernesto Is, dramaturgo; Xosé Leis, actor, director e crítico e Sabela Hermida Mondelo, actriz e investigadora, secretaría en representación dos Premios da Crítica de Galicia.

CINE: José Luis Castro de Paz, historiador do cine, catedrático de Comunicación Audiovisual da USC; Margarita Ledo, directora, membro da RAG, gañadora da edición anterior; Sonia Méndez, directora, xestora e actriz; Ozo Perozo, director e traballador do audiovisual; Iria Pinheiro, actriz;  Andrea Villa, experta en comunicación e cine e Xosé Manuel Sande, crítico e programador, secretaría, en representación dos Premios da Crítica de Galicia.

CULTURA GASTRONÓMICA: Queixaría Arias Moniz, empresa gañadora edición anterior; María Carmen Couto Míguez, profesora de CIFP Compostela Manuel López Navalón; Carmen Prado Pico, xornalista; Ángeles Romero, catedrática de Dietética da USC (campus de Lugo); Marcos Soriano Acero, consultor de industrias agroalimentarias; Juan Manuel Vieites Baptista de Sousa, químico, ex-secretario de Anfaco, actual presidente da CEG e Blanca Roig Rechou, catedrática da USC, secretaría, en representación dos Premios da Crítica de Galicia.

Premios da Crítica de Galicia 2022, presentación de candidaturas

A Asociación Premios da Crítica de Galicia acordou aprobar as bases pola que se rexerán os Premios da Crítica de Galicia 2022, que se ditaminarán en Vigo o 19 de novembro de 2022, ademais de nomear as secretarías de cada unha das modalidades.

Como establece a base sétima «Todas as producións que se consideren premiables en cada unha das modalidades poderán ser presentadas polas súas autoras e autores, editoras, produtoras ou promotoras ás secretarías dos xurados antes do 30 de setembro de 2022. Así mesmo, cada un dos membros dos xurados poderá presentar cantas candidaturas considere oportunas para a súa valoración polo resto dos membros.».

A este teor as propostas poderán ser dirixidas ás secretarías de cada unha das modalidades escribindo a: premiosdacriticagalicia@gmail.com.

Creación literaria: Xosé Manuel Soutullo,

Investigación: Eulalia Agrelo.

Iniciativas Culturais e Científicas: Xosé María Palmeiro.

Música: Claudia Morán Mato.

Artes Plásticas: Afonso Vázquez Monxardín.

Artes Escénicas: Sabela Hermida.

Cine e Artes Audiovisuais: Xosé Manuel Sande.

– Cultura Gastronómica: Blanca Roig Rechou.

As bases en formato word poden baixarse aquí.

Ditame dos Premios da Crítica de Galicia 2021

O sábado 13 de novembro ás 12:00 horas no decurso dun acto na sede de Afundación de Vigo deuse a coñecer o ditame da XLIVª edición dos Premios da Crítica de Galicia nas súas modalidades de Creación Literaria, Investigación, Música, Iniciativas Culturais e Científicas, Artes Plásticas, Artes Escénicas, Cine e Artes Audiovisuais e Cultura Gastronómica, así como se entregaron os correspondentes á edición anterior.

Baixo o lema «Non hai idioma abondo para recoñecérmonos» da poeta Xela Arias, xuntáronse duascentas cincuenta persoas representativas dos diversos ámbitos da política, da sociedade e da actividade cultural do país, entre as que se atopaban Abel Caballero, alcalde de Vigo; Miguel Santalices, presidente do Parlamento de Galicia; Román Rodríguez, conselleiro de Cultura e Educación; Carlos López Font, vicepresidente da Deputación Provincial de Pontevedra; Rosario Álvarez, presidenta do Consello da Cultura Galega; Víctor F. Freixanes, presidente da Real Academia Galega, Valentín García, secretario xeral de Política Lingüística, Ana Pontón, portavoz nacional do BNG, entre outras.

No transcurso do acto, que foi conducido pola poeta Yolanda Castaño, Bieito Ledo, presidente e fundador dos Premios da Crítica de Galicia, entregou ao presidente do Parlamento de Galicia un recoñecemento deseñado polo pintor Antón Pulido con motivo do cuadraxésimo aniversario da cámara galega.

Ao longo da matinal, na que o Cuarteto Caramuxo estreou tres das súas pezas, ademais de coñecerse os ditames da edición do ano 2021, entregáronse tamén os da anterior, a XLIIIª, ditaminados o 23 de novembro de 2020, no marco das restricións da pandemia Covid 19: Feliz Idade de Olga Novo, premio de Creación Literaria; Anarquistas galegos en América, de Bieito Alonso, premio de Investigación; GCiencia. Portal da Ciencia Galega, premio de Iniciativas Culturais e Científicas; Margarita Viso, premio de Música; Alfonso Costa, premio de Artes Plásticas; Os Monicreques de Kukas, premio de Artes Escénicas; O que arde de Oliver Laxe, premio de Cine e Artes Audiovisuais e Festa do Marisco do Grove, premio de Cultura Gastronómica.

Dende comezos do mes de outubro, as 56 persoas compoñentes dos oito xurados, que se unen ao máis de mil trescentas de participantes ao longo de máis de catro décadas, traballaron e ditaminaron de forma virtual sobre as propostas presentadas libremente por editoras, produtoras e outras entidades culturais.

Virtudes (e misterios) de Xesús Fraga, Premio de Creación Literaria 2021

O xurado da XLIV edición dos Premios da Crítica de Galicia da modalidade de Creación Literaria, formado por  Mercedes Corbillón, libreira da Libraría Cronopios; Inma Oterocrítica e profesora; Isabel Mociño, crítica e profesora da UDV; Olga Novo, escritora, gañadora edición 2020; Ismael Ramos, escritor; Carlos Vizcaíno Fernández, crítico e profesor da UDC e Xavier Senín Fernández, secretaría, en representación dos Premios da Crítica de Galicia, acordou entre as propostas presentadas declarar finalistas a Illa decepción de Berta Davila (Galaxia); Virtudes (e misterios) de Xesús Fraga (Galaxia) e O pintor cego de Xabier DoCampo (Kalandraka).

 Tras as derradeiras deliberacións, acordou outorgar por maioría o premio a Virtudes (e misterios) de Xesús Fraga (Galaxia).

O xurado salientou da novela, entre outros aspectos: a perspectiva novidosa da emigración e centros cosmopolitas europeos; a construción dunha época que visibiliza e dignifica as mulleres emigrantes galegas; e a creación dun universo autoficcional sen condescendencias nin tampouco mistificación no que o narrador adopta unha posición discreta.

Castelao. Construtor da nación. Tomo II de Miguel Anxo Seixas, premio de Investigación 2021

O xurado da XLIV edición dos Premios da Crítica de Galicia da modalidade de Investigación, formado por  Bieito Alonso, profesor da UDV, gañador da edición 2020; Marisa Castro Cerceda, profesora de Bioloxía vexetal da UDV; Lourenzo Fernández Prieto, catedrático de Historia Contemporánea da USC e membro da RAG; Camiño Noia Campos, catedrática e profesora emérita da UDV; Neves Rodríguez Brisaboa, catedrática de Linguaxes e Sistemas Informáticos da  UDC, Premio Nacional de Informática; Ana Ulla Miguel, profesora de Astronomía e Astrofísica da UDV e María López Sández, Secretaría, en representación dos Premios da Crítica de Galicia, acordou entre as propostas presentadas declarar finalistas a Castelao. Construtor da nación. Tomo II (1931-1939) de Miguel Anxo Seixas (Galaxia); Narrativa e imaxinario nacional na reconstrución do campo literario na posguerra (1936-1966) de Mario Regueira (Xerais) e Unha mente que voa de Xurxo Mariño (Xerais).

Tras as derradeiras deliberacións, acordou outorgar por maioría o premio a Construtor da nación. Tomo II (1931-1939) de Miguel Anxo Seixas (Galaxia).

O xurado salientou que a obra é resultado dunha investigación profunda e rigorosa que se achega á figura fulcral da cultura galega. Máis alá da construción mítica, o traballo permite aprofundar, desde os feitos e as fontes, na personalidade de Castelao, poliédrica e complexa, iluminando a súa dimensión política, humana e artística.

Viñetas desde o Atlántico, premio de Iniciativas Culturais e Científicas 2021

O xurado da XLIV edición dos Premios da Crítica de Galicia da modalidade de Iniciativas Culturais e Científicas, formado por Ana Abelenda, xornalista de La Voz de GaliciaYolanda Castaño, poeta e xestora cultural; Pablo López, xornalista, codirector de  GCiencia, gañador da edición 2020; María Obelleiro, xornalista, directora de Nós diario; Fran Núñez, director do Centro Dramático Galego; Iria Veiga Ramos, psiquiatra e divulgadora científica e Inma López Silva e Ramón Nicolás Rodríguez, que exerceron labores de Secretaría, en representación de Premios da Crítica de Galicia, acordou entre as propostas presentadas declarar finalistas a Viñetas desde o Atlántico, Investigal (Rede Galega pola Investigación) e Pontenciencia (Feira da Miniciencia).

Tras as derradeiras deliberacións, acordou outorgar por unanimidade o premio a Viñetas desde o Atlántico.

O xurado salientou a traxectoria dilatada e entusiasta, de máis de dúas décadas a prol da difusión e divulgación dun xénero pouco recoñecido pero de grande excelencia como é a banda deseñada e no que cumpre un papel central no ámbito galego, estatal e internacional con forte calado popular. Ideado, alentado e dirixido por Miguelanxo Prado é un proxecto catalizador para a incorporación de novos talentos e, ao tempo, integrando actividades dirixidas a todo tipo de público, sempre cunha acollida extraordinaria.

Alejo Amoedo, premio de Música 2020

O xurado da XLIV edición dos Premios da Crítica de Galicia da modalidade de Música, formado por Luis Costa Vázquez, profesor do Conservatorio Superior de Vigo; Patricia Hermida, xestora cultural; Sofía Infante Souto, compositora especializada en música de cine;  Rodrigo Romaní, músico e profesor da ETRAD de Vigo; Daniel Salgado, xornalista e músico; Margarita Viso, compositora e intérprete, gañadora da edición 2020 e Mariana Fernández Carballal, Secretaría, en representación de Premios da Crítica de Galicia, acordou entre as propostas presentadas declarar finalistas a Susana Seivane, Abraham Cupeiro, Alejo Amoedo e Treixadura.

Tras as derradeiras deliberacións, acordou outorgar por maioría o premio a Alejo Amoedo.

O xurado salientou a súa actividade concertística continuada ao longo do ano, así como as súas colaboracións periodísticas de difusión da nosa historia musical en Faro de Vigo e en Nós diario, actividades que son unha mostra da súa longa traxectoria como dinamizador de posta en valor da patrimonio musical galego.

Manuel Ayaso, premio de Artes Plásticas 2021

O xurado da XLIV edición dos Premios da Crítica de Galicia da modalidade de Artes Plásticas, formado por Luciano Alfaya, arquitecto; Yolanda Carbajales, gravadora; Alfonso Costa, pintor, gañador da edición 2020; Francisco González Bouzán, director do centro cultural Marcos Valcárcel de Ourense; Mónica Maneiro, crítica e comisaria; Ana Soler, pintora e profesora e Ernesto Sánchez Pombo, Secretaría, Premios da Crítica de Galicia, acordou entre as propostas presentadas declarar finalistas a Manuel Paz, Manuel Buciños e Manuel Ayaso.

Tras as derradeiras deliberacións, acordou outorgar por unanimidade o premio a Manuel Ayaso.

O xurado salientou a súa traxectoria, a capacidade creativa, a construción de linguaxe persoal e a presenza de Galicia na súa obra pictórica, así como o seu recoñecemento internacional.

Erregueté. Revista Galega de Teatro, premio de Artes Escénicas 2021

O xurado da XLIV edición dos Premios da Crítica de Galicia da modalidade de Artes Escénicas, formado por Xavier Castiñeira Blanco, director de escena, docente na ESAD de Galicia e fundador da compañía teatral ButacaZero; Raquel Castro, escritora, profesora e presidenta da Asociación Teatral de Alxén;  Marcelino de Santiago Kukas, artista, dramaturgo, director, escenógrafo e fundador da compañía Os Monicreques, gañador da edición 2020; Iván Fernández, actor, director, dramaturgo e profesor de teatro;  Carmen Méndez, actriz e membro da Directiva da Academia Galega do Audiovisual;  Marta Pérez, actriz, creadora escénica e directora de Inversa Teatro e Malores Villanueva, Secretaría, en representación de Premios da Crítica de Galicia, acordou entre as propostas presentadas declarar finalistas a Número 100 de Erregueté. Revista Galega de Teatro, Sarabela Teatro que estreou A Lingua das Bolboretas e fixo 40 anos de traxectoria Marta Alonso por Bailar agora.

Tras as derradeiras deliberacións, acordou outorgar por  maioría o premio a Erregueté. Revista Galega de Teatro.

O xurado salientou a calidade das tres propostas e quere manifestar a súa dificultade para elixir unha soa candidatura. Como as bases contemplan un único premio, o xurado decantouse polo número 100 de Revista Galega de Teatro. Erregueté en 2020 chegou ao número 100 con grande esforzo e sen apenas subvencións. É a única revista en galego de teatro e con escasos recursos logran estar en todas as representacións, atender a todos os xéneros e facer unha crítica seria e profesional. Erregueté é máis que unha publicación, converteuse nunha fonte excepcional de documentación dende 1983. O número 100 saíu a toda cor. É un volume bisagra que marca o inicio dunha nova etapa, unha nova directiva que ten por diante o labor de manter en pé esta iniciativa e afrontar os desafíos do novo século no teatro galego.

Margarita Ledo, premio de Cine e Artes Audiovisuais 2021

O xurado da XLIV edición dos Premios da Crítica de Galicia da modalidade de Cine e Artes Audiovisuais, formado por Mayka Braña, actriz; Zaza Ceballos, produtora; Pepe Coira, produtor, vicepresidente da AGA; Alfonso Pato, director festival de Cans; María Yáñez, directora da revista dixital VinteAlicia Zapatero, realizadora da TVG e Jorge Mira, Secretaría, en representación de Premios da Crítica de Galicia, acordou entre as propostas presentadas declarar finalistas a Margarita Ledo, Alfonso Zarauza, Chelo Loureiro Alberte Branco «Bertitxi». 

Tras as derradeiras deliberacións, acordou outorgar por maioría o premio a Margarita Ledo pola produción, dirección e guión de Nación.

O xurado recoñece na premiada o seu irrenunciable compromiso por intentar transformar a sociedade cunha longa traxectoria que arranca nos alicerces do audiovisual galego. O seu filme Nación, que narra a loita das traballadoras de Pontesa, é unha historia necesaria, que homenaxea o traballo destas mulleres que axudaron a construír unha sociedade máis xusta dende o compromiso e a invisibilidade. O xurado destaca a proposta formal e a ollada singular que representa esta obra.

Queixaría Arias Moniz, premio de Cultura Gastronómica 2021

O xurado da XLIV edición dos Premios da Crítica de Galicia da modalidade de Cultura Gastronómica, formado por Iñaki Bretal, chef do restaurante O Eirado, Pontevedra; Paco Canedo, en representación da  Festa do Marisco do Grove, gañadora da edición 2020; Julia María Dolores de la Montaña, profesora xubilada de Nutrición e Diétetica e Química analítica e alimentaria da UDV; Tania Gestoso Cortizo, profesora do CIF Carlos Oroza, Pontevedra; Marga Pazos,consultora gastronómica, codirectora de CartablancaMartina Vicente García, crítica gastronómica, coeditora da revista La Alacena Roja e Paula Cabaleiro, Secretaría, en representación de Premios da Crítica de Galicia, acordou entre as propostas presentadas declarar finalistas a Culler de pau, Adelina Padín Forte (A horta de Adelina) Queixaría Airas Moniz.

Tras as derradeiras deliberacións, acordou outorgar por unanimidade o premio Queixaría Airas Moniz.

O xurado salientou que se trata dun proxecto portador de valores de sustentabilidade, excelencia, humildade e proximidade, apostando por un modelo de vida e desenvolvemento económico dende o rural galego, fomentando o respecto á tradición, máis apostando tamén pola vangarda, e situando (dende a mesma elección do seu nome) a Chantada e á Ribeira Sacra no mapa dos mellores queixos a nivel estatal.

Esta XLIVª edición dos Premios da Crítica de Galicia estivo patrocinada polo Concello de Vigo, A Xunta de Galicia e a Deputación provincial de Pontevedra, sendo entidades colaboradoras Afundación e Sargadelos.

Xurado dos Premios da Crítica de Galicia 2021

A xunta directiva da Asociación Premios da Crítica de Galicia acordou que o ditame dos XLIV Premios da Crítica de Galicia 2021 se celebrará o sábado 13 de novembro no centro social Afundacion de Vigo.

Así mesmo nomeou as seguintes persoas como membros dos xurados de cada unha das oito modalidades:

Creación literaria: Mercedes Corbillón, libreira da Libraría Cronopios; Inma Otero, crítica e profesora; Isabel Mociño, crítica e profesora UDV; Olga Novo, escritora, gañadora edición anterior; Ismael Ramos, escritor; Carlos Vizcaíno Fernández, crítico e profesor UDC e Xavier Senín Fernández, Secretaría, Premios da Crítica de Galicia.  

Investigación: Bieito Alonso, profesor da UDV, gañador da edición anterior; Marisa Castro Cerceda, profesora de Bioloxia vexetal da UDV; Lourenzo Fernández Prieto, catedrático de Historia Contemporánea de USC e membro da RAG; Camiño Noia Campos, catedrática e profesora emérita da UDV; Neves Rodríguez Brisaboa, catedrática de Linguaxes e Sistemas Informáticos da  UDC, Premio Nacional de Informática; Ana Ulla Miguel, profesora de Astronomía e Astrofísica da Universidade de Vigo e María López Sández, Secretaría, Premios da Crítica de Galicia.

Iniciativas Culturais e Científicas: Ana Abelenda, xornalista de La Voz de Galicia; Yolanda Castaño, poeta e xestora cultural; Pablo López, xornalista, codirector de  GCiencia, gañador da edición anterior; María Obelleiro, xornalista, directora de Nós diario; Fran Núñez, director do Centro Dramático Galego; Iria Veiga Ramos, psiquiatra e divulgadora científica e Inma López Silva, Secretaría, Premios da Crítica de Galicia.

Música: Luis Costa Vázquez, profesor do Conservatorio Superior de Vigo; Patricia Hermida, xestora cultural; Sofía Infante Souto, compositora especializada en música de cine;  Rodrigo Romaní, músico folk e profesor da ETRAD; Daniel Salgado, xornalista e músico rock; Margarita Viso, compositora e intérprete, gañadora da edición anterior e Mariana Fernández Carballal, Secretaría, Premios da Crítica de Galicia.

Artes Plásticas: Luciano Alfaya, arquitecto; Yolanda Carbajales, gravadora; Alfonso Costa, pintor, gañador da edición anterior; Francisco González Bouzan, director dentro cultural Marcos Valcárcel de Ourense; Mónica Maneiro, crítica e comisaria; Ana Soler, pintora e profesora e Ernesto Sánchez Pombo, Secretaría, Premios da Crítica de Galicia.

Artes Escénicas: Xavier Castiñeira Blanco, director de escena, docente na ESAD de Galicia e fundador da compañía teatral ButacaZero; Raquel Castro, escritora, profesora e presidenta da Asociación Teatral de Alxén;  Marcelino de Santiago Kukas, artista, dramaturgo, director, escenógrafo e fundador da compañía Os Monicreques, gañador da edición anterior; Iván Fernández, actor, director, dramaturgo e profesor de teatro;  Carmen Méndez, actriz e membro da Directiva da Academia Galega do Audiovisual;  Marta Pérez, actriz, creadora escénica e directora de Inversa Teatro e Malores Villanueva, Secretaría, Premios da Crítica de Galicia.

Cine e Artes Audiovisuais: Mayka Braña, actriz; Zaza Ceballos, produtora; Pepe Coira, produtor, vicepresidente da AGA; Alfonso Pato, director festival de Cans; María Yáñez, directora da revista dixital Vinte; Alicia Zapatero, realizadora da TVG e Jorge Mira, Secretaría, Premios da Crítica de Galicia.

Cultura Gastronómica: Iñaki Bretal, chef do restaurante O Eirado, Pontevedra; Paco Canedo, en representación da  Festa do Marisco do Grove, gañadora da edición anterior; Julia María Dolores de la Montaña, profesora xubilada de Nutrición e diétetica e Química analítica e alimentaria da UDV; Tania Gestoso Cortizo, profesora do CIF Carlos Oroza, Pontevedra; Marga Pazos, consultora gastronómica, codirectora de Cartablanca; Martina Vicente García, crítica gastronómica, coeditora da da revista La Alacena Roja e Paula Cabaleiro, Secretaría, Premios da Crítica de Galicia.