Novas

Laudatio para Bieito

O druída de Padroso que asentou nunha ría mentres soñaba con cambiar o mundo

Por María Xosé Porteiro

A finais dos ano 60, cinco mozos ían nun Dyanne 6 desde Galicia a Valencia. Sen cartos na faldriqueira, cheos de ilusión, deixaban atrás púlpitos, confesionarios, responsos e moito traballo social nas vilas e aldeas que conformaban as súas parroquias. Estaban na flor da vida loitando contra unha definición que era unha contradición en si mesma: curas obreiros.

Madia leva! Nunca tal se vira, pois que a Limia da que marchaban non era unha serra de Centro América tomada pola teoloxía da liberación. Era un mundo por espertar, aínda con métodos de vida que remitían ao medievo. Un mundo de viúvas de vivos e mortos, esgotado pola perda de sangue nova, primeiro na emigración americana e daquela xa na europea.

Entre eles, un tal Don Benito, nado no lugar de Padroso, parroquia de Abeleda, en Xunqueira de Ambía, de onde chegou a ser “Fillo Predilecto”, decidía deixar atrás aquel mundo onde reinan as augas do Arnoia, o Limia e o Támega e a serra de San Mamede convive coa xa seca lagoa de Antela, para -como el mesmo conta- pasar a ser Don Ninguén. Precisaba dixerir o aprendido na nenez e na mocidade cando descoñecía o difícil que ía ser construír un proxecto de vida desde un seminario onde aprendeu o estoicismo da disciplina, da constancia e do esforzo que marcarían toda a súa traxectoria.

Estamos a falar, xa se sabe, de Bieito Ledo Cabido, o patrucio feiticeiro que é quen de vivir tantas, e tan espléndidas vidas, nunha.

Poida que esa vida súa que ten a ver co mundo editorial fose das máis ricas e na que máis forza e vontade deixou. En 1983 foi o primeiro presidente da Asociación Galega de Editores. Da súa etapa como director xerente de Galaxia, entre 1979 e 1985, ten dito que foi unha das súas tres universidades, xunto coas xa comentadas de Padroso e o Seminario. Esta terceira, a editorial, foi un elo clave na cadea que axugou as xeracións dos galeguistas históricos cos do presente, con Ramón PIñeiro, García Sabell, Don Paco del Riego, Carlos Casares, e toda a nómina de esgrevias figuras do galeguismo e da cultura, no tránsito dun proxecto cultural de fondo calado, alicerce da industria cultural galega e referencia indubidable de país.

Se cadra non foi un tempo doado, mais si central para confirmar que a edición era a súa auténtica vocación, cun xeito de entender a vida que levou adiante, sen presas, pero sen pausas, como aprendera do seu veciño, o carpinteiro de Padroso, que lle dicía aquilo de que “o  caso é ir indo”, como as tartarugas: vagarosas, mais constantes. Non por acaso, esa consigna daría nome a unha empresa propia coa que conseguiu dotar a Galicia dunha auténtica Enciclopedia Universal. Só por iso, xa podía estar satisfeito. Por iso, e polo Dicionario Enciclopédico Galego Universal. Ou polo Dicionario biográfico de Galicia. Ou polo Dicionario dos nomes galegos… ou polos máis de seiscentos libros que alí naceron.

Salienta en Bieito, tamén, unha expresividade innata que abrolla na súa fala fluída e nun pensamento inquedo, veloz, curioso, e mesmo cósmico, se se me permite a licencia. Talvez, pecou de modesto ao demorarse tanto en facernos ver ao escritor que habita nel de tanto ocuparse en ler e publicar o que escribíamos os demais. O certo é que, por fin, desde non hai moitos anos, a escrita de Bieito se nos manifesta de xeito memorialístico, entre Cavilacións e Aconteceres, para compartir o relato dun mundo en transición. Velaquí, daquela, outro motivo para valorarmos o seu aporte á nosa cultura, á nosa patria, co alento comunicador que sempre lle puxo vento nas velas. (2’21”)430

Mais, de todas as súas facianas hai unha que nunca abandonou e que hoxe nos convoca neste acto: a do activismo cultural, a do axitador a quen lle debemos a idea de crear uns Premios da Crítica que tiveron a súa estrea o Día das Letras Galegas de 1978 e que neste 2023 están a facer os seus primeiros 45 anos.

Só un soñador podía imaxinar, naquela Galicia adoecida por tantos anos de ditadura e represión cultural e lingüística, que a forza e o talento do pobo darían para crear unha industria cultural con peso no PIB, no cómputo do emprego, na proxección externa e mesmo internacional… confirmando e consolidando o valor dunha creatividade do máximo nivel, cunha nómina extensa e de calidade na narrativa, a música, o audiovisual, as artes plásticas, a investigación, o pensamento… e, mesmo, a gastronomía entendida coma unha arte. Ao seu redor convocounos a unha panda de mozos e mozas ilusionados cun proxecto que foi sumando a moitos outros, conformando un exército de homes e mulleres de todos os ámbitos e expresións da cultura de nós.

Aquel home novo que estivera na universidade pontificia de Roma, que se licenciara en filosofía en Madrid, que decidira dedicar a súa vida ao Deus dos libros, e foi en Vigo libreiro, editor, escritor, axitador cultural e vigués distinguido, ten dito que sempre quixo “ter unha vida con imaxinación e con principios, porque, o máis importante, é querer e que me queiran” 

E aquí estamos para confirmarlle a aquel Balbino de Padroso que camiña con paso firme e baril polo seu sétimo decenio, que se están a cumprir eses seus soños, porque, Bieito, benquerido, sementaches e colleitaches. A túa vida é un exemplo frutífero para quen te queremos, pero tamén, e iso é transcendente, para a túa patria, para a túa matria, para o noso pobo e para a túa familia dos Premios da Crítica.

Celebramos que aquel mozo de Padroso fose quen de facer realidade as súas arelas, quen sabe se por nacer nun territorio máxico onde reinan as fragas das árbores sagradas dos celtas, tecendo carballeiras aloumiñadas por fontes e mananciais de augas limpas e puras.

O fillo de don Francisco e dona Secundina, o pai do Bieito fillo, e da súa irmá, Antía, o home que tivo forzas para soñar e facer posible 45 anos de Premios da Crítica, léganos fazañas propias dun sabio argallante de feitizos ancestrais para conservar e multiplicar  as sabenzas, a fala, e a inmensa creatividade deste pobo de nós. Ensinándonos, tamén, que sempre hai un novo chanzo por subir e novas metas que acadar cando se fixan con acerto os obxectivos, se constrúen fortes as equipas, se procuran alianzas e se traballa arreo. Velaí os ingredientes da poción máxica do druída de Padroso que asentou nesta ría e se propuxo cambiar o mundo.

Estamos aquí para confirmarte que non errabas, Bieito. Que es moi benquerido.

E para dicirche, alto e claro: grazas por unha vida dedicada a facer unha Galicia máis forte. Que non perda a conexión co soño dos devanceiros. Aberta a un futuro onde nos ensinaches que non podemos desistir. Que hai que seguir traballando para consolidarmos unha sociedade máis culta,  que é tanto coma dicir, máis libre, máis xusta.

Grazas por tanto, Bieito: sacerdote telúrico, druída máximo nesta Galicia do futuro que soñaches cando neno. O carballo do teu Padroso natal, máxima árbore sagrada dos celtas, é o símbolo que nos deixas nesta etapa apropiada para o balance.

Tomamos boa nota da mensaxe:
Coidarmos a natureza.
Termarmos do legado dos antepasados.
Convivirmos con respecto.
Sementarmos e colleitarmos afectos.
E, sobre todo, traballarmos polo futuro deste noso país,
deste noso pobo, coa cultura de nós coma bandeira.

En Vigo, a 28 de outubro de 2023, no 45º aniversario dos Premios da Crítica, con todo amor, para don Bieito Ledo Cabido: Beizón!