Queixaría Airas Moniz
O xurado da XLIV edición dos Premios da Crítica de Galicia da modalidade de Cultura Gastronómica, formado por Iñaki Bretal, chef do restaurante O Eirado, Pontevedra; Paco Canedo, en representación da Festa do Marisco do Grove, gañadora da edición 2020; Julia María Dolores de la Montaña, profesora xubilada de Nutrición e Diétetica e Química analítica e alimentaria da UDV; Tania Gestoso Cortizo, profesora do CIF Carlos Oroza, Pontevedra; Marga Pazos,consultora gastronómica, codirectora de Cartablanca; Martina Vicente García, crítica gastronómica, coeditora da revista La Alacena Roja e Paula Cabaleiro, Secretaría, en representación de Premios da Crítica de Galicia, acordou entre as propostas presentadas declarar finalistas a Culler de pau, Adelina Padín Forte (A horta de Adelina) e Queixaría Airas Moniz.
Tras as derradeiras deliberacións, acordou outorgar por unanimidade o premio Queixaría Airas Moniz.
O xurado salientou que se trata dun proxecto portador de valores de sustentabilidade, excelencia, humildade e proximidade, apostando por un modelo de vida e desenvolvemento económico dende o rural galego, fomentando o respecto á tradición, máis apostando tamén pola vangarda, e situando (dende a mesma elección do seu nome) a Chantada e á Ribeira Sacra no mapa dos mellores queixos a nivel estatal.