Olegario Sotelo Blanco
Olegario Sotelo Blanco (Quintela, 1945) é un escritor, editor e empresario galego. Logo de marchar a Barcelona a principios dos anos sesenta e traballar en múltiples oficios, dedicouse ao sector inmobiliario. Paralelamente á actividade industrial, creou Sotelo Blanco Edicións e a Editorial Ronsel (1993), que publica en lingua castelá. Presidiu o Centro Galego de Barcelona. Desde 2005 volveu a Galicia.
Como escritor interesouse polo mundo rural galego e os problemas sociais, políticos e psicolóxicos derivados da emigración. Entre as súas obras destacan “A emigración galega en Catalunya” (Sotelo Blanco, 1991), “Contos de Indianos” (Sotelo Blanco, 1994) e “Xentes do Mar do Grove” (Sotelo Blanco, 2006), entre outros.