Atalante
O xurado da XLV edición dos Premios da Crítica de Galicia da modalidade de Cine e Artes Audiovisuais, formado por José Luis Castro de Paz, historiador do cine, catedrático de Comunicación Audiovisual da USC; Margarita Ledo, directora, membro da RAG, gañadora da edición anterior; Sonia Méndez, directora, xestora e actriz; Ozo Perozo, director e traballador do audiovisual; Iria Pinheiro, actriz; Andrea Villa, experta en comunicación e cine e José Manuel Sande, crítico e programador, secretaría, en representación dos Premios da Crítica de Galicia, acordou entre as propostas presentadas declarar finalistas a Atalante; Lucía Catoira Pan e Chelo Loureiro.
Tras as derradeiras deliberacións, acordou outorgar por unanimidade o premio a Atalante.
O xurado salientou de Atalante o seu labor de distribución de traballos fílmicos con carácter independente, un repertorio de pezas laboriosas e esixentes asinadas por grandes cineastas como Hong Sangsoo, Meritxell Colell, Oliver Laxe, Paulo Rocha, Milagros Mumenthaler, Nobuhiro Suwa, Rita Azevedo ou Manoel de Oliveira, que van servir deste modo a procesos de difusión e internacionalización ao tempo que de reforzo do vínculo coas salas de cine nun momento histórico sensible.
Ademais, Atalante engade outro elemento esencial, a existencia mesma dunha versión orixinal subtitulada ao galego nas copias distribuídas, de acordo coas políticas de diversidade europea, sendo neste ámbito unha das promotoras asociativamente destacada na defensa dos dereitos lingüísticos e culturais.