Tanxarina
O xurado da XLVIIª edición dos Premios da Crítica de Galicia da modalidade de Artes Escénicas, formado por Paula Carballeira Cabana, directora, premio nacional de literatura dramática; Pablo Carrera Simón, fundador da Asociación Galega de Comedia dell’Arte; Noelia Castro, actriz e deseñadora gráfica, vicepresidenta de Escena Galega; Cristina Domínguez Dapena, ex directora do CDG, coordinadora da Sección de Artes Escénicas do CCG; Raquel Hernández Sánchez, directora de Teatro Ensalle, gañadora de 2023; Kirenia Martínez Acosta, coreógrafa, bailarina, produtora e Roberto Pascual Rodríguez, profesor da ESAD de Vigo, secretaría, en representación dos Premios da Crítica de Galicia acordou entre as propostas presentadas declarar finalistas: Diego Anido, Esther Carrodeguas eTanxarina.
Tras as derradeiras deliberacións, acordou outorgar por unanimidade o premio a Tanxarina.
O xurado salientou que esta paradigmática compañía de títeres galega celebrou con vigor, o pasado 2023, o seu 40 aniversario cunha cualitativa presenza no territorio, manifestada nas súas iniciativas de difusión e promoción de encontros, festivais e exposicións ao carón dunha relevante proxección internacional, cun forte compromiso coa investigación do teatro de títeres, obxectos e formas animadas así como unha xenerosa mirada e acompañamento interxeracional.