Milladoiro

Milladoiro é un grupo musical galego de folk, creado no ano 1979. Está considerado como o máis internacional dos grupos galegos, e un dos máis importantes investigadores de novas sonoridades para o folk galego.

O grupo orixinouse cando Xosé V. Ferreirós, Nando Casal e Ramón García Rei, membros de Faíscas do Xiabre, xuntáronse con Antón Seoane e Rodrigo Romaní. Estes últimos xa publicaran un disco co título de Milladoiro, de referencias medievais, no que colaborara Ferreirós. Así mesmo, Seoane e Romaní colaboraran con Faíscas no seu disco In memoriam. A formación completaríase con Xosé A. Méndez, frautista procedente da música de cámara, e Laura Quintillán, violinista de orixe uruguaia. A súa primeira actuación foi o 15 de maio de 1979, no auditorio do Colexio dos Salesianos, e nese mesmo ano editarían no seu primeiro disco, A Galicia de Maeloc, cun repertorio artellado a base de música galega tradicional, composicións irlandesas e música composta polo propio Seoane.

Durante os anos o grupo foi evolucionando cara unha música ca vez máis elaborada, de aspecto clásico, pero que mantén as súas referencias na música galega. Moitos dos seus traballos son resultado de encargos para institucións, bandas sonoras de películas ou música para exposicións, nos que tamén deixa pegada o folclore galego e irlandés. Os seus discos e directos manteñen a alternancia entre o repertorio máis folk e as pezas de carácter máis concertista. Milladoiro está considerado como un dos pioneiros da modernidade no folk galego, innovando nas combinacións instrumentais pouco habituais, ou sendo o primeiro grupo folk que gravou música acompañados de pandereteiras.

 

(Texto: Galipedia)