O xurado da XLVIIª edición dos Premios da Crítica de Galicia da modalidade de Cine e Artes Audiovisuais, formado por  Jaione Camborda, directora, gañadora da edición 2024; Xisela Franco, directora de cine, docente da UVigo; Miguel Mariño, director da Academia Galega do Audiovisual; Tino Santiago, xornalista da TVG retirado; Jesús Silva Vilas, crítico e programador de cine; Fernanda Tabarés, xornalista, ex directora de VozTV e María López Sández, escritora, membro da RAG, secretaría, en representación dos Premios da Crítica de Galicia acordou entre as propostas presentadas declarar finalistas: Chelo LoureiroManolo Álvarez González e Play-Doc International Film Festival

Tras as derradeiras deliberacións, acordou outorgar por unanimidade o premio a Manolo González.

O xurado salientou a súa condición de figura clave sen a cal non é posible comprender o audiovisual galego na súa dimensión histórica e na súa eclosión actual. Baixo o seu impulso en 2004, Jose Gil recibiu o merecido recoñecemento en Vigo, resultado do esforzo de investigación histórica do patrimonio audiovisual galego por parte de Manolo González. Nese mesmo ano fixéronse dez anos da primeira edición de Chanfaina, iniciativa clave do impulso dos novos creadores, ponte entre figuras consagradas e emerxentes con fonda raigame no rural e implicación da sociedade local. Sentou as bases dun modelo moderno de axudas ao talento, á creación e á distribución que se erixiu como referente no conxunto do estado. Saliéntase o seu esforzo pedagóxico por introducir a cultura audiovisual na educación, desenvolvendo propostas de alfabetización audiovisual. Manolo González é unha figura incontestable que concita admiración e consenso.