O xurado da XLVIIª edición dos Premios da Crítica de Galicia da modalidade de Cine e Artes Audiovisuais, formado por  Pepe Coira Nieto, guionista e gañador de 2023; Fon Cortizo, presidente de CREA e director; Ana Domínguez, codirectora do festival S8; Jaime Pena, programador da Filmoteca de Galicia; Cris Iglesias, actriz; Laura Seoane, xornalista e produtora cultural e Paula Cabaleiro, xestora cultural, secretaría, en representación dos Premios da Crítica de Galicia acordou entre as propostas presentadas declarar finalistas: Jaione Camborda, directora e guionista d’ O Corno; Play-Doc, Festival Internacional de Cine de Tui e María Vázquez, actriz, protagonista de Matria.

Tras as derradeiras deliberacións, acordou outorgar por maioría o premio a Jaione Camborda, recollendo o premio María Yáñez, responsable de comunicación d’ O Corno.

O xurado salientou o recoñecemento histórico acadado no festival internacional de Donostia por esta directora e polo filme O Corno, sendo a confirmación da mirada única, da sensibilidade feminista e da pegada artística dunha cineasta cun profundo compromiso co cinema autoral, físico e poético. O Corno marca un novo fito para o cinema galego, acompañado dunha acollida en salas pouco frecuente en filmes que desafían os estándares do cinema comercial. Destacamos a Jaione Camborda como unha das nosas grandes produtoras, directoras e guionistas do noso país.