Novas

Ditame dos Premios da Crítica 2015

premios_da_critica_2015

No Hotel Os Escudos de Vigo deuse a coñecer no decurso dun do xantar do sábado 7 de novembro o ditame da trixésima oitava edición dos Premios da Crítica Galicia na súas modalidades de Creación Literaria, Investigación, Música, Iniciativas Culturais, Artes Plásticas e Visuais, Artes Escénicas e Audiovisuais e Cultura Gastronómica.

Baixo o lema “Non bebades auga durmida”, recollido dun artigo de Xosé Filgueira Valverde, xuntáronse trescentas cincuenta persoas representativas dos diversos ámbitos da política, da sociedade e da actividade cultural do país, entre as que se atopaban Alberto Núñez Feijóo, presidente da Xunta de Galicia; Abel Caballero, alcalde de Vigo; Román Rodríguez, conselleiro de Educación e Cultura; Carmela Silva, presidenta da Deputación Provincial de Pontevedra; Ignacio López Chaves, delegado territorial da Xunta de Galicia en Vigo; Antonio Coello, subdelegado do Goberno en Pontevedra; Goretti Sanmarín, vicepresidenta da Deputación da Coruña; Xosé Ramón Besteiro, secretario do PSdeG-PSOE; Elena Muñoz, portavoz do grupo municipal do Partido Popular, entre outros.

Bieito Ledo, presidente da Fundación Premios da Crítica Galicia, abríu o acto, conducido por María Xosé Porteiro, saudando aos asistentes e lembrando a traxectoria destes premios que chegan a súa triséxima oitava edición. Rematou Bieito Ledo lembran que “cando todos os galegos deixemos de pedir perdon por que chove, Galicia será nosa”.

 

A viaxe de Gagarin de Agustín Fernández Paz, Premio de Creación Literaria

O xurado da modalidade de Creación Literaria, formado por Xosé María Lema Suárez, escritor, gañador da edición anterior; Eulalia Agrelo, crítica, presidenta de ELOS; Carme Vidal, xornalista cultural, Sermos Galiza; María Xesús Fernández, crítica; Manuel Rodríguez Alonso, crítico; Chus Nogueira, crítica, presidenta da Asociación da Crítica Galega e Xavier Senín, que actuou como secretario, en representación da Fundación Premios da Critica Galicia, acordou declarar finalistas as obras A viaxe de Gagarin de Agustín Fernández Paz (Xerais), Zapatillas rotas de Xabier Quiroga (Xerais) e Penúltimas tendencias de Carlos Negro (Xerais). Tras as derradeiras deliberacións acordou outorgar por maioría o premio á obra de Agustín Fernández paz A viaxe de Gagarin editada por Xerais.

O xurado salientou que “A viaxe de Gagariné unha novela que vén culminar un ciclo narrativo, na que o autor realiza unha emotiva viaxe desde o presente cara a unha parte da nosa historia recente tantas veces silenciada. Este reencontro desenvólvese a través dunha arquitectura textual ben definida e mediante unha linguaxe diáfana e sedutora tecida desde un galego rico e depurado. Así mesmo quere destacar o labor documental e as múltiples referencias socioculturais á época na que se sitúa a trama”.

 

Historia da Literatura Galega II. Rexurdimento de Xosé Ramón Pena, Premio de Investigación

O xurado da modalidade de Investigación, formado por Xosé Ramón Freixeiro Mato, catedrático UDC, gañador da edición anterior; Jesús de Juana López, catedrático UDV; Manuel González González, catedrático USC; Xosé Benito Reza, enxeñeiro forestal; María Edita de Lorenzo Rodríguez, catedrática da UDV; Aida Fernández Ríos, oceanógrafa, Instituto de Investigacións Pesqueiras de Vigo e Afonso Vázquez Monxardín, que actuou como secretario en representación da Fundación Premios da Crítica Galicia acordou declarar como finalistas ao científico e investigador Miguel Anxo Murado García e ás obras Conciencia política e literatura galega en Madrid de Ana Acuña (Xerais); Historia da Literatura Galega II. De 1853 a 1916. O Rexurdimento de Xosé Ramón Pena (Xerais). Tras as derradeiras deliberacións acordou outorgar por maioría o premio a Historia da Literatura Galega II de Xosé Ramón Pena (Xerais).

O xurado destacou que a obra gañadora constitúe un libro de referencia imprescindible. Fai unha excelente e documentadísima revisión crítica das cuestións máis controvertidas do Rexurdimento galego mediante a análise exhaustiva da bibliografía literaria e histórica existente achegando sempre unha visión persoal e moi novidosa en múltiples aspectos.

Así mesmo o xurado da modalidade de Investigación recomendou aos promotores destes Prmeios da Crítica Galicia a organización desta modalidade en vindeiras edicións en dúas áreas, unha de ciencias experimentais e tecnoloxía e outra de ciencias humanas e xurídico-sociais.

 

 Cineuropa, Premio de Iniciativas Culturais

O xurado da modalidade de Iniciativas Culturais, formado por Mercedes Rosón, Subdirectora da área de Cultura da USC; Encarna Lago, xerente da Rede Museística da Deputacion de Lugo; Francisco Porto, xestor cultural, director de Latamuda; Belén Fortes, xestora cultural; Xabier Límia, activista cultural; Ana Isabel Vázquez, activista cultural e Antón Sobral que actuou como secretario, en representación da Fundación Premios da Crítica Galicia acordou entre as propostas presentadas declarar finalistas a Cineuropa, Programa Conciencia e Festival Internacional do Mundo Celta de Ortigueira. Tras as derradeiras deliberacións acordou por unanimidade outorgar o premio a Cineuropa.

O xurado salientou que outrogou o premio a Cineuropa “pola calidade, o compromiso e a excelencia deste festival que permite a visión das mellores películas de ámbito europeo, que nos facilita o coñecemento doutras culturas e tamén polo decidido apoio ao cine galego. Tamén pola democratización sendo accesible a toda a sociedade, ademais de ser o festival máis longo no tempo con extraordinario éxito de público diairio. E por achegar esa interdisciplinariedade e pola renovación constante”.

 

Guadi Galego, Premio de Música

O xurado da modalidade de Música, formado por Anxo Pintos, músico, membro de Berrogüetto, gañador da edición anterior; Belén Bermejo, empresaria musical Sirgo torcendo; Antonio Borrazás, director de programación sala Capitol; Marían Fernández Álvarez, xestora cultura, O Cable Inglés; Bieito Romero, músico, membro de Luar na lubre e Tito Lesende, xornalista musical e responsable de comunicación de SGAE. e Marcos Lorenzo Gallego, que actuou como secretario, en representación da Fundación Premios da Crítica Galicia, acordou entre as propostas presentadas declarar finalistas a Guadi Galego, Festival de Pardiñas e a Central Folque. Tras as derradeiras deliberacións acordou outorgar por maioría o premio a Guadi Galego.

O xurado salientou de Guadi Galego “a súa traxectoria coherente, impecable e ancorada na Terra, así como o feito de ter acadado un estilo persoal e á marxe de etiquetas”

 

Xaquín Marín, Premio de Artes Plásticas e Visuais

O xurado da modalidade de Artes Plásticas e Visuais, formado por Antón Pulido, pintor, gañador da edición anterior; David Pintor, ilustrador; Manuel Gallego Jorreto, arquitecto; Paula Gómez del Valle, fotógrafa; Paula Mariño Pazo, comisaria de exposicións e profesora; Emilia Guimeráns, escultora e ceramista, e Charo Portela, que actuou como secretaria, en representación da Fundación Premios da Crítica Galicia, acordou entre as propostas presentadas declarar finalistas a Xaquín Marín, Liqen e David Rubín. Tras as derradeiras deliberacións, acordou outorgar por maioría o premio a Xaquín Marín.

O xurado salientou do Xaquín Marín “o seu compromiso coa plástica galega ao longo de toda a súa traxectoria, que se concreta no seu traballo como humorista gráfico e ilustrador. Unha traxectoria que reúne tradición e actualidade, feita sempre dende unha visión moi persoal, sendo no só unha referencia en Galicia senón tamén a nivel internacional.”

 

“Pan, pan” de A Panadaría Teatro, Premio de Artes Escénicas e Audiovisuais

O xurado da modalidade de Artes Escénicas e Audiovisuais, formado por Luis Patiño, director de cine, gañador da edición anterior; Belén Pichel, presidenta de Escena Galega; Manuel Xestoso, crítico; Ángel Suanzes, xornalista de cine TVG; Montse Dopico, xornalista cultural; Tamara Canosa, actriz. e Camilo Franco, que actuou como secretario, en representación da Fundación Premios da Crítica Galicia, acordou entre as propostas presentadas declarar finalistas a Pan, pan de A Panadaría Teatro, Perplexo de Il Maquinario Teatro e a Alfonso Zarauza pola dirección de Os Fenómenos. Tras as derradeiras deliberacións, acordou outorgar por maioría o premio a “Pan, pan” de A Panadaría Teatro.

O xurado salientou de Pan, pan “a decisión de facer un teatro que responde as dificultades dos tempos e a romper os prexuízos asociados ao humor feito por mulleres. A revelación polo debú dunha compañía saída da ESAD de Galicia cun primeiro espectáculo baseado no traballo das actrices, na creación propia e no risco artístico”. Así mesmo, o xurado sinalou que considera imprescindible dividir en dúas a categoría actual de Artes Escénicas e Audiovisuais en correspodencia coa importancia de ambos os dous sectores.

 

Miguel Vila Pernas, Premio de Cultura gastronómica

O xurado da modalidade de Cultura gastronómica, formado por Maite González do Grupo Cuevas, gañador da edición anterior; Delfina Cendón, hosteleira; Xavier R. Baixeras, escritor; Beatriz Sotelo, cociñeira d’ A Estación de Cambre; Luis Paadín, sumiller; Lidia Folgar, nutricionista e por Ernesto Sánchez Pombo, que actuou como secretario, en representación da Fundación Premios da Crítica Galicia, acordou entre as propostas presentadas declarar finalistas a Miguel Vila Pernas, Restaurante Verruga e Secreto Galaico Castañam. Tras as derradeiras deliberacións, acordou outorgar por maioría o premio a Miguel Vila Pernas.

O xurado salientou de Miguel Vila “a traxectoria de recuperación e posta en valor da culinaria galega tanto considerada dende o punto de vista tradicional como de novas propostas”.