O xurado da modalidade de Artes Plásticas, formado por Rosa Neutro, fotógrafa e artista visual; Chus Martínez Domínguez, crítica de arte e comisaria de exposicións; Juan Creus, arquitecto; Edu Valiña, artista visual; Javier Blanco, galerista, director da Galería Metro de Santiago de Compostela; Kiko da Silva, ilustrador e director da escola profesional O Garaxe Hermético de Pontevedra e Paula Cabaleiro, que actuou como secretaria, en representación de Premios da Crítica de Galicia, acordou entre as propostas presentadas declarar finalistas a María Luisa Sobrino, Carlos Quintáns e Din Matamoro. Tras as derradeiras deliberacións, acordou outorgar por maioría o premio a María Luisa Sobrino.

O xurado salientou de María Luisa Sobrino “a súa longa traxectoria como docente e investigadora no eido das Artes Plásticas en Galicia, continuando na actualidade unha importante implicación activista co seu contexto e coas problemáticas actuais. Pioneira no ensino da plástica contemporánea sendo impulsora da rede interdisciplinar da cultura galega. Ademais, 2016 foi o ano no que deixou o cargo de “coordinadora da sección de Creación e Artes Visuais contemporáneas do Consello da Cultura Galega, desde onde desenvolveu publicacións, actividades e informes que activaron novas lecturas sobre diferentes cuestións da creación contemporánea”.