Antón Pulido
O xurado da modalidade de Artes Plásticas e Visuais, formado por Xulio Gil Rodríguez, fotógrafo, gañador da edición anterior; Paula Cabaleiro, xestora cultural e comisaria de exposicións; Carlos Núñez “Le Vieux”, deseñador gráfico; Isabel Aguirre de Urcola, arquitecta; Xavier Limia de Gardón, crítico de arte, Annia González Castiñeira, directora de Pletor e Xavier Senín, que actuou como secretario, en representación da Fundación Premios da Crítica Galicia, acordou entre as propostas presentadas declarar finalistas a Berta Cáccamo, Antón Pulido e Francisco Pazos. Tras as derradeiras deliberacións, acordou outorgar por maioría o premio a Antón Pulido.
O xurado salientou que “Antón Pulido Nóvoa é un pintor e un excelente gravador que comenza axiña nos montes de Casaio, desenvolve un trazo profundo e denso que concreta nunha narrativa rexionalista que gabou Otero Pedrayo cando aínda non fixera Belas Artes en Barcelona.Refina o trazo despois da súa etapa de formación até que a mediados dos oitenta fai seu o expresionismo figurativo, en soidades de paseantes, xogadores, mulleres na lúa e todo un mundo simbólico.En 2013 sorprende en Pontevedra coa exposición “Kermesse” que viña esbozándose en mostras fóra de Galicia dende o ano 2007. Kermesse é unha viaxe a unha abstracción lúdica, moi ben organizada, que transforma toda a súa pintura anterior cunha solidez moi difícil de acadar.Pola súa traxectoria, pola exposición que se menciona, pola lección de frescura e renovación comprendendo o seu tempo, cremos que o artista é merecedor deste premio”.