Novas

Ditame dos Premios da Crítica Galicia 2012

No Hotel Os Escudos de Vigo deuse a coñecer no serán do sábado 17 de outubro o ditame da trixésimo quinta edición dos Premios da Crítica Galicia na súas modalidades de Creación Literaria, Investigación, Música, Iniciativas Culturais, Artes Plásticas e Visuais e Artes Escénicas e Audiovisuais.

Baixo o lema “Galicia como tarefa”, recollido dun título de Valentín Paz Andrade, xuntáronse máis de trescentas persoas representativas dos diversos ámbitos da política, da sociedade e da actividade cultural do país, entre as que se atopaban Abel Caballero, alcalde de Vigo; Xesús Vázquez Abad, conselleiro de Educación e Cultura; Anxo Lorenzo Suárez, secretario xeral de cultura; Valentín Gómez, secretario xeral de política lingüística: Ana Isabel Vázquez, delegada de Cultura da Deputación Provincial de Pontevedra; Santiago Domínguez Olveira, voceiro do BNG no concello de Vigo; Cesáreo Sánchez Iglesias, presidente da AELG; Luís González Tosar, presidente do PEN Club e Francisco Castro, presidente de GALIX, entre outros.

Bieito Ledo, presidente da Fundación Premios da Crítica Galicia, abríu o acto, conducido por Comba Campoy, saudando aos asistentes e lembrando a importancia desta triséximo quinta edición na que a Fundación edita o libro 35 anos de cultura, así como facendo un chamamento á valentía e sabedoría de nós os Galegos para facerlle fronte á realidade actual.

 “Fantasmas de luz” de Agustín Fernández Paz, Premio de Creación Literaria

O xurado da modalidade de Creación Literaria, formado por Ana Romaní Blanco, Luciano Rodríguez Gómez; Olivia Rodríguez, Fina Casalderrey Fraga; Isabel Mociño González, Xavier Lama e Blanca Roig Rechou, que actuou como secretaria, acordou outorgar por unanimidade o premio a Fantasmas de luz de Agustín Fernández Paz publicado por Edicións Xerais de Galicia. O xurado apuntou como razóns para premiar esta obra “a súa capacidade de enfiar cine e literatura na arquitectura da novela, unha das marcas poéticas do autor; o tratar problemas da sociedade de hoxe que levan á invisibilidade dos excluídos, aínda que a historia se sitúe nunha etapa anterior á crise; o facelo con humor, fina ironía e unha ollada atenta aos problemas profundos da nosa sociedade; e, por último, pola súa mensaxe final que, malia as denuncias, está cargada de optimismo e esperanza nun futuro mellor.

 “Patricia Fra López” , Premio de Investigación

O xurado da modalidade de Investigación, formado por Jorge Mira Pérez, Xosé Manuel Beiras Torrado (que desculpou a súa ausencia), Mercedes Brea López, María del Mar Lorenzo Moledo, Ricardo Garcia Mira, José María Barja e Ernesto Sánchez Pombo, que actuou como secretaría, acordou outorgar por unanimidade o premio á edición de Regreso a Compostela de Edith Wharton preparada por Patricia Fra López editada polo Servizo de Publicacións da Universidade de Santiago. O libro publica unha reprodución fotográfica, con transcrición e tradución, dun caderno manuscrito de Edith Whorton, unha das mellores novelistas norteamericanas da primeira metade do século XX, que realizou unha perigrinación a Santiago entre os anos 1925 e 1930. A edición vai acompañadas dun magnífico estudo introdutorio realizado pola profesora Patricia Fra da USC.

 O xurado acordou por unanimidade facer un chamamento aos poderes públicos para que o apoio e recoñecemento a investigación realizada en Galicia, non se vexa gravemente afectado polos recortes. O xurado entende que se non hai unha axeitada inversión en I+D+I non será posible acadar un desenvolvemento económico e social que asegure o benestar das xeracións futuras. O xurado entende por unanimidade que cómpre unha definición máis precisa nas bases de maneira que a efectos de inclusión dos traballos propostos, a data que debe terse en conta sexa a de publicación definitiva dos resultados da investigación.

  “Asociación Galega de Compositores”, Premio de Música

O xurado da modalidade de Música, formado Rodrigo Romaní, Javier Otero Neira, Abe Rábade, Marión Sarmiento, Carlos Villanueva, Maximino Zumalave e Anxo Tarrio Varela, que actuou como secretario, acordou outorgar o premio por unanimidade á Asociación Galega de Compositores. O xurado valorou a tarefa que esta Asociación vén realizando no ámbito da composición, da edición e da interpretación e considerou a importancia que supón a existencia na sociedade galega de iniciativas como as que leva a cabo, así como a notoriedade que supón o aumento de composicións de carimbo galego nos últimos vintecinco anos durante os que a Asociación Galega de Compositores vén dedicándose dun xeito eficaz, contribuíndo ademais á visibilidade da actividade creativa neste campo.

 “O sorriso de Daniel”, Premio de Iniciativas Culturais

O xurado da modalidade de Iniciativas Culturais, formado por por Manuel Rosales, Iago Martínez, Anxos Sumais, Carme Vidal, María Xosé Porteiro, Germam Ermida e Xavier Senín, que actuou como secretario, acordou outorgar o premio á Asociación O Sorriso de Daniel.

As persoas que forman parte do xurado analizaron as candidaturas que elas mesmas foron seleccionando e mais aqueloutras que chegaron á secretaría procedentes de propostas particulares e institucionais. O xurado tivo  en conta nas iniciativas elementos de innovación, continuidade, o traballo en rede, a conexión internacional, a visibilización de ámbitos pouco recoñecidos da cultura, a atención á perspectiva  de xénero e o recoñecemento do traballo cultural da Galicia exterior entre outros criterios.

Logo dun amplo debate  acordouse premiar a Asociación O SORRISO DE DANIEL. Por ser unha iniciativa innovadora que valora, difunde e quere o románico, un singular e extraordinario tesouro do noso patrimonio. O Sorriso parte do lema “O patrimonio coa viciñanza ten maior valor” e por iso as súas iniciativas implican e comprometen a quen ten o románico ao seu carón, tomando parte da súa propia historia persoal. A súa actividade céntrase especialmente no ámbito rural, nese patrimonio espallado e en certa medida abandonado pero tamén máis vivido. Trátase dun grupo de persoas “apaixonadas” polo patrimonio que buscan implicar aos veciños e veciñas no coidado e defensa do seu, con iniciativas enérxicas, imaxinativas e mesmo provocadoras. En pouco tempo, con escasos medios mais con moita ilusión déronlle ao patrimonio un espazo singular nos medios de comunicación e nas redes sociais, convertéronse nunha voz de reivindicación e denuncia e fixeron que vivamos con máis intensidade ese tesouro que é o noso patrimonio románico.

 “Carmen Nogueira”, Premio de Artes Plásticas e Visuais

O xurado da modalidade de Artes Plásticas e Visuais, formado Anxo Cabada, Suso Cubeiro, Álvaro de la Vega, Iñaki Martínez Antelo, Asunta Rodríguez, Teresa Táboas e Charo Portela, que actuou como secretaria, acordou tras recoñecer todas as propostas achegadas polos membros do xurado como de grande valor, outorgar por unanimidade o premio a Carmen Nogueira. Artista viguesa con grande actividade en construción da paisaxe, con actuacións en Pequín, Valparaíso, con representación na Feira ARCO 2011, recentemente a súa obra entrou na colección do Centro Nacional Reina Sofía, logo de ter feito exposicións individuais no CGAC, no MARCO ou no Bienal de Pontevedra, entre outras moitas.

 “Xosé Manuel Olveira “Pico”, Premio de Artes Escénicas e Audiovisuais

O xurado da modalidade de Artes Escénicas e Audiovisuais, formado Isabel Blanco, Mariana Carballal, Miguel Anxo Fernández, Gustavo Pernas, Mamen Quintas, Xesús Ron e Inma López Silva, que actuou como secretaria, acordou por unanimidade outorgar o premio a Xosé Manuel Olveira “Pico”, non só pola súa traxectoria incuestionábel, senón tamén polo seu traballo teatral e audiovisual como figura capaz de unir eses dous mundos, sempre con seriedade, calidade, intelixencia e fonda humanidade. Alén diso, o xurado desexa destacar a súa participación en obras de particular relevancia durante o ano 2011 coma os filmes Sinbad e Doentes¸ e a peza teatral O florido pénsil. O xurado realizou tamén unha mención especial á longametraxe documental Tralas luces, e en especial á súa directora Sandra Sánchez e á produtora Fernanda del Nido, pola súa intensidade e lirismo, e por construír un universo de mulleres nun modelo de produción que, ademais, insiste especialmente nesa dimensión feminina.

Premios da Crítica Galicia 2012, reserva a túa praza

O ditame dos xurados da 35ª edición dos Premios da Crítica Galicia será coñecido o sábado 17 de novembro de 2012 no decurso dunha cea que se celebrará en Vigo, no Hotel Os Escudos, a partir das 20:30 horas.

O cuberto terá un prezo de 35€.

Ingreso: Novacaixagalicia nº 2080-0218-87-0040000752

Todos os asistentes recibirán un exemplar do libro «Premios da Crítica Galicia. 35 anos de Cultura Galega».

As persoas que desexen asistir poden facer a súa reserva chamando ao teléfono 629 58 78 07 ou no correo electrónico anxorajo@hotmail.com

Premios da Crítica Galicia 2012

O sábado 17 de novembro de 2012 celebrarase a XXXVª edición dos Premios da Crítica Galicia que como na pasada edición terán lugar no Hotel Os Escudos de Vigo.

A xunta directiva da Fundación Premios da Crítica Galicia nomeou as seguintes persoas como membros dos xurados de cada unha das modalidades:

Creación Literaria: Ana Romaní (escritora, gañadora da edición 2011 de Creación Literaria),  Fina Casalderrey (escritora, Premio Nacional de Literatura Infantil), Olivia González (profesora da UDC, Sección de Crítica da AELG), Xavier Lama (escritor e xornalista), Isabel Mociño González (Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades, profesora da UDV), Luciano Rodríguez (profesora da UDC), e Blanca-Ana Roig Rechou (secretaría, Fundación Premios da Crítica Galicia).

Investigación:  Jorge Mira Pérez (catedrático da UDS, gañador da edición 2011), Xosé Manuel Beiras Torrado (catedrático xubilado da UDS), María del Mar Lorenzo (profesora da UDS), José María Barja (catedrático e ex-reitor da UDC), Mercedes Brea (catedrática da UDS), Ricardo García Mira (profesor da UDC) e Ernesto Sánchez Pombo  (secretaría, Fundación Premios da Crítica Galicia).

Música:  Rodrigo Romaní (membro da Orquestra Son de Seu, gañador da edición 2011), Marión Sarmiento (voz do Taller Atlántico Contemporáneo), Javier Otero Neira (director do Conservatorio de Santiago), Abe Rábade (músico de jazz, pianista e compositor), Carlos Villanueva (catedratico da UDS), Maximino Zumalave (director de orquestra, pianista) e Anxo Tarrio Varela (secretaría, Fundación Premios da Critica Galicia).

Iniciativas Culturais:  Xosé Manuel Rosales (arquitecto e profesor, membro do Proxecto Terra, gañador da edición 2011), Iago Martínez (xornalista), Anxos Sumai (escritora), María Xosé Porteiro (xornalista e escritora), Germam Ermida (xornalista), Carme Vidal (xornalista) e Xavier Senín (secretaría, Fundación Premios da Crítica Galicia).

Artes Plásticas e Visuais:  Anxo Cabada (fotógrafo), Suso Cubeiro (ilustrador), Álvaro de la Vega (escultor), Iñaki Martínez Antelo (director do Marco), Asunta Rodríguez (galerista, directora da Galería Trinta), Teresa Táboas (arquitecta) e Charo Portela  (secretaría, Fundación Premios da Crítica Galicia).

Artes Escénicas e Audiovisuais:  Xesús Ron (actor e director, en representación de Chévere, gañador da edición 2011), Mariana Carballal (actriz, directora), Mamen Quintas (produtora, Ficción Producións), Miguel Anxo Fernández (crítico de cine), Gustavo Pernas (actor, director, Ancora Producións), Isabel Blanco (actriz, delegada AISGE en Galicia) e Inma López Silva (secretaría, Fundación Premios da Crítica Galicia).

O ditame dos xurados desta 35ª edición dos Premios da Crítica Galicia será coñecido o sábado 17 de novembro de 2012 no decurso dunha cea que se celebrará en Vigo, no Hotel Os Escudos, a partir das 20:30 horas..

Cultura, dignidade e futuro

Chamamento a partidos e organizacións políticas con motivo do 21-O

Dende a súa creación en 1978, os Premios da Crítica de Galicia celebramos os mellores froitos da nosa cultura, 35 anos de apoio á creación e ao coñecemento en todos os seus eidos e disciplinas. Ao longo deste fecundo período, distinguimos cos nosos galardóns a máis de duascentas persoas, colectivos, iniciativas e institucións da máis variada condición e sensibilidade. O respecto pola diversidade e o fomento da convivencia no marco dun galeguismo integrador foi o distintivo inequívoco da nosa entidade e o principio irrenunciable que orienta tamén hoxe o noso quefacer.

Ese talante integrador, longamente contrastado, e a traxectoria ininterrompida da nosa actividade crítica permítennos facer agora algunha modesta consideración sobre o presente e o futuro da cultura en Galicia, máis aínda cando sabemos que vivimos un momento decisivo tanto para as iniciativas culturais públicas como para as industrias culturais privadas, sometidas á severidade das políticas de consolidación fiscal e ás incertezas do tránsito cara á creación e distribución dixitais.

Entendemos que a cultura é un elemento substancial na cohesión social dos pobos, ademais do principal soporte da súa identidade e dun alicerce da liberdade individual e colectiva, en tanto que amplía as destrezas expresivas da cidadanía. Mais a estes valores intanxibles cómpre engadir un terceiro: a cultura e a creatividade son activos produtivos, fontes incuestionables de progreso material, na medida en que achegan beneficios en termos de emprego (17.000 postos de traballo directos e indirectos en Galicia) e de actividade económica (2% do PIB galego). Ese importante impacto económico do sector da cultura non se limita á súa propia industria, senón que afecta a outros sectores económicos como o turismo, a hostalaría, os produtos alimentarios, o téxtil ou o deseño industrial. A creatividade engade valor ao conxunto da produción galega, contribuíndo a singularizar os nosos bens e servizos coa “marca Galicia”, achegándolle así visibilidade e prestixio, do que se derivan vantaxes competitivas.

A relevancia do papel da industria cultural nunha sociedade avanzada é unha evidencia que compartiron as diversas xeracións galeguistas. Posición da que deixaron testemuño Isaac Díaz Pardo, Xaime Isla Couto e Avelino Pousa Antelo, tres emprendedores galeguistas que souberon acrisolar economía e cultura ao servizo do proxecto de modernización do país. Como tamén o fixo Valentín Paz Andrade, o empresario, xornalista e poeta que homenaxeamos o Día das Letras Galegas de 2012. Catro visionarios que contribuíron ao proxecto de construír Galicia, tarefa á que todos nos debemos adscribir.

Hoxe en Galicia, polo efecto das políticas de reformas e austeridade, tanto as iniciativas culturais públicas (museos, centros de arte, bibliotecas e programas locais de creación e difusión cultural) como as diversas industrias culturais privadas, sexan da edición, do audiovisual, da música, das artes escénicas ou de novos medios, padecen unha situación crítica, que sabemos de auténtica emerxencia, que, de non se lle poñer remedio, acabará destruíndo boa parte do noso tecido cultural, un tapiz que á vista do esforzo realizado nestes 35 anos non foi doado de tecer. De se consumar esta regresión sabemos que non só continuaremos asistindo á perda de moitos postos de traballo e peche de numerosas empresas culturais, senón ademais a graves repercusións en cadea noutros sectores de actividade e a un auténtico desmantelamento da nosa identidade. A crise do sector da cultura pode levar á dramática devaluación material e espiritual de Galicia.

Dende a Fundación Premios da Crítica Galicia somos conscientes da fondura da crise económica que nos afoga, e non discutimos que a súa saída deba pasar polo esforzo e a contribución corresponsable de todos. Porén, estamos seguros de que os sacrificios que na nosa sociedade se lles está a pedir á cultura e ás súas empresas, como amosa a brutal subida do IVE cultural deica o 21%, non son nin equitativos nin razoables.

Lamentamos que nalgunhas instancias da vida económica e política aínda subsista a miope consideración da cultura como un mero ornamento en lugar dun activo estratéxico xerador de valor e de futuro no desenvolvemento do país. Os agresivos recortes nos orzamentos de cultura en Galicia dos diversos poderes públicos (Xunta de Galicia e administracións locais) son sintomáticos dese nocivo estado de opinión. Tampouco podemos agochar a nosa preocupación pola redución drástica dos orzamentos da obra social e cultural do que foron as caixas de aforros galegas, así como pola alarma que nos provoca a posibilidade da súa desaparición.

A cultura en Galicia, tanto as iniciativas dos poderes públicos como as industrias culturais privadas, precisan dun novo modelo de financiamento sostible e de funcionamento profesional e autónomo, independente das mudanzas políticas. Nesa liña, cremos imprescindible a aprobación dunha Lei de mecenado e patrocinio de Galicia, así como a elaboración dun Plan estratéxico para a Cultura Galega (2013-2023) elaborado coa participación dos creadores e empresas de cada un dos sectores culturais. Porque, repetimos, o que está en xogo no estado da cultura é quen somos, e en consecuencia a nosa liberdade, dignidade e futuro colectivo.

 

Galicia, 28 de setembro de 2012

Xantar de irmandade na Bodega Martín Codax para celebrar 35 anos de cultura galega

A Fundación Premios da Crítica Galicia celebrou un xantar de irmandade na Bodega Martín Códax de Cambados no que participaron unha importante representación dos premiados ao longo das súas trinta e catro edicións.

Abriu o xantar Ramón Barral, vicepresidente da Bodega Martín Códax, que como anfitrión recibíu de forma moi agarimeira aos asistentes e expresou o compromiso renovado da súa empresa coa cultura galega. Logo, interviu Bieito Ledo, presidente da Fundación Premios da Crítica Galicia, para agradecer o convite de Martín Códax e lembrar a importancia da traxectoria ininterrompida, ao longo de trinta e cinco anos, dunha iniciativa, nacida do Círculo Ourensán Vigués e máis tarde consolidada como Fundación independente e interxeracional. Ledo salientou que foran máis de 200 as persoas premiadas ao longo destas máis de tres décadas e 800 as que formaran parte dos diversos xurados, desenvolvendo sempre un exercicio crítico caracterizado polo seu rigor e independencia. A lectura da relación dos membros dos xurados da primeira edición, celebrada en 1978,  entre os que se atopaban lumieiras da cultura galega do século XX, como Eduardo Blanco Amor, Celso Emilio Ferreiro ou Carlos Casares, serviu ao presidente da Fundación para lembrar a importancia dunha iniciativa nacida antes da existencia das institucións culturais autonómicas .

Finalizado o xantar, en representación do premiados interviron o escritor Alfredo Conde e os académicos Andrés Torres Queiruga, Xosé Neira Vilas e Xesús Alonso Montero. Por último, pecharon as intervencións Anxo Lorenzo, secretario xeral de Cultura, e Xesús Vázquez, conselleiro de Cultura e Educación, que expresou os parabéns do Goberno Galego á traxectoria da Fundación Premios da Crítica Galicia. A actuación de Uxía Senlle puxo remate ao xantar.