Ditame dos Premios da Crítica 2016

pcrit2016072No Hotel Os Escudos de Vigo deuse a coñecer no decurso dun do xantar do sábado 19 de novembro o ditame da trixésima novena edición dos Premios da Crítica Galicia na súas modalidades de Creación Literaria, Investigación, Música, Iniciativas Culturais e Científicas, Artes Plásticas, Artes Escénicas, Cine e Artes Audiovisuais e Cultura Gastronómica.

Baixo o lema “En Irmandade”, lembrando o centenario das Irmandades da Fala, xuntáronse trescentas cincuenta persoas representativas dos diversos ámbitos da política, da sociedade e da actividade cultural do país, entre as que se atopaban Abel Caballero, alcalde de Vigo; Román Rodríguez, conselleiro de Educación e Cultura; Carmela Silva, presidenta da Deputación Provincial de Pontevedra, entre outros.

Bieito Ledo, presidente da Fundación Premios da Crítica Galicia, abríu o acto, conducido por Noelia Otero, saudando aos asistentes e lembrando a traxectoria destes premios que chegan a súa triséxima novena edición.

O deserto de María do Cebreiro, Premio de Creación Literaria

O xurado da modalidade de Creación Literaria, formado por Ana Acuña Trabazo, crítica, profesora UDV; Dolores Vilavedra, crítica, profesora USC; Teresa Seara, crítica, profesora UDC; Malores Villanueva, crítica; Marta Neira Rodríguez, crítica, profesora UDV; David Otero Rodríguez, escritor e Afonso Vázquez Monxardín que actuou como secretario, en representación da Fundación Premios da Critica Galicia, acordou declarar finalistas as obras Cabalos e lobos de Fran P. Lorenzo (Xerais), O deserto de María do Cebreiro (Apiario) e Os últimos días de Terranova de Manuel Rivas (Xerais). Tras as derradeiras deliberacións acordou outorgar por maioría o premio á obra de María do Cebreiro O deserto editada por Apiario.

O xurado salientou que “a alta calidade do libro radica tanto na súa autenticidade, propia dunha voz tan persoal como é a da autora, como na integración de diversas referencias culturalistas que aínda así non impiden a intelixibilidade da mensaxe poética. Tamén se fixo referencia ao diálogo coas imaxes que conforman o libro, así como o coidado estético deste como produto artítico”.

Historia da literatura infantil e xuvenil galega de Blanca Roig, Premio de Investigación

O xurado da modalidade de Investigación, formado por Xosé Ramón Pena, escritor, gañador da edición anterior; Juan Ramón Vidal Romaní, director do Instituto de Xeoloxía de Galicia, catedrático da UDC; Celia Vázquez, profesora da Facultade de Tradución da UDV; Marilar Jiménez Aleixandre, catedrática de Didáctica das Ciencias da USC; Antonio Rodríguez Colmenero, arqueólogo; Ramón Lourenzo, catedrático da USC. e Modesto Hermida García, que actuou como secretario en representación da Fundación Premios da Crítica Galicia acordou declarar como finalistas ás obras Medo político e control social na retagarda franquista de Lucio Martínez Pereda (Xerais); Historia da Literatura Infantil e Xuvenil Galega do equipo coordinado por Blanca Roig Rechou (Xerais) e Juan Rof Codina de Diego Conde Gómez (Xerais). Tras as derradeiras deliberacións acordou outorgar por maioría o premio a Historia da literatura infantil e xuvenil galega do equipo coordinado por Blanca Troi Rechou (Xerais).

O xurado destacou que a obra gañadora “ten moito interese para a comunidade educativa e para novos investigadores sobre literatura infantil. Así mesmo que o equipo investigador realizou un grande esforzo na recompilación de materiais nunha área decisiva para o futuro das letras galegas, ao tempo que serve de base para outras investigacións e e exercicios críticos máis detallados”.

Observatorio da Mariña pola Igualdade, Premio de Iniciativas Culturais e Científicas

O xurado da modalidade de Iniciativas Culturais, formado por Branca Novoneyra, concelleira do concello de Santiago, Cineuropa, gañador da edición anterior; Paz Castro de Kalandraka Editora; Xurxo Mariño, divulgador científico, profesor UDC; Patricia Porto Paderne, libreira, Libraría Lila de Lilith; Patricia Arias Chachero, fundación Otero Pedrayo; Antonio Piñeiro, xestor cultural, Fundación Curros Enríquez e María López Sández, que actuou como secretaria, en representación da Fundación Premios da Crítica Galicia, acordou entre as propostas presentadas declarar finalistas a Programa ConCiencia, Observatorio da Mariña pola Igualdade e Numax Sociedade Cooperativa Galega. Tras as derradeiras deliberacións acordou por maioría outorgar o premio a Observatorio da Mariña pola Igualdade.

O xurado salientou que “esta iniciativa afonda no traballo necesario pola igualdade de xénero dando visibilidade ao esforzo das mulleres desde o campo literario ao científico. O xurado considerou, así mesmo, o esforzo engadido de xestar unha iniciativa cultural destas caracteríticas na Mariña. A confluencia da muller, a lingua minorizada e a marxe xeográfica confire a este proxecto un carácter de múltiple subalternidade que consideramos digno de ser centro da nosa atención”.

Uxía, Premio de Música

O xurado da modalidade de Música, formado por Guadi Galego, música, gañadora da edición anterior; Xosé Aldea, editor, director de Culturgal; Cristina Pujales, técnica do Arquivo Sonoro de Galicia; Tomás Camacho, guitarrista; Xoán Piñón, músico; Ángeles Feijoo, produtora e María Xosé Porteiro, que actuou como secretaria, en representación da Fundación Premios da Crítica Galicia, acordou entre as propostas presentadas declarar finalistas a Uxía, María Fumaça e Festival de Ortigueira. Tras as derradeiras deliberacións acordou outorgar por unanimidade o premio a Uxía.

O xurado salientou “a longa traxectoria de Uxía como intérprete, comezada en 1986, coa gravación de Foliada de marzo, así como a súa calidade como compositora e letrista. O xurado destacou de Uxía “a súa condición de ponte entre as distintas culturas da lusofonía e de divulgadora da poesía galega, especialmente no eido infantil”. Outro tanto, o xurado destacou “o seu traballo de promoción de proxectos tan necesarios para a súa visibilidade na sociedade como María Fumaça. Sen esquecer, Baladas da Galiza imaxinaria, o seu ultimo disco en colaboración con Fran Perez Narf”.

Gabriel Tizón, Premio de Artes Plásticas

O xurado da modalidade de Artes Plásticas, formado por Xaquín Marín, humorista gráfico, gañador da edición anterior; Román Pereiro, crítico; Celestino Poza Domínguez, xestor cultural; Alberto de Paula Prieto, arquitecto; Luz Darriba, artista; Cristina Carballedo, comisaria e Xavier Limia de Gardón, que actuou como secretario, en representación da Fundación Premios da Crítica Galicia, acordou entre as propostas presentadas declarar finalistas a Soledad Penalta, Paco Pestana e Gabriel Tizón. Tras as derradeiras deliberacións, acordou outorgar por votación o premio a Gabriel Tizón.

O xurado salientou “a súa calidade estética dentro dun compromiso social dende a súa profesión ao longo do mundo: Guinea Bissau, Lesbos, Subia, Calais… poñendo énfase nos conflitos humanitarios duns tempos convulsos, que nos achega e ,ao mesmo tempo, proxecta o noso país na esfera internacional”.

Teatro do Atlántico, Premio de Artes Escénicas

O xurado da modalidade de Artes Escénicas, formado por Areta Bolado, actriz, A Panadaría Teatro, gañadora edición anterior; Gustavo Pernas, escritor e director; Roberto Pascual, director MIT Ribadavia; Manuel Vieites García, director da EADG; Manuel Guede Oliva, director; Laura Ponte, actriz e Inmaculada López Silva, que actuou como secretaria, en representación da Fundación Premios da Crítica Galicia, acordou entre as propostas presentadas declarar finalistas a Teatro do Atlántico, Kukas Producións Artísticas e Matarile Teatro. Tras as derradeiras deliberacións, acordou outorgar por unanimidade o premio a Teatro do Atlántico.

O xurado salientou “a traxectoria de Teatro do Atlántico fundada en 1985 por María Barcala e Xulio Lago, compañía que apostou sempre pola lingua galega como se demsotra no espectáculo O principio de Arquímedes (2015)”. Alén diso, o xurado destacou “a creación dun repertorio propio con diferentes autores e a coherencia no mantemento dunha poética propia, a miúdo independente das correntes dominantes, pero sempre con eleva calidade”. O xurado quixo destacar tamén “a importancia para a Historia do teatro galego dos dous integrantes da compañía: María Barcala, coherente cun modelo de interpretación e de xestión e no seu activismo teatral, que mantén unha reivindicación da figura da muller como creadora e traballadora das artes escénicas, e Xulio Lago, director fundamental no teatro galego, adiantado en tantos cousas, pensador habelencioso dos sucesivos momentos culturais, e artífice non só de Taetro do Atlántico, senón de moitos dos fitos fundamentais do noso teatro”.

Alberte Pagán, Premio de Cine e Artes Audiovisuais

O xurado da modalidade de Cine e Artes Audiovisuais, que se outorgaba por vez primeira, formado por Manuel González Álvarez, profesor; Beli Martínez, profesora UDV; Ramiro Ledo Cordeiro, presidente de NUMAX; Daniel Domínguez, guionista; Suso Novas, programador cultural; Iria Sobrado, actriz e Antón Sobral, que actuou como secretario, en representación da Fundación Premios da Crítica Galicia, acordou entre as propostas presentadas declarar finalistas a Alberte Pagán, Play doc de Tui e S8 Mostra de cine periférico da Coruña. Tras as derradeiras deliberacións, acordou outorgar por unanimidade o premio a Alberte Pagán.

O xurado salientou de Alberte Pagán “a súa condición de cineasta total, así como a integridade e coherencia no seu traballo tanto intelectual como artístico. A súa faceta como investigador, docente, programador, ensaísta, poeta, tradutor, novelista, activista cultural, pero basicamente pola alta calidade cinematográfica da súa obra, abrindo camiños poucos transitados polas cinematografías de calquera país”.

Artesáns da Pesca, Premio de Cultura gastronómica

O xurado da modalidade de Cultura gastronómica, formado por Miguel Vila Pernas, gastrónomo, gañador da edición anterior; Xavier Castro Pérez, gastrónomo, profesor da USC; Pepe Solla, cociñeiro; Marisol Bueno, bodegueira, D.O. Rías Baixas; Marta Fernández Vázquez, Escola Superior de Hostelería; Ricardo García Rodríguez, hosteleiro e por Blanca Roig Rechou, que actuou como secretaria, en representación da Fundación Premios da Crítica Galicia, acordou entre as propostas presentadas declarar finalistas a Manuel Gago, Artesáns da Pesca e David Sueiro (Galo Celta). Tras as derradeiras deliberacións, acordou outorgar por maioría o premio a Artesáns da Pesca.

O xurado salientou de Artesáns da Pesca “o seu compromiso por unha pesca sostible, defensa das artes tradicionais, especialmente as de baixura e proximidade”. Ademais destacou “o seu labor de concienciación do colectivo pesqueiro e a procura da innovación e a excelencia”. Por último, o xurado fixo unha mención especial de “David Sueiro (Galo Celta) por liderar un traballo que vai máis alá da recuperación dunha raza autóctona”.

Galeria de fotos de Xulio Xil.

Inaugurados os «Sábados Culturais 2013»

Coa presentación do libro Premios da Crítica Galicia. 35 anos de Cultura inauguráronse no mediodía do 9 de marzo os «Sabados Culturais 2013». Máis de medio cento de persoas participaron nun acto celebrado na Casa Galega da Cultura de Vigo que contou coas intervencións de Bieito Ledo, Ramón Nicolás, Modesto Hermida, Xesús Alonso Montero e o alcalde de Vigo Abel Caballero.

Iniciou a quenda de discursos, Bieito Ledo lembrando a súa chegada a Vigo hai trinta e sete anos e o intenso traballo cultural desenvolvido no Círculo Ourensán Vigués, de onde nacería a iniciativa de creación dos Premios da Crítica Galicia. «O local do Círculo Ourensán da rúa Venezuela era o lugar de encontro dos sindicatos, particularmente dos de El Corte Inglés, que acabara de abrir en 1975. Alí era o lugar de ensaio do teatro Artello. Reuníanse as Xuventudes Musicais de Vigo e convocábase un concurso de xóvenes intérpretes. Organizábanse cursos de galego para profesionais, nos que xente da altura intelectural do maxistrado García Ramos ou do profesor Alonso Montero impartían conferencias. Alí se montou o primeiro club de microordenadores, dirixido por Luís Suárez Marconi. Había tamén curso de ioga e baile. Organizábase a «Semana da Cultura Galega» en Guimarâes e a Semana da Cultura Portuguesa en Vigo. De alí naceu a Romaría das Letras Galegas de Castrelos e alí naceu a iniciativa da creación dos Premios da Crítica Galicia e dende alí se organizaron até que en 1993 creouse a Fundación incorporando xente de toda Galicia». Despois, Bieito Ledo salientou que a xeira de actividades bautizada como «Sábados Culturais» nacía coa intención de contribuír á dinamización do Casco Vello e a facer máis visible o labor da Fundación. Rematou a súa primeira intervención insistindo na importancia da sociedade civil como garante democrático.

Na súa intervención, o crítico e profesor Ramón Nicolás saudou o nacemento destes «Sabados Culturais» «que contribuirán, sen dúbida, a vivificar a cerna da Fundación dos Premios da Crítica e a proxectar as súas actividades á sociedade civil». Sinalou, máis tarde, que «a lectura deste libro que hoxe presentamos, amais de entendelo como unha achega extraordinaria para poder avaliar algunhas das liñas de sentido da nosa cultura viva nos últimos trinta e cinco anos, resultoume gorentosa e altamente informativa». Recomendando, depois, «moi vivamente a lectura do “manifesto” dado a coñecer no ano 1978, as colaboracións valorativas realizadas ad hoc como aquelas que recollen diversas intervencións escritas hai anos e das que sempre tanto se aprende».

O profesor e escritor Modesto Hermida comezou valorando a obra: «Este libro é unha reflexión moi plural sobre unha experiencia moi plural de identidade lingüística, capaz de integrar ao país enteiro, ideoloxicamente enteiro, mais tamén enteiro en todas as súas expresións artísticas». Despois relatou a súa experiencia persoal e as súas vivencias no seo do colectivo dos Premios da Crítica desde a súa chegada a Vigo en 1976, procedente de Asturias, cando estaba organizado na terceira Internacional,e o seu primeiro contacto co profesor Alonso Montero.

O profesor Alonso Montero definiu os Premios da Crítica «como a plataforma cultural que Galicia non tivera desde 1936». «Bieito Ledo foi o seu gran creador, apoiado por xente moi diversa, dende membros do partido comunista, a outros nacionalistas ou socialistas, a pluralidade de Galicia tanto desde o punto de vista político como profesional». Don Xesús salientou despois a importancia que os Premios da Crítica incorporanse as voces da ciencia e da tecnoloxía, xa dende a súa primeira edición, «amosando que a cultura galega non é só literaria, nin poética fundamentalmente. Estes Premios demostraron que os científicos tamén forman parte da creación cultural do país». Alonso Montero lembrou a figura de Isaac Díaz Pardo, creador da estatuíña que constitúe a dotación de cada premio. «A idea de que fose unha figura de Martín Codax foi miña». No remate do seu discurso, Alonso Montero referiuse á fractura que se produciu na Fundación entre «as persoas que tiñan máis responsabilidade na organización» apostando «que algún día coa incorporación de quen sexa ou coa reincorporación de quen sexa a Fundación tivese aínda máis puxanza da que ten».

Rematada a quenda de intervención da mesa, fíxoo dende o público Xosé María Palmeiro para sinalar «a acollida sempre positiva e agarimoosa dos medios de comunicación vigueses cos premios da crítica». Pechou o acto Abel Caballero, alcalde de Vigo, para quen «a cultura é a alma da cidade de Vigo», e a iniciativa dos Premios da Crítica Galicia unha das súas máis senlleiras expresións. Tras o acto, todos os asistentes foron convidados na cafetaría Cosmos da praza da Princesa a un ribeiro doado pola adega Patricio Sánchez, que axudou «a mollar a palabra e a quentar os afectos». M.B.

A Fundación expresa a súa gratitude a Fernando Cameselle pola reportaxe fotográfica.