35 anos de música galega

Dentro da xeira de «Sábados Culturais» que organizamos na Fundación Premios da Crítica Galicia celebramos onte a xornada dedicada a revisar 35 anos de música galega. Ocupáronse da revisión Antón Pulido, o vicepresidente da Fundación, e Xaime Estévez Vila, mestre gaiteiro, profesor de música no IES Álvaro Cunqueiro de Vigo e investigador da música galega.

Pulido recuperou da memoria a experiencia interesantísima do Departamento de Música Contemporánea do CGAC dirixida por Manel Rodeiro durante os anos 1995 e 1996. Lembrou os contactos que daquela mantivo co compositor Pierre Boulez, creador do IRCAM, e as relacións que con esa institución se estableceron no ámbito da investigación sobre música e tecnoloxía informática. «No Departamento de Música Contemporánea do CGAC fixemos o Ensemble do CGAC, a primeira agrupación de música contemporánea de Galicia, intérpretes procedentes da Filharmónica da Coruña que executaron pezas de Boulez, John Cage, Stockhausen, Ligetti… Houbo cursos de composición con compositores de talla internacional, como o francés Tristan Murail (ao que se lle encargou unha obra) ou o finlandés Magnus Lindberg. Organizáronse xornadas de música contemporánea, estreáronse obras de compositores galegos como Xan Viaño, Enrique X. Macías, Paulino Pereiro, Manuel Rodeiro e Antón Lois Pulido, entre outros. Participaron músicos de talla internacional: Pierre-André Valade, Pierre Strauch, Kari Kriikku, Pierre-Yves Artaud, Miguel Bernat, etc. Foi unha fiestra aberta, unha esperanza para a música contemporánea en Galicia. Mágoa que non continuase».

Pola súa banda, Xaime Estévez Vila fixo un completo percorrido polas achegas dos premiados na categoría de Música nos Premios da Crítica Galicia dende A Roda e Milladoiro en 1978, para el «alicerces da música galega de hoxe en día», até a Asociación Galega de Compositores premiada na última edición. Referiuse a importancia que tiveron premiados como Roxelio Groba («o compositor galego de referencia neste período»), Joam Trilho («director de orquestra que loitou pola Xove Orquestra de Galicia«), Carlos Villanueva («investigador da música galega dende a universidade»), Dorothe Schubert («importantísima polo salto cualitativo que supuxo a súa colaboración con Antón Santamarina na recuperación do cancioneiro popular«), Enrique X. Macías («o primeiro dos nosos compositores con proxección no mundo«), Na Lúa («agrupación folk coa que naceu o achegamento da música galega cara Portugal»), José López Calo («erudito da música galega medieval»), Carlos Núñez («representou unha inflexión na discografía galega, capaz con el de espallarse polo mundo dende a música de raíz«). Citou tamén a importancia de ter premiado a músicos populares como os recentemente falecidos Xosé Iglesias «Melitón» e Henrique Otero Covelo «O gaiteiro do Fragoso» («o primeiro gaiteiro que edita un libro de gaita e o primeiro que ensinou o instrumento nun conservatorio«). Tamén se referiu a importancia de iniciativas como o Programa Alalá, a editorial Ouvirmos e a orquestra folk Son de seu.

Continuou Xaime Estévez analizando algúns fenómenos de interese neste período histórico. Citou a importancia da creación dos conservatorios en Galicia e a introdución da música, a partir da LOXSE, como materia obrigatoria do ensino non universitario. Lamentou a retroceso que para o estatus escolar da música supoñería a aprobación do previsto na LOMCE, máis aínda cando é unha das materias máis valoradas polo alumnado. Citou a importancia da desaparición das agrupacións musicais profesionais, como a Banda de Música Municipal de Vigo, así como o valor das numerosas bandas populares existentes na comarca de Vigo, probablemente a máis vizosa en Galicia no eido musical. «A importancia das bandas é enorme, xa que achegan cohesión social no mundo rural. Sempre foi así, Soutullo e Groba xurdiron destas bandas incrustadas nos recunchos das aldeas».

Rematou Estévez falando das diversas etapas das gravacións musicais: «Nos 70 comezaron Fuxan os ventos, Milladoiro e Luís Emilio Batallán, entre outros cantautores. Os 80 foron os anos da movida, con Reixa, Siniestro Total e a relación da múisca galega co mundo celta, que nunha segunda fase se foi abrindo cara o sur. Somos musicalmente un eixo entre dúas culturas atlánticas, a céltica do norte e a lusofonía do sur. Nos 90 foron as gravacións do Rock Bravú, dos gaiteiros solistas e das primeiras gaiteiras (Seivane e Pato). Xa neste década pasada, apareceu Son de Seu e comezou a recuperación dos cancioneiros históricos e das primeiras gravacións da música galega».

Tras a intervención de Caetano Rodríguez, concelleiro de Cultura e Turismo do concello de Vigo, nas escaleiras de acceso á Casa Galega da Cultura na Praza da Princesa, o cuarto Os Caramuxo deu un pequeno concerto de media ducia de pezas diante de máis de dous centenares de persoas. Os catro clarinetes na súa diversidade, a percusión tradicional e o acordeón arricaron a elegancia alegre de melodías de inequívoca raíz popular, Como sinalou Bieto Ledo, presidente da Fundación Premios da Crítica, «a música dos Caramuxo contaxia paz e felicidade».

Estupenda foi esta segunda edición dos «Sábados Culturais», que continuaremos o vindeiro sábado coa conferencia prevista de Xesús Alonso Montero sobre Rosalía de Castro e Cantares Gallegos.

A música galega, protagonista o sábado 27 de abril

A Fundación Premios da Crítica Galicia celebrará un novo acto da súa xeira «Sabados Culturais»,  o sábado 27 de abril, ás 12:00 horas na Casa Galega da Cultura. No acto, que xirará arredor da situación da Música Galega nas tres últimas décadas, intervirá o profesor Xaime Estévez Vila, que será presentado por Antón Pulido, vicepresidente da fundación. Ao remate deste acto, a partir das 13:00 horas, haberá un concerto do Cuarteto Caramuxo na Praza da Princesa.
Tras este concerto, servirase na Cafetaría Cosmos un viño galego por cortesía das bodegas de Ramón Troncoso.
 
A seguinte actividade dos «Sabados Culturais» será a conferencia de don Xesús Alonso Montero, recén nomeado presidente da Real Academia Galega, titulada «Cantares Gallegos: unha nova lectura?» que se celebrará o sábado 4 de maio de 2013, ás 12:00 horas no Salón de Actos da Casa Galega da Cultura, Praza da Princesa s/nº, Vigo.

Os Premios da Crítica coas Artes Escénicas

A Fundación Premios da Crítica de Galicia, en colaboración co Concello de Pontevedra, organiza o xoves 11 de abril ás 20h na Casa das Campás (Rúa de don Filiberto 9), un coloquio arredor das artes escénicas no que participarán Antonio Durán “Morris”, Silda Alfaro, Roberto Pascual, Afonso Becerra e Cristina Domínguez.

O acto enmárcase nas actividades conmemorativas do 35 Aniversario dos Premios da Crítica e pretende amosar o proceso de conformación do sector das artes escénicas ao longo destes anos, así como pulsar a súa crítica situación actual a través da confrontación das distintas experiencias dos participantes e mais a través do debate co público asistente.

A Fundación Premios da Crítica de Galicia está a organizar, baixo o título “Culturais”, diversas actividades en distintas cidades de Galicia consistentes, na súa maior parte, en conferencias arredor das distintas facetas da cultura galega, mesas redondas sobre diferentes sectores artísticos, presentacións, etc. Estas actividades culminarán coa gala anual de entrega dos Premios da Crítica de Galicia que terá lugar na cidade de Vigo no outono de 2013.

Inaugurados os «Sábados Culturais 2013»

Coa presentación do libro Premios da Crítica Galicia. 35 anos de Cultura inauguráronse no mediodía do 9 de marzo os «Sabados Culturais 2013». Máis de medio cento de persoas participaron nun acto celebrado na Casa Galega da Cultura de Vigo que contou coas intervencións de Bieito Ledo, Ramón Nicolás, Modesto Hermida, Xesús Alonso Montero e o alcalde de Vigo Abel Caballero.

Iniciou a quenda de discursos, Bieito Ledo lembrando a súa chegada a Vigo hai trinta e sete anos e o intenso traballo cultural desenvolvido no Círculo Ourensán Vigués, de onde nacería a iniciativa de creación dos Premios da Crítica Galicia. «O local do Círculo Ourensán da rúa Venezuela era o lugar de encontro dos sindicatos, particularmente dos de El Corte Inglés, que acabara de abrir en 1975. Alí era o lugar de ensaio do teatro Artello. Reuníanse as Xuventudes Musicais de Vigo e convocábase un concurso de xóvenes intérpretes. Organizábanse cursos de galego para profesionais, nos que xente da altura intelectural do maxistrado García Ramos ou do profesor Alonso Montero impartían conferencias. Alí se montou o primeiro club de microordenadores, dirixido por Luís Suárez Marconi. Había tamén curso de ioga e baile. Organizábase a «Semana da Cultura Galega» en Guimarâes e a Semana da Cultura Portuguesa en Vigo. De alí naceu a Romaría das Letras Galegas de Castrelos e alí naceu a iniciativa da creación dos Premios da Crítica Galicia e dende alí se organizaron até que en 1993 creouse a Fundación incorporando xente de toda Galicia». Despois, Bieito Ledo salientou que a xeira de actividades bautizada como «Sábados Culturais» nacía coa intención de contribuír á dinamización do Casco Vello e a facer máis visible o labor da Fundación. Rematou a súa primeira intervención insistindo na importancia da sociedade civil como garante democrático.

Na súa intervención, o crítico e profesor Ramón Nicolás saudou o nacemento destes «Sabados Culturais» «que contribuirán, sen dúbida, a vivificar a cerna da Fundación dos Premios da Crítica e a proxectar as súas actividades á sociedade civil». Sinalou, máis tarde, que «a lectura deste libro que hoxe presentamos, amais de entendelo como unha achega extraordinaria para poder avaliar algunhas das liñas de sentido da nosa cultura viva nos últimos trinta e cinco anos, resultoume gorentosa e altamente informativa». Recomendando, depois, «moi vivamente a lectura do “manifesto” dado a coñecer no ano 1978, as colaboracións valorativas realizadas ad hoc como aquelas que recollen diversas intervencións escritas hai anos e das que sempre tanto se aprende».

O profesor e escritor Modesto Hermida comezou valorando a obra: «Este libro é unha reflexión moi plural sobre unha experiencia moi plural de identidade lingüística, capaz de integrar ao país enteiro, ideoloxicamente enteiro, mais tamén enteiro en todas as súas expresións artísticas». Despois relatou a súa experiencia persoal e as súas vivencias no seo do colectivo dos Premios da Crítica desde a súa chegada a Vigo en 1976, procedente de Asturias, cando estaba organizado na terceira Internacional,e o seu primeiro contacto co profesor Alonso Montero.

O profesor Alonso Montero definiu os Premios da Crítica «como a plataforma cultural que Galicia non tivera desde 1936». «Bieito Ledo foi o seu gran creador, apoiado por xente moi diversa, dende membros do partido comunista, a outros nacionalistas ou socialistas, a pluralidade de Galicia tanto desde o punto de vista político como profesional». Don Xesús salientou despois a importancia que os Premios da Crítica incorporanse as voces da ciencia e da tecnoloxía, xa dende a súa primeira edición, «amosando que a cultura galega non é só literaria, nin poética fundamentalmente. Estes Premios demostraron que os científicos tamén forman parte da creación cultural do país». Alonso Montero lembrou a figura de Isaac Díaz Pardo, creador da estatuíña que constitúe a dotación de cada premio. «A idea de que fose unha figura de Martín Codax foi miña». No remate do seu discurso, Alonso Montero referiuse á fractura que se produciu na Fundación entre «as persoas que tiñan máis responsabilidade na organización» apostando «que algún día coa incorporación de quen sexa ou coa reincorporación de quen sexa a Fundación tivese aínda máis puxanza da que ten».

Rematada a quenda de intervención da mesa, fíxoo dende o público Xosé María Palmeiro para sinalar «a acollida sempre positiva e agarimoosa dos medios de comunicación vigueses cos premios da crítica». Pechou o acto Abel Caballero, alcalde de Vigo, para quen «a cultura é a alma da cidade de Vigo», e a iniciativa dos Premios da Crítica Galicia unha das súas máis senlleiras expresións. Tras o acto, todos os asistentes foron convidados na cafetaría Cosmos da praza da Princesa a un ribeiro doado pola adega Patricio Sánchez, que axudou «a mollar a palabra e a quentar os afectos». M.B.

A Fundación expresa a súa gratitude a Fernando Cameselle pola reportaxe fotográfica.

Inauguración dos «Sábados Culturais 2013»

Fundación Premios da Crítica Galicia celebrará o próximo sábado, 9 de marzo, ás 12:45 horas, na Casa Galega da Cultura (Praza da Princesa, s/nº) de Vigo o acto de inauguración dos «Sábados Culturais 2013». O acto consistirá na presentación do libro editado pola fundación Premios da Crítica Galicia. 35 anos de Cultura, no que se recupera a memoria destes premios nacidos da sociedade civil e do agromar das iniciativas e industriais culturais en Galicia, mesmo antes do inicio do período autonómico. No acto de presentación do libro, que será presidido por Abel Caballero, alcalde Vigo, particiarán D. Bieito Ledo Cabido (presidente e fundador da Fundación Premios da Crítica Galicia), D. Ramón Nicolás Rodríguez (profesor e crítico literario), D. Modesto Hermida García (profesor e escritor) e D. Xesús Alonso Montero (académico).

Os «Sábados Culturais 2013» conforman un ciclo de actividades de diversa fasquía e formato destinados a contribuír a dinamización cultural da cidade de Vigo, con especial incidencia no entorno do Casco Vello. Previstas a desenvolverse nos mediodías dos primeiros sábados de cada mes, as próximas actividades serán un concerto na Praza da Constitución (6 de abril), a conferencia de Xesús Alonso Montero  «Compañel, Rosalía e a edición de Cantares Gallegos» (4 de maio) e a mesa redonda, «As Artes Plásticas» (1 de xuño).