O xurado da XLI edición dos Premios da Crítica de Galicia da modalidade de Artes Plásticas, formado por María Luisa Sobrino, gañadora da edición anterior; Alberto González Alegre, comisario e crítico; Fran Herbello, fotógrafo, director do IES Audiovisual de Vigo; Chelo Matesanz, artista e profesora da Facultade de Belas Artes de Pontevedra; Andrés Meixide, ilustrador e humorista gráfico; Ruth Varela, arquitecta e investigadora e Ledicia Costas, secretaría, en representación da APCG, acordou entre as propostas presentadas declarar finalistas a Berio Molina, Pamen Pereira, Javier Alonso de la Peña polo Plan director da Catedral de Santiago e Rosalía Pazo Maside. Tras as derradeiras deliberacións, acordou outorgar por maioría o premio a Javier Alonso de la Peña polo Plan director da Catedral de Santiago.

O xurado salientou que «é insólito que un xurado dun premio teña a oportunidade de valorar a intervención nunha das obras mestras da arquitectura de todo o occidente europeo: a catedral de Santiago de Compostela. Consderamos que é de xustiza valorar o importante compromiso asumido por Javier Alonso de la Peña, o nivel de responsabilidade e a súa implicación durante máis dunha década. Esforzo que cristalizou no ano 2017 coa finalización da restauración das torres da Fachada do Obradoiro, así como a tribuna e o pórtico. Valoramos tamén a recuperación da poética do monumento e do lugar sagrado e o traballo simbólico que abordou»