Novas

Ditame dos Premios da Crítica 2017

No Hotel Os Escudos de Vigo deuse a coñecer no decurso dun xantar do sábado 4 de novembro o ditame da cuadraséxima edición dos Premios da Crítica de Galicia na súas modalidades de Creación Literaria, Investigación, Música, Iniciativas Culturais e Científicas, Artes Plásticas, Artes Escénicas, Cine e Artes Audiovisuais e Cultura Gastronómica.

Baixo o lema “40 anos facendo país para sermos máis nós”, lembrando o corenta aniversario da celebración ininterrompida dos premios, xuntáronse trescentas cincuenta persoas representativas dos diversos ámbitos da política, da sociedade e da actividade cultural do país, entre as que se atopaban Abel Caballero, alcalde de Vigo; Miguel Santalices, presidente do Parlamento de Galicia; Román Rodríguez, conselleiro de Educación e Cultura; Carmela Silva, presidenta da Deputación Provincial de Pontevedra; Víctor F. Freixanes, presidente da Real Academia Galega, entre outros.

Bieito Ledo, presidente da Fundación Premios da Crítica Galicia, abríu o acto, conducido por Noelia Otero, saudando aos asistentes e lembrando a traxectoria dos premios e defendendo a pervivencia da lingua galega como o seu celme.

Querido H.P. Lovecraft de Antonio Manuel Fraga, Premio de Creación Literaria

O xurado da modalidade de Creación Literaria, formado por María do Cebreiro Rábade Villar, poeta, gañadora da edición 2016; Diana Pastoriza Espasandín, blogueira, asesora CAFI Santiago; Armando Requeixo Cuba, crítico; Mario Regueira Fernández, crítico; Manuel Forcadela, profesor da UDV; Marcos Calveiro, escritor e Eulalia Agrelo Costas, que actuou como secretaria, en representación de Premios da Critica Galicia, acordou declarar finalistas as obras De catro a catro. Manuscrito inédito de Manuel Antonio (Alvarellos); Querido H.P. Lovecraft de Antonio Manuel Fraga (Alcaián, Urco) e Nordeste de Daniel Asorey (Galaxia). Tras as derradeiras deliberacións acordou outorgar por maioría o premio á obra de Antonio Manuel Fraga Querido H.P. Lovecraft editada por Alcaián Urco.

O xurado salientou da obra gañadora que “constitúe un enxeñoso acercamento ao estraño, mesturando brillantemente o sobrenatural co fantástico, onde sobrancea a habil creación de ambientes perturbadores que nos acaban afectando do mesmo xeito que ao ficticio Lovecraft”. O xurado sinalou que “alén diso, fai unha descrición dos personaxes cun par de expertas pinceladas breves que lle outorgan unha personalidade claramente única e fascinante”. Rematou sinalando que “coma nos textos de Lovecraft, acompañamos a Robert na súa caída libre no abismo da culpa, ficando envoltos no misterio engadindo a peza que completa o círculo lovecraftiano”.

A prensa en Galicia na Transición de Marcós Pérez Pena, Premio de Investigación

O xurado da modalidade de Investigación, formado por Blanca Roig Rechou, catedrática USC, gañadora da edición 2016; Vanesa Valdeiglesias, profesora UDC; Carme Adán Villamarín, catedrática de Filosofía; Uxío Labarta Fernández, investigador, Instituto de Investigacións Pesqueiras; Xurxo Mariño Alfonso, neurocientífico, profesor UDC; Xavier Senín, profesor e tradutor e María Xosé Porteiro García , que actuou como secretaria en representación de Premios da Crítica de Galicia, acordou declarar como finalistas a María Xosé Agra; ao proxecto de Secuenciación xenética do rodaballo (USC-CSIC,CENAG); e ás obras A prensa en Galicia na Transición de Marcos Pérez Pena (Xerais) e A nosa terra é nosa. A xeira das Irmandades 1916-1931 de Emilio Xosé Ínsua (Baía edicións). Tras as derradeiras deliberacións acordou outorgar por unanimidade o premio A prensa en Galicia na Transición de Marcos Pérez Pena, editado por Xerais

O xurado destacou que “valoraba moi positivamente a cantidade, calidade e diversidade das propostas presentadas que reflicten o auxe da investigación científica e do pensamento en Galicia”.

Programa Conciencia, Premio de Iniciativas Culturais e Científicas

O xurado da modalidade de Iniciativas Culturais, formado por Observatorio pola Igualdade da Mariña, gañadora da edición 2016; Marcelino Fernández Santiago, xerente do Consello da Cultura Galega; Elena Vázquez Cendón, decana da Facultade de Matemáticas da USC; Manuel Vicente García, xornalista de Esfervescencia Galega; Malós Cabrera, membro da Fundación Penzol; Pablo López, xornalista de Galicia ciencia e Afonso Vázquez-Monxardín, que actuou como secretario, en representación de Premios da Crítica de Galicia, acordou entre as propostas presentadas declarar finalistas a Programa ConCiencia, Colección Galician Wave e Programa de Medicina Xenómica. Tras as derradeiras deliberacións acordou por maioría outorgar o premio a programa Conciencia.

O xurado salientou do Programa Conciencia que “sexa unha iniciativa de divulgación científica consolidada no tempo optimizando uns recursos económicos cada vez máis minguados; sendo unha ponte entre niveis educativos, o mundo da investigación e a cidadanía”. Así mesmo salientou que “contribúa decisivamente a formar rede entre os investigadores e as investigadoras de Galicia e os lideres mundiais na materia; ademais de que consigue amosar que a sociedade responde ás iniciativas de divulgación científica de calidade”. Por último, “o xurado deséxalle ao progrma Conciencia unha longa e fructifera vida na que se puidese amosar unha maior visibilización da relevancia do papel da muller na ciencia”.

Luís Emilio Batallán, Premio de Música

O xurado da modalidade de Música, formado por Uxía Senlle, cantora, gañadora da edición 2016; Manuel F. Álvarez González, fundador de Xuventudes Musicais de Vigo; Octavio Beares, crítico musical de Faro de Vigo; Xosé Luís Blanco Campaña, xornalista; María Xosé Cerviño, Directora da Escola de Música Berenguela de Santiago; Fernando Fernández Rego, xornalista, historiador da música en Galicia e Antón Pulido Novoa, en representación de Premios da Crítica de Galicia, acordou entre as propostas presentadas declarar finalistas a Luís Emilio Batallán, Orquestra Sinfónica de Galicia e Treixadura. Tras as derradeiras deliberacións acordou outorgar por unanimidade o premio a Luís Emilio Batallán.

O xurado valorou de Luís Emilio Batallán “a súa traxectoria até a actualidade, a súa reivindicación e renovación da canción galega, a historicidade e dimensións das súas composicións que forman parte xa da cultura galega e do imaxinario colectivo de varias xeracións”. O xurado tamén quixo salientar “a contribución de Batallán á difusión da poesía galega e á popularización de autores como Álvaro Cunqueiro, Celso Emilio Ferreiro ou Carlos Oroza”.

María Luisa Sobrino, Premio de Artes Plásticas

O xurado da modalidade de Artes Plásticas, formado por Rosa Neutro, fotógrafa e artista visual; Chus Martínez Domínguez, crítica de arte e comisaria de exposicións; Juan Creus, arquitecto; Edu Valiña, artista visual; Javier Blanco, galerista, director da Galería Metro de Santiago de Compostela; Kiko da Silva, ilustrador e director da escola profesional O Garaxe Hermético de Pontevedra e Paula Cabaleiro, que actuou como secretaria, en representación de Premios da Crítica de Galicia, acordou entre as propostas presentadas declarar finalistas a María Luisa Sobrino, Carlos Quintáns e Din Matamoro. Tras as derradeiras deliberacións, acordou outorgar por maioría o premio a María Luisa Sobrino.

O xurado salientou de María Luisa Sobrino “a súa longa traxectoria como docente e investigadora no eido das Artes Plásticas en Galicia, continuando na actualidade unha importante implicación activista co seu contexto e coas problemáticas actuais. Pioneira no ensino da plástica contemporánea sendo impulsora da rede interdisciplinar da cultura galega. Ademais, 2016 foi o ano no que deixou o cargo de “coordinadora da sección de Creación e Artes Visuais contemporáneas do Consello da Cultura Galega, desde onde desenvolveu publicacións, actividades e informes que activaron novas lecturas sobre diferentes cuestións da creación contemporánea”.

Flor Maceiras, Premio de Artes Escénicas

O xurado da modalidade de Artes Escénicas, formado por María Barcala, Teatro do Atlántico, gañadora da edición 2016; Eduardo Rodríguez Cunha, director de Tanxarina;  Fran Alonso, editor e poeta; Mercedes González Castro, actriz, membro de Escena Galega; Juan Carlos Zahera, director do Espacio de Danza da USC; Mariana Carballal, actriz  e Ernesto Sánchez Pombo, que actuou como secretario, en representación de Premios da Crítica de Galicia, acordou entre as propostas presentadas declarar finalistas a Mabel Rivera, Kukas Producións Artísticas, Raúl Ferreira e Flor Maceiras.. Tras as derradeiras deliberacións, acordou outorgar por unanimidade o premio a Flor Maceiras.

O xurado salientou que “decidiu outorgarlle o galardón a Flor Maceiras pola súa traxectoria como actriz e directora e, moi especialmente, como mestra comprometida cunha formación teatral íntegra concibida desde a base e desde as marxes, que ten o seu obxectivo primordial na igualdade de xénero concibida desde o presuposto da calidade artística”

Festival S8. Mostra de cinema periférico da Coruña, Premio de Cine e Artes Audiovisuais

O xurado da modalidade de Cine e Artes Audiovisuais, formado por Alberte Pagán, gañador da edición 2016; Xisela Franco, directora Máster de Cinema e Creación Audiovisual; María Solar, xornalista e escritora; Miguel Anxo Fernández, crítico de cinema e audiovisual; Cristina Iglesias, actriz; Noemí Martínez Ferreiro, guionista e Inma López Silva, que actuou como secretaria, en representación de Premios da Crítica de Galicia, acordou entre as propostas presentadas declarar finalistas a Diana Toucedo, Alberto Vázquez e S8 Mostra de cine periférico da Coruña. Tras as derradeiras deliberacións, acordou outorgar por unanimidade o premio ao Festival S8. Mostra de cine periférico da Coruña.

O xurado salientou “a capacidade do S8. Mostra de cinema periférico da Coruña de, en só oito anos, situarse entre os mellores festivais de cinema de vangarda do mundo. S8 é un festival que sabe conxugar o novo e o vello, o internacional co local, non só servindo como escaparate do cinema galego, senón tamén como canteira da que xorden novos e novas creadoras”.

Grupo Nove, Premio de Cultura gastronómica

O xurado da modalidade de Cultura gastronómica, formado por Roberto Rodríguez Prieto, Artesáns da Pesca, gañador da edición 2016; Jesús Ramos Barcia, profesor de Cociña e Pastelaría do IES Manuel Antonio de Vigo; Alfredo Conde Cid, escritor; Ana Méndez Gil, Denominación de Orixe Ribeiro; Diana Fernández Gómez, blogueira de Bolboretas no bandullo, Antón Sobral, artista e Xavier Limia de Gardón, que actuou como secretario, en representación de Premios da Crítica de Galicia, acordou entre as propostas presentadas declarar finalistas a Grupo Nove, Instituto Galego do Viño e Restaurante Fogar do Santiso. Tras as derradeiras deliberacións, acordou outorgar por maioría o premio a Grupo Nove.

O xurado salientou de Grupo Nove “o compromiso de vinte e catro grandes profesionais galegos da cociña que souberon poñer en valor dende as súas orixes a materia prima galega facéndoa internacionalmente visible cunha estratexia integral que xunta cultura, lingua e patrimonio”.

3 Trackbacks


  1. […] ver aquí as motivacións de cada unha das […]

  2. […] a XL edición dos Premios da Crítica de Galicia pola emoción que supuxo escoitar a Luís Emilio Batallán, premio na modalidade de Música, de que […]

  3. […] ver aquí as motivacións de cada unha das […]