Novas

Bases dos Premios da Crítica Galicia 2011

A xunta directiva da Fundación dos Premios da Crítica Galicia na súa reunión do 14 de setembro aprobou as bases que rexerán a convocatoria da edición 2011. Os xurados de cada unha das modalidades estará formado por sete persoas, que terán competencia exclusiva para establecer os criterios de valoración (calidade, incidencia social, oportunidade, novidade…) de cada unha das candidaturas concorrentes. Con todo, o recoñecemento da excelencia e da relevancia para a cultura galega que ofrezan as achegas a considerar, deberá ser a guía sobranceira no seu proceso de avaliación. Así mesmo, naquelas manifestacións culturais que precisen da intervención do idioma este será o galego.

Nesta edición os premios abranguen seis modalidades:

  1. Creación literaria.
  2. Investigación.
  3. Música.
  4. Iniciativas Culturais.
  5. Artes Plásticas e Visuais.
  6. Artes Escénicas e Audiovisuais.

Todas as producións que se consideren premiables en cada unha das modalidades poderán ser presentadas polos seus autores, editores ou promotores ás secretarías dos xurados. Así mesmo, cada un dos membros dos xurados poderá presentar cantas candidaturas considere oportunas para a súa valoración polo resto dos membros.

Os premios serán ditaminados o 22 de outubro de 2011 na cidade de Vigo.

Aquí poden baixarse en pdf.