Proxecto Nomes e Voces
O xurado da XLVIIª edición dos Premios da Crítica de Galicia da modalidade de Investigación en Ciencias Sociais e Humanidades, formado por Miguel Anxo Bastos Boubeta, profesor de Ciencias Políticas da USC; Carlos Callón, profesor e escritor, gañador de 2023; Ofelia Rey Castelao, catedrática de Historia Moderna da USC; Coral del Río Otero, catedrática de Economía Aplicada da UVigo; Jesús Salgado Velo, catedrático de Psicoloxía do Traballo e Recursos Humanos da USC; María Dolores Sánchez Palomino, membro da RAG, catedrática de Filoloxía da UDC e Inma Valeije Álvarez, profesora de Dereito Penal da USC, secretaría, en representación dos Premios da Crítica de Galicia acordou entre as propostas presentadas declarar finalistas: Ese vento que vai sobor da terra. A vida desmedida de BasilioÁlvarez de Miguel Cabo Villaverde (Deputación de Ourense); Mulleres medievais: textos e imaxes na lírica galego-portuguesa de Esther Corral Díaz/ Yara Frateschi Vieira (coords.) (Edicións USC); Proxecto Nomes e Voces, do Grupo de Investigación Histagra (USC),coordinado polo catedrático da USC Lourenzo Fernández Prieto.
Tras as derradeiras deliberacións, acordou outorgar por unanimidade o premio a Proxecto Nomes e Voces, recollendo o premio en nome do grupo Histagra Antonio Míguez Macho.
O xurado salientou que se trata dun estudo da represión en Galicia da guerra civil e o franquismo que recompila unha copiosa información e ofrece abundantes datos relativos as vítimas. Un proxecto de longa traxectoria que conta coa participación das tres universidades públicas galegas, así como de numerosos colectivos e persoas a nivel particular. O xurado valora o seu carácter interdisciplinar cunha vertente de investigación, divulgación e transferencia á sociedade que ten un acceso libre e gratuíto á obra.