Novas

As artes plásticas protagonistas dun novo acto dos «Sábados Culturais»

O sábado 8 de xuño, ás 12:00 horas na Casa Galega da Cultura, Praza da Princesa s/nº de Vigo terá un novo acto da xeira de »Sábados Culturais» organizados pola Fundación Premios da Crítica Galicia. O acto consistirá nunha mesa redonda co título «Galicia: 35 anos de transformacións nas artes plásticas», na que participarán Xosé Carlos L. Bernárdez e Antón Castro, profesores e críticos de arte, e Antón Pulido, pintor e vicepresidente da Fundación Premios da Crítica Galicia. Os tres ponentes debaterán sobre cuestións como: O novo artista; a evolución do mercado da arte; o papel da crítica de arte; o coleccionista e o coleccionismo; os museos e as institucións; as exposicións; e o novo espectador.  Ao remate do acto, servirase na Cafetaría Cosmos (Praza da Princesa) un viño galego.

Conferencia de Xesús Alonso Montero

No marco da xeira de «Sábados Culturais», o sábado 4 de maio, Xesús Alonso Montero, presidente da Real Academia Galega, ditou a conferencia «Cantares gallegos: unha nova interpretación». Na presentación, Bieito Ledo, presidente da Fundación Premios da Crítica Galicia, lembrou que cando o profesor Alonso Montero chegara a Vigo para impartir docencia no Colexio Universitario de Vigo no curso 1976/1977 fora prohibida a conferencia que tiña prevista no Círculo Ourensán Vigués.

Comezou a súa conferencia Alonso Montero cualificando a Cantares gallegos como o primeiro libro da literatura galega moderna,«un libro fundacional dese edificio que chamamos discurso literario galego, un libro alboral, primaveral, como preferiría dicir Álvaro Cunqueiro, nacido a 150 metros de onde hoxe estamos, ne Real 21, no taller de Compañel, editor do periodismo liberal daquel Vigo da década de de 1860». Preguntouse o conferenciante como foi posible que «nun idioma tan subalterno, tan baixo, como se puido escribir este libro?» «Rosalía daquela tiña vinte e seis anos. Era unha muller moi instruída para a época. Casada cun auténtico polígrafo, Manuel Murguía, decide escribir un libro en galego. Antes non había nada, apenas ducia e media de poemas. Rosalía, polo tanto, parte de literatura cero. Bebe na fonte popular do galego, que escoitou no eixidiño xogando coas meniñas de Padrón, xogando coas fillas das clases subalternas. Sabe o galego oral, vivo, con formas enxebres que hoxe non se utilizan. Palabras de costureias, xastres, campesiños…» «Como escribir e representar esa fala cando hai apenas tradición literaria? Todo escritor ten as súas fontes, crítico moitas voces coas voces anteriores. Rosalía non tiña esa posibilidade, xa que no seu tempo só algúns moi eruditos tiñan noticia das composicións medievais. Rosalía está protagonizando unha proeza heroica. Parte dun cantar galego, escribe do que oe, un cantar popular que logo glosa».

Lembrou despois o profesor Alonso Montero o artigo que Álvaro Cunqueiro publicou en Faro de Vigo o 17 de maio de 1963, coincidindo co centenario da publicación de Cantares gallegos. «Titulouno “Cantó la alondra”. Para Cunqueiro a aparición de C.G. foi un milagro, cando Rosalía de Castro, a cotovía, contou». Relatou o conferenciante diversas anécdotas de dona Galla, a filla de Rosalía de Castro, a quen entrevistou en 1963, e criticou a Manuel Murguía «que conseguiu que non se publicasen na Habana algunhas cartas que Rosalía de Castro». Entrou despois o conferenciante nos contidos do poemario, cualificando o prólogo de «alegato político, gabanza da terra, das paisaxes e das xentes de Galicia». «Rosalía ergue a bandeira da autoestima nosa, loita contra unha lenda negra de Galicia, que vén de Góngora, faino dunha forma un tanto maniquea, invertindo a lenda negra en rosa».

Comezou despois o profesor Alonso Montero comentando algúns dos poemas. «Cantares gallegos está escrito por unha aldeana que é poeta. Rosalía pon a súa maxistral poesía tratándose de identificar coa meniña gaiteira. Hai que ler os poemas entre o primeiro (programático) e o 31 (epilogal), no que fai un balance. Son os autores dos poemas mulleres e homes (dezaseis voces diferentes), coa perspectiva da meniña gaiteira, soa coa excepción do 28, o de “chove miudiño”». Rematou o presidente da Real Academia Galega comentando diversos poemas, facendo especial fincapé no poema 25, «Castellanos de Castilla», contradicindo as interpretacións realizadas en ámbitos nacionalistas.

Conferencia de Xesús Alonso Montero: «”Cantares Gallegos”: Unha nova lectura?»

O sábado 4 de maio, ás 12:00 horas na Casa Galega da Cultura, Praza da Princesa s/nº de Vigo, terá lugar un novo acto da xeira de «Sábados Culturais» organizados pola Fundación Premios da Crítica Galicia. O acto consistirá na conferencia do profesor Xesús Alonso Montero, presidente da Real Academia Galega, titulada  «Cantares Gallegos, unha nova lectura?» Ao remate da conferencia, servirase na Cafetaría Cosmos un viño galego.

35 anos de música galega

Dentro da xeira de «Sábados Culturais» que organizamos na Fundación Premios da Crítica Galicia celebramos onte a xornada dedicada a revisar 35 anos de música galega. Ocupáronse da revisión Antón Pulido, o vicepresidente da Fundación, e Xaime Estévez Vila, mestre gaiteiro, profesor de música no IES Álvaro Cunqueiro de Vigo e investigador da música galega.

Pulido recuperou da memoria a experiencia interesantísima do Departamento de Música Contemporánea do CGAC dirixida por Manel Rodeiro durante os anos 1995 e 1996. Lembrou os contactos que daquela mantivo co compositor Pierre Boulez, creador do IRCAM, e as relacións que con esa institución se estableceron no ámbito da investigación sobre música e tecnoloxía informática. «No Departamento de Música Contemporánea do CGAC fixemos o Ensemble do CGAC, a primeira agrupación de música contemporánea de Galicia, intérpretes procedentes da Filharmónica da Coruña que executaron pezas de Boulez, John Cage, Stockhausen, Ligetti… Houbo cursos de composición con compositores de talla internacional, como o francés Tristan Murail (ao que se lle encargou unha obra) ou o finlandés Magnus Lindberg. Organizáronse xornadas de música contemporánea, estreáronse obras de compositores galegos como Xan Viaño, Enrique X. Macías, Paulino Pereiro, Manuel Rodeiro e Antón Lois Pulido, entre outros. Participaron músicos de talla internacional: Pierre-André Valade, Pierre Strauch, Kari Kriikku, Pierre-Yves Artaud, Miguel Bernat, etc. Foi unha fiestra aberta, unha esperanza para a música contemporánea en Galicia. Mágoa que non continuase».

Pola súa banda, Xaime Estévez Vila fixo un completo percorrido polas achegas dos premiados na categoría de Música nos Premios da Crítica Galicia dende A Roda e Milladoiro en 1978, para el «alicerces da música galega de hoxe en día», até a Asociación Galega de Compositores premiada na última edición. Referiuse a importancia que tiveron premiados como Roxelio Groba («o compositor galego de referencia neste período»), Joam Trilho («director de orquestra que loitou pola Xove Orquestra de Galicia«), Carlos Villanueva («investigador da música galega dende a universidade»), Dorothe Schubert («importantísima polo salto cualitativo que supuxo a súa colaboración con Antón Santamarina na recuperación do cancioneiro popular«), Enrique X. Macías («o primeiro dos nosos compositores con proxección no mundo«), Na Lúa («agrupación folk coa que naceu o achegamento da música galega cara Portugal»), José López Calo («erudito da música galega medieval»), Carlos Núñez («representou unha inflexión na discografía galega, capaz con el de espallarse polo mundo dende a música de raíz«). Citou tamén a importancia de ter premiado a músicos populares como os recentemente falecidos Xosé Iglesias «Melitón» e Henrique Otero Covelo «O gaiteiro do Fragoso» («o primeiro gaiteiro que edita un libro de gaita e o primeiro que ensinou o instrumento nun conservatorio«). Tamén se referiu a importancia de iniciativas como o Programa Alalá, a editorial Ouvirmos e a orquestra folk Son de seu.

Continuou Xaime Estévez analizando algúns fenómenos de interese neste período histórico. Citou a importancia da creación dos conservatorios en Galicia e a introdución da música, a partir da LOXSE, como materia obrigatoria do ensino non universitario. Lamentou a retroceso que para o estatus escolar da música supoñería a aprobación do previsto na LOMCE, máis aínda cando é unha das materias máis valoradas polo alumnado. Citou a importancia da desaparición das agrupacións musicais profesionais, como a Banda de Música Municipal de Vigo, así como o valor das numerosas bandas populares existentes na comarca de Vigo, probablemente a máis vizosa en Galicia no eido musical. «A importancia das bandas é enorme, xa que achegan cohesión social no mundo rural. Sempre foi así, Soutullo e Groba xurdiron destas bandas incrustadas nos recunchos das aldeas».

Rematou Estévez falando das diversas etapas das gravacións musicais: «Nos 70 comezaron Fuxan os ventos, Milladoiro e Luís Emilio Batallán, entre outros cantautores. Os 80 foron os anos da movida, con Reixa, Siniestro Total e a relación da múisca galega co mundo celta, que nunha segunda fase se foi abrindo cara o sur. Somos musicalmente un eixo entre dúas culturas atlánticas, a céltica do norte e a lusofonía do sur. Nos 90 foron as gravacións do Rock Bravú, dos gaiteiros solistas e das primeiras gaiteiras (Seivane e Pato). Xa neste década pasada, apareceu Son de Seu e comezou a recuperación dos cancioneiros históricos e das primeiras gravacións da música galega».

Tras a intervención de Caetano Rodríguez, concelleiro de Cultura e Turismo do concello de Vigo, nas escaleiras de acceso á Casa Galega da Cultura na Praza da Princesa, o cuarto Os Caramuxo deu un pequeno concerto de media ducia de pezas diante de máis de dous centenares de persoas. Os catro clarinetes na súa diversidade, a percusión tradicional e o acordeón arricaron a elegancia alegre de melodías de inequívoca raíz popular, Como sinalou Bieto Ledo, presidente da Fundación Premios da Crítica, «a música dos Caramuxo contaxia paz e felicidade».

Estupenda foi esta segunda edición dos «Sábados Culturais», que continuaremos o vindeiro sábado coa conferencia prevista de Xesús Alonso Montero sobre Rosalía de Castro e Cantares Gallegos.

A música galega, protagonista o sábado 27 de abril

A Fundación Premios da Crítica Galicia celebrará un novo acto da súa xeira «Sabados Culturais»,  o sábado 27 de abril, ás 12:00 horas na Casa Galega da Cultura. No acto, que xirará arredor da situación da Música Galega nas tres últimas décadas, intervirá o profesor Xaime Estévez Vila, que será presentado por Antón Pulido, vicepresidente da fundación. Ao remate deste acto, a partir das 13:00 horas, haberá un concerto do Cuarteto Caramuxo na Praza da Princesa.
Tras este concerto, servirase na Cafetaría Cosmos un viño galego por cortesía das bodegas de Ramón Troncoso.
 
A seguinte actividade dos «Sabados Culturais» será a conferencia de don Xesús Alonso Montero, recén nomeado presidente da Real Academia Galega, titulada «Cantares Gallegos: unha nova lectura?» que se celebrará o sábado 4 de maio de 2013, ás 12:00 horas no Salón de Actos da Casa Galega da Cultura, Praza da Princesa s/nº, Vigo.