Novas

Xantar de irmandade na Bodega Martín Codax para celebrar 35 anos de cultura galega

A Fundación Premios da Crítica Galicia celebrou un xantar de irmandade na Bodega Martín Códax de Cambados no que participaron unha importante representación dos premiados ao longo das súas trinta e catro edicións.

Abriu o xantar Ramón Barral, vicepresidente da Bodega Martín Códax, que como anfitrión recibíu de forma moi agarimeira aos asistentes e expresou o compromiso renovado da súa empresa coa cultura galega. Logo, interviu Bieito Ledo, presidente da Fundación Premios da Crítica Galicia, para agradecer o convite de Martín Códax e lembrar a importancia da traxectoria ininterrompida, ao longo de trinta e cinco anos, dunha iniciativa, nacida do Círculo Ourensán Vigués e máis tarde consolidada como Fundación independente e interxeracional. Ledo salientou que foran máis de 200 as persoas premiadas ao longo destas máis de tres décadas e 800 as que formaran parte dos diversos xurados, desenvolvendo sempre un exercicio crítico caracterizado polo seu rigor e independencia. A lectura da relación dos membros dos xurados da primeira edición, celebrada en 1978,  entre os que se atopaban lumieiras da cultura galega do século XX, como Eduardo Blanco Amor, Celso Emilio Ferreiro ou Carlos Casares, serviu ao presidente da Fundación para lembrar a importancia dunha iniciativa nacida antes da existencia das institucións culturais autonómicas .

Finalizado o xantar, en representación do premiados interviron o escritor Alfredo Conde e os académicos Andrés Torres Queiruga, Xosé Neira Vilas e Xesús Alonso Montero. Por último, pecharon as intervencións Anxo Lorenzo, secretario xeral de Cultura, e Xesús Vázquez, conselleiro de Cultura e Educación, que expresou os parabéns do Goberno Galego á traxectoria da Fundación Premios da Crítica Galicia. A actuación de Uxía Senlle puxo remate ao xantar.

Os premios da Crítica Galicia 2012 fallaranse o 20 de Outubro

A Fundación Premios da Crítica Galicia celebrou esta mañá unha roda de prensa na Casa Galega da Cultura de Vigo na que presentou a 35ª edición dos seus premios. Bieito Ledo, o presidente da Fundación, anunciou que a a partir desta edición a cea de fallo dos premios celebrarase o penúltimo sábado do mes de outubro nas instalacións do Hotel Os Escudos de Alcabre. Será, polo tanto, o vindeiro 20 de outubro cando se coñezan os gañadores nas modalidades de Creación Literaria, Investigación, Música, Iniciativas Culturais, Artes Plásticas e Visuais e Artes Escénicas e Audiovisuais. Bieito Ledo insistiu que a Fundación convoca os premios con idéntico espírito ao da primeira edición en 1978, o «recoñecemento do traballo aberto, racional, integrador e colectivo da cultura galega en todos os seus ámbitos e expresións».

Ademais de presentar as bases polas que se rexerán estes premios e anunciar os nomes dos membros da Fundación que exercerán a secretaría de cada unha das modalidades, Bieito Ledo anunciou a publicación dun libro, «35 anos de Cultura Galega», coordinado por Ernesto Sánchez Pombo, no que se pretende realizar unha radiografía da cultura galega dende a primeira edición dos premios en 1978, na que se compaxinará a visión crítica coa documental. Así mesmo, anunciou a celebración, antes de fin de ano, de sete mesas redondas, en cada unha das cidades galegas, nas que diversas figuras valorarán o estado actual de cada un dos ámbitos da cultura abordados por estes premios. Por último, anunciouse a próxima apertura do espazo web da Fundación (www.premiosdacriticagalicia.org) e a celebración dun encontro de irmandade (o sábado 16 de xuño, ás 13:00 horas,nas Bodegas Martín Códax de Cambados), ao que están convidados a participar todas as persoas premiadas nas 34 edicións realizadas e os membros da Fundación…

Na foto: de esquerda a dereita: Inma López Silva (vicepresidenta segunda), Antón Pulido (vicepresidente primeiro), Bieito Ledo (presidente) e Manuel Bragado (secretario).

Homenaxe a Xosé Manuel Beiras

A Fundación Premios da Crítica Galicia súmase á merecida homenaxe a Xosé Manuel Beiras, nomeado Galego Egrexio, no ano 2.006, pola nosa Fundación. A práctica totalidade dos 16 membros que constituimos a Xunta Directiva estaremos presentes nese encontro de irmandade galeguista.

Esta homenaxe terá lugar o 17 de decembro no Auditorio de Galicia. Así mesmo realizarase un xantar (50 euros) no que poderán participar ás persoas interesadas. Habilitouse o correo electrónico homenaxebeiras@gmail.com para realizar consultas á comisión organizadora dos actos.

Bieito Ledo entrevistado en «Faro de Vigo»

Bieito Ledo foi entrevistado por Faro de Vigo. Entre outras cuestións, o presidente da Fundación Premios da Crítica Galicia valora como un éxito a recente celebración da edición 2011 e o proceso de renovación da directiva, dende os criterios de normalidade e continuidade.

Ledo anuncia a vindeira reunión da xunta directiva da Fundación para o 25 de novembro, no que se establecerán os criterios de convocatoria de 2012 e as súas posibilidades de mellora nunha edición na que continúa apostando pola celebración na cidade de Vigo.