Novas

Laudatio e soneto para Antón Pulido por Modesto Hermida

Excelentísimas e iIustrísimas autoridades, amigas e amigos, miñas donas, meus señores: A Asociación dos Premios da Crítica- Galicia acordou, moi acertadamente, homenaxear ó compañeiro Antón Pulido, socio e directivo unha manchea de anos, no marco deste acto e festa do ano 2024  onde se fallaron e entregaron os premios correspondentes ás diversas obras e iniciativas do ano 2023. E tomamos esta decisión porque, aínda que semelle mentira mirándolle para a cara e para a axilidade dese seu volumen corporal tan farturento, o Toñito de Bóveda, como lle chamaba o señor de Trasalba cando o Toñito xa despuntaba con case todas as virtudes que lle foron medrando… medrando, xa leva oitenta anos de vida, oitenta outonos fartos e dourados, de novo palabras de Don Ramón, unha vida que non demorou en ser vida de compromiso, de talento artístico, de sabiduría plural ó servizo da sociedade, ó servizo, de maneira moi especial, dos amigos e das amigas, que é característica que leva a gala e que non hai posibilidade, en xustiza, de lle podermos negar, porque cando Pulido chegou ás súas primeiras primaveras, case dende os primeiros biberóns, encolgou no seu haber toda a xenerosidade e a vitalidade  que xorden naturais na estación das flores e dos rechouchios dos paxaros.

Pois ben, para esta ocasión, os compañeiros e compañeiras da nosa Asociación encomendáronme, en nome de todas e de todos, que tracexase unha presiña de palabras a modo de laudatio ou, en palabras menos arcaicas e xa máis nosas, de gavanza. Claro que para emitir discurso mínimamente exhaustivo sobre o home que agora nos ocupa ben compriría un congreso dunha semaniña, cando menos, e o tempo que se permite usar nesta ocasión, concesión ben racional, por certo, cando xa levamos disfrutado dunha farturenta diversidade de verbas, non poderá ser superior a uns escasos dez minutos.

De tal maneira, por aforrar, teremos que prescindir de amplas referencias familiares, limitándonos á mención da súa compañeira de vida, sempre valioso esteo, e dese trio de descendencia, fillas e fillo, que sufriron, coma o seu proxenitor, a infección do talento artístico, chámese música ese talento, chámese plástica ou chámese delicada restauración.

Dende estas primeiras consideracións ben poderiamos presentar a Antón Pulido como un eterno mozo, sensato e grande: grande de corpo, grande de intelixencia, grande de sensibilidade –especialmente sensibilidade estética–, grande en xenerosidade ó servizo da amizade, ese concepto idolatrado por Pulido porque, para el, por un amigo ou amiga paga a pena meterse en case calquera cerello.

E xa temos que acudir á ricaz personalidade do homenaxreado, unha personalidade que se vai conformando nun moi especial proceso de circunstancias existenciais, nas que nos demoraremos cun somero repaso polas máis significativas: De ben rapaciño, despois de emborranchar papeis con pretensións estéticas na escola de seu pai, actividade á que o animaba moito aquel seu Mestre e proxenitor, entrou no Seminario Diocesano de Ourense no obxectivo de cumplir cun desexo familiar, que era converterse en cura de almas, é decir, sacerdote. Malia que as aspiracións do noso amigo cada vez coincidían menos cos desexos familiares, no Seminario, onde fixo amigos, algún tan intimo e significativo como Bieito Ledo, Antón Pulido aprendeu e desempeñou a función de líder, aprendeu a xogar cun considerable nivel ó xadrez, alcanzou unha moi significativa formación musical, iniciu a súa intensa afección pola lectura poética, afección que se fixo irrenunciable, con poetas de preferencia como, entre otros e moi diversos, Valente, Vallejo, Gamoneda, Fonte, Arcadio…, e, ademáis de recibir unha profunda formación en linguas clásicas (grego e latín), que tantos recursos lle habían de propiciar andando o tempo, non deixaba de pintar, de debuxar, de aprender o manexo do oleo, de se formar autodidácticamente nos recursos e modalidades das artes plásticas. Pero o Seminario, moi a pique de se converter en misacantano, xa non estaba nos seus proxectos de vida.

Xa fóra do Seminario, ó tempo que exercía a docencia particular, sobre todo como bo coñecedor das linguas clásicas, diplomouse en pouco tempo na carreira de Maxisterio e para exercelo como Mestre Nacional aló se foi ó encontró das abas  de Pena Trevinca, en Casaio, onde se entregou con intensidade a pintar paisaxes e paisanaxes, a xeito expresionista, e a calidade plástica, así como a mostración dunha realidade socioespacial dun tempo e dunha certa disfunción económica, xa eran marcas indiscutibles na súa obra; nesta época, anos 1971 e 1972, da man de Ferro Couselo e Otero Pedraio, chegan as dúas primeiras exposición  no Museo Arqueolóxico de Ourense e se Ferro Couselo non aforra gavanzas, Otero Pedraio, ese armacén de sabeduría, manifestaba  que Antón Pulido, entre os artistiñas mozos ourensáns, era unha das máis firmes promesas con seguridade de futuro (Pulido pinta con aire sorprendido de xuventude, coma o orballo, coma o sol nas pedras orceladas).

A función pública docente dá con Antón Pulido en Barcelona, onde se enfronta á responsabilidade de dirixir un grupo escolar, e aproveita a súa nova residencia para se matricular na Facultade de Bellas Artes San Jordi, onde se licenciou con especialidade en pintura e gravado. Velaí xa un artista maduro e autodidacta que alcanza unha espléndida sabiduría teórica, acadénica, que lle propiciará novas e moi ousadas singraduras.

E chega o retorno a Galicia, a Vigo, onde logo oposita con éxito a unha praza de profesor de debuxo de ensino medio, ademáis de crear unha academia de pintura pola que pasou ben moito alumnado de todas as idades. Na chegada a Galicia xa conta coa ventaxa de se reencontrar co seu intimo Bieito Ledo para se encerellar con el e con otras xentes en canto asunto cultural teña que ver co País, a patria reencontrada, coa cultura e cos proxectos de noso. Nos últimos anos oitenta do pasado século comprométese coa Dirección Xeral de Cultura, cargo para o que o coopta Victor Vázque Portomeñe, e no ano 1993 foi nomeado como primeiro Director do Centro Galego de Arte Comtemporánea.

Como profesor, particular profesor ou director da academia de pintura e debuxo, Mestre Nacional, esteo e formador de rapaces e adolescentes, profesor de debuxo de Bacharelato e C.O.U., sempre alcanzou o éxito como formador-informador ademáis de contar sempre coa afectividade e simpatía do seu diverso alumnado.

Como xestor público tense enfrontado con éxito a responsabilidades non moi doadas que, contando con equipos ben escollidos, se teñen resolto con eficacia e con efectividade, é decir, as cousas fóronse sucedendo con oportunas solucións e resolucións sen queimar naves  nin adornarse con supérfluos ouropeis. De tal maneira, se foi sensato e eficaz Director de grupo escolar;  como Director Xeral de Cultura, na Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, comunicou moi positivamente con todas as instancias e iniciativas ocupadas en crear e desenvolver ámbitos diversos a prol da cultura universal e moi especialmente na dinamización daqueles aspectos e proxectos que nos son propios por lingua, tradición, idiosincrasia ou territorio;  como Director do Centro Galego de Arte Contemporánea, abriu unha cachoeira de eficacia e éxitos varios, tanto no relativo ás artes plásticas coma ás artes musicais, así, entre otras moitas excelencias, lévase a cabo a exposición de Alvaro Siza e a antolóxica de Laxeiro e crea o Departamento de Música Contemporánea

Pero Antón Pulido antes ca nada é artista plástico, prolífico e excelente artista. O seu campo de actuación irresistible e a pintura nas súas mil modalidades; despois das primeiras exposicións en Ourense  virían ben moitas outras e ben exitosas: varias en Cataluña, varias en Vigo (Concello e salas de Exposicións prestixiosas), Estación Marítima de A Coruña, varias en Santiago de Compostela, varias en Madrid (Casa de Galicia e salas de prestixio) e varias no Museo de Pontevedra. Nos anos 2008 e 2009 internacionalizouse en ámbitos de  prestixio para as artes plásticas, con exposición en Beijing, Shangai, Seul, Korea e, no ano 2011, na embaixada de Exipto en Roma.  E como tempo aínda dedicado ás artes, entre otras actividades, podemos mencionar a dirección e deseño da colección Artistas Galegos para a Editorial Nova Galicia, 30 tomos que recollen pintores, escultores e arquitectos, que significan un repaso histórico á xenialidade do país.

E por mostrarmos algún signos da xenerosida do noso artista, faremos mención das múltiples portadas de libros e deseño de colección onde ten posto a súa impronta, igual de abondosa e diversa é a súa presencia en revistas e en carteis para iniciativas socioculturais e sociodeportivas, e todo este labor do pintor e deseñador Antón Pulido sen que medie beneficio económico de ningún tipo. A maior abundamento, vexamos como se compromete a colaborar en moitas das ben importantes iniciativas e organizacións que funcionan no noso País: Fundación Premios da Crítica-Galicia, agora reconvertida en Asociación, Insua dos poetas na Esgueva (O Carballiño), Instituto de Estudos Carballiñeses onde se conta coa revista Agora do Orcellón, Patrón da Fundación Laxeiro e da Fundación Otero Pedraio, é Vigués Distinguido por decisión do Concello no ano 2006.

Por estas e por otras moitas razóns, a Asociación dos Premios da Crítica acordou unanimemente ofrecerlle unha moi merecida homenaxe aproveitando a ocasión de que lle chegaron os seus primeiros oitenta anos, que para Pulido non son tantos, senón vexamos que ben se remexe e canta intensa actividade desenvolve. E non pensen vostedes que temos sido moi orixinais as xentes desta nosa Asociación, pois para confirmalo podemos repasar algunas das importantes distincións coas que se nos teñen adiantado: Vigués distinguido, 2006; Galego do Mes, premio de El Correo Gallego, febreiro 2007; Fillo Predilecto de Amoeiro, 2008;  Premio da Crítica Galicia, 2014; Premio Trasalba, 2015; Premio da Cultura Galega

Nesta altura ben se poderían traer a capítulo fragmentos de sabios comentarios  sobre o artista e a súa obra, pero, como xa teño indicado, o tempo, pese a non existir, como deixou dito o meu admirado Agustín García Calvo, resulta ser un mandón tirano ó que ás veces cómpre darlle tino. Para ir acabando tan so vou acudir a algo que escribiu Modesto Hermida no artigo “De ritmos e de colores”, no libro de plural autoría Cántiga de fonte limpa que se publicou co gallo daquel premio Trasalba: “Antón Pulido sempre anda afouto para axudar, para animar, para favorecer ós  amigos/as con xenerosidade ilimitada. Sempre está disposto a exaltar as virtudes de a quen ten aprecio, sen calcular as posiblemente fastidiosas implicacións persoais. Eu amigas e amigos, miñas donas, meus señores, ilmas e Exmas autoridades, asegurolles que neste caso estou moi de acordó con Modesto Hermida. (Teño dito).

PARA O PINTOR QUE GUSTA DE ENREDAR COA LUZ

Neste xardín te deixarei coa flor no peito

Nunha presa de palabras retratado

Pois, se de ardentes coloridos es amado,

Cálidas son as colores do teu xeito.

E aquí te deixo, irmán, entre lúas ubicado

Das que arrandean coma estrellas no teu leito,

Pois que en creativa materia foches feito

Para nos donares un espazo encantado.

Nunca a noite para ti foi noite cega

Porque na noite puxeches lumieiras

De xeito que a túa luz atodos chega.

Mirando á Martiñá, viches maneiras

De inventares para nós a luz que chega,

Por San Xoan, nas douradas centeeiras.

                                             Modesto Hermida, 7 de outubro de 2024

Ditame dos Premios da Crítica de Galicia 2024

O sábado 19 de outubro ás 12:00 horas no decurso dun acto na sede de Afundación de Vigodeuse a coñecer o ditame da XLVIIª edición dos Premios da Crítica de Galicia nas súas modalidades de Creación Literaria, Investigación en Ciencias e Tecnoloxía, Investigación en Ciencias Sociais e Humanidades, Música, Iniciativas Culturais e Científicas, Artes Plásticas, Artes Escénicas, Cine e Artes Audiovisuais, Cultura Gastronómica e Cultura Dixital.

Dende comezos do mes de outubro, as 70 persoas compoñentes dos dez xurados, que se unen ás mil cincocentas participantes ao longo de toda a súa historia de máis e catro décadas, traballaron e ditaminaron de forma virtual sobre as propostas presentadas libremente por editoras, produtoras e outras entidades culturais.

Baixo o lema «Galiza, a voz que nos designa» de Luisa Villalta, xuntáronse trescentas cincuenta persoas representativas dos diversos ámbitos da política, da sociedade e da actividade cultural do país, entre as que se atopaban Abel Caballero, alcalde Vigo; Rosario Álvarez, presidenta do Consello da Cultura Galega, José López Campos, conselleiro de Cultura; Anxo Lorenzo, secretario xeral de Cultura; Luisa Sánchez, vicepresidenta da Deputación de Pontevedra; Carmela Silva, tenente de alcaldía do concello de Vigo, Xesús Alonso Montero, en representación da Real Academia Galega, ademais de diversas deputadas do Parlamento Galego e representacións do asociacionismo cultural e profesional.

Conducido pola actriz Mariana Fernández Carballal, no transcurso do acto o pintor Antón Pulido foi homenaxeado no seu 80 aniversario, sendo o escritor Modesto Hermida García quen realizou a súa gabanza e percorrido biográfico.

Sonora de Chus Pato, Premio de Creación Literaria 2024

O xurado da XLVIIª edición dos Premios da Crítica de Galicia da modalidade de Creación Literaria, formado por  Berta Dávila, escritora, gañadora de 2023; Iago Fernández, profesor e crítico; Sira González Rodríguez, bibliotecaria; Carlos Negro Romero, escritor e crítico; Armando Requeixo Cuba, profesor e crítico; Marga Romero Lorenzo, escritora e crítica e Eulalia Agrelo, profesora de Didácticas especiais da UVigo, secretaría, en representación dos Premios da Crítica de Galicia acordou entre as propostas presentadas declarar finalistas: Sonora (Xerais) de Chus Pato; Coa man esquerda (Xerais) de Xabier Quiroga; A parte fácil (Xerais) de Ismael Ramos e Enxertos (Apiario) de Dores Tembrás.

Tras as derradeiras deliberacións, acordou outorgar por unanimidade o premio a Sonora de Chus Pato.

Na súa xustificación, o xurado salientou que Sonora é poesía expandida, mutante, emotiva e intelectual a un tempo, radical nas formas, profundamente suxestiva no contido, coherente cunha traxectoria en que a autora acompaña o devir da poesía galega até o século XXI, dende a intertextualidade e o hibridismo xenérico. Sonora.

“BMPR2 como novo xene de predisposición á polipose colorrectal hereditaria” premio de Investigación en Ciencias e Tecnoloxía 2024

O xurado da XLVIIª edición dos Premios da Crítica de Galicia da modalidade de Investigación en Ciencia e Tecnoloxía, formado por  Alicia Estévez Toranzo, catedrática de Microbioloxía da USC; Aurora Grandal d’Anglade, profesora de Paleontoloxía da UDC; Fernando Obelleiro Basteiro, catedrático de Teoría do Sinal da UVigo; Elena López Lago, catedrática de Óptica da USC; María Isabel Medina Méndez, profesora de investigación do CSIC do Instituto de Investigacións Mariñas de Vigo; Isabel Pastoriza Santos, catedrática de Química-Física da UVigo e Jorge Mira Pérez, catedrático de Electromagnetismo da USC, secretaría, en representación dos Premios da Crítica de Galicia acordou entre as propostas presentadas declarar finalistas:

Evolución somática das leucemias mariñas transmisibles no berberecho común, publicado na revista Nature Cancer,

https://doi.org/10.1038/S43018-023-00641-9

obra dun equipo de 45 investigadoras e investigadores vinculados, entre outros, a diferentes centros das universidades de Santiago e Vigo, dos institutos de investigación sanitaria de Santiago e Vigo e do centro de investigacións mariñas da Xunta de Galicia; liderado por Adrián Báez Ortega e José Manel Castro Tubío.

BMPR2 como novo xene de predisposición á polipose colorrectal hereditaria, publicado na revista Gastroenterology,

https://doi.org/10.1053/j.gastro.2023.03.006

obra dun equipo de 16 investigadoras e investigadores vinculados, entre outros, ao Instituto de Investigación Sanitaria de Santiago, Universidade de Santiago, Fundación Pública Galega de Medicina Xenómica, Complexo Hospitalario Universitario de Ourense e Hospital Lucus Augusti de Lugo; liderado por Sergi Castellví Bel e Clara Ruíz Ponte.

MyBrain-seq: unha canle para a análise de datos de secuenciación de microARN en transtornos neuropsiquiátricos, publicado na revista Biomedicines,

https://doi.org/10.3390/biomedicines11041230

obra de Daniel Pérez Rodríguez, Roberto Carlos Agís Balboa e Hugo López Fernández, dos institutos de investigación sanitaria de Santiago e Vigo, hospitais Clínico Universitario de Santiago e Álvaro Cunqueiro de Vigo e Universidade de Vigo.

O xurado congratúlase pola creación desta nova categoría de premios, amosando a sensibilidade da Asociación Premios da Crítica de Galicia pola visibilización dun sistema científico-tecnolóxico galego que xera anualmente da orde de 10 000 obras, alén doutros fitos.

Tras as derradeiras deliberacións, acordou outorgar por maioría e tras un arduo debate, dado o altísimo nivel das candidaturas, o premio a BMPR2 como novo xene de predisposición á polipose colorrectal hereditaria, obra de Laia Bonjoch, Ceres Fernández Rozadilla, Miriam Álvarez Barona, Anael López Novo, Cristina Herrera Pariente, Jorge Amigo, Luis Bujanda, David Remedios, Andrés Dacal, Joaquín Cubiella, Francesc Balaguer, Fernando Fernández Bañares, Ángel Carracedo, Rodrigo Jover, Sergi Castellvi Bel e Clara Ruiz Ponte. En nome do equipo recolleu o premio Clara Ruiz Ponte.

 

O xurado salientou deste traballo o descubrimento dun novo biomarcador que pode axudar a predicir o risco dun cancro hereditario de alta prevalencia en Galicia, aunando o esforzo de investigadores e investigadoras de distintos centros da nosa comunidade autónoma.

“Nomes e voces”  premio de Investigación en Ciencias Sociais e Humanidades 2024

O xurado da XLVIIª edición dos Premios da Crítica de Galicia da modalidade de Investigación en Ciencias Sociais e Humanidades, formado por Miguel Anxo Bastos Boubeta, profesor de Ciencias Políticas da USC; Carlos Callón, profesor e escritor, gañador de 2023; Ofelia Rey Castelao, catedrática de Historia Moderna da USC; Coral del Río Otero, catedrática de Economía Aplicada da UVigo; Jesús Salgado Velo, catedrático de Psicoloxía do Traballo e Recursos Humanos da USC; María Dolores Sánchez Palomino, membro da RAG, catedrática de Filoloxía da UDC e Inma Valeije Álvarez, profesora de Dereito Penal da USC, secretaría, en representación dos Premios da Crítica de Galicia acordou entre as propostas presentadas declarar finalistas: Ese vento que vai sobor da terra. A vida desmedida de BasilioÁlvarez de Miguel Cabo Villaverde (Deputación de Ourense); Mulleres medievais: textos e imaxes na lírica galego-portuguesa de Esther Corral Díaz/ Yara Frateschi Vieira (coords.) (Edicións USC); Proxecto Nomes e Voces, do Grupo de Investigación Histagra (USC),coordinado polo catedrático da USC Lourenzo Fernández Prieto.

Tras as derradeiras deliberacións, acordou outorgar por unanimidade  o premio a Proxecto Nomes e Voces, recollendo o premio en nome do grupo Histagra Antonio Míguez Macho.

O xurado salientou que se trata dun estudo da represión en Galicia da guerra civil e o franquismo que recompila unha copiosa información e ofrece abundantes datos relativos as vítimas. Un proxecto de longa traxectoria que conta coa participación das tres universidades públicas galegas, así como de numerosos colectivos e persoas a nivel particular. O xurado valora o seu carácter interdisciplinar cunha vertente de investigación, divulgación e transferencia á sociedade que ten un acceso libre e gratuíto á obra.

“Programa Efervesciencia” de Manuel Vicente, premio de Iniciativas Culturais e Científicas 2024

O xurado da XLVIIª edición dos Premios da Crítica de Galicia da modalidade de Iniciativas Culturais e Científicas, formado por  Ana Luísa Bouzas Santiago, vicepresidenta da Fundación Luzes;  Lourenzo Fernández Prieto, catedrático de Historia da USC, membro da RAG;  Carlos Lorenzo Pérez, xestor cultural, presidente da AGPXC; Tamara Novoa, xornalista d’ A movida; Susana Rois, xornalista de Nós diario; Óscar Sánchez, representante da Agrupación Astronómica Coruñesa Ío, gañadora de 2023 e  Míriam Ferradáns, secretaria, en representación dos Premios da Crítica de Galicia acordou entre as propostas presentadas declarar finalistas: Amparo Alonso Betanzos, Asociación Cultural Alexandre Bóveda e o seu proxecto «A Coruña literaria» e programa Efervesciencia de Manuel Vicente.

Tras as derradeiras deliberacións, acordou outorgar por maioría o premio a Programa Efervesciencia de Manuel Vicente

O xurado salientou a importancia do programa e do seu impulsor e director Manuel Vicente, na divulgación de ciencia en galego e con perspectiva galega como espazo necesario que resiste desde 2006. Alén diso, quérese salientar o labor de arquivo que implica a día de hoxe, un valioso tesouro onde acudir para unha reflexión esencial arredor da capacidade da ciencia para formar públicos e para construír unha sociedade máis inclusiva. O xurado desexa facer constar que este é o tipo de programas que debera promover e emitir a Corporación de Radio Televisión de Galicia, no canto de afondar neste proceso desgaleguizador e privatizador que levou as traballadoras e traballadores dos medios públicos galegos a unha folga indefinida.

“Orquestra Vigo 430”, premio de Música 2024

O xurado da XLVIIª edición dos Premios da Crítica de Galicia da modalidade de Música, formado por  Juan Durán Alonso, compositor, membro da RAGBA; Xoán Manuel Estévez Freixeiro, crítico musical, membro da Asociación Cultural Pertenza; Andrea González Pérez, pianista, catedrática de produción e xestión no CSM de Vigo ; Lois Pérez Díaz, escritor e músico; Tanxugueiras, cantoras, gañadoras de 2023; Noel Turbulencias, director de «Turbulencias» de CUAC FM e Alejo Amoedo Portela, pianista, membro do CCG e da RAGBA, secretaría, en representación dos Premios da Crítica de Galicia acordou entre as propostas presentadas declarar finalistas: Ernie Records, Fillas de Casandra, Grande Amore e Orquestra Vigo 430.

Tras as derradeiras deliberacións, acordou outorgar por maioría o premio a  Orquestra Vigo 430, recollendo o premio Javier Escobar e María Alonso.

O xurado salientou a consolidada traxectoria de preto de 20 anos de actividade musical en toda Galicia, a través dunha programación estable contribuíndo á proxección de centos de músicos galegos, creando unha canteira única en Galicia, así como visibilizando a estrea de novas obras de compositores galegos, como na tempada 2023-2024. Asemade, esta orquestra fomenta a paridade na súa actividade, facendo ademais un labor pedagóxico na formación de públicos.

”Almudena Fernández Fariña”, premio de Artes Plásticas 2024

O xurado da XLVIIª edición dos Premios da Crítica de Galicia da modalidade de Artes Plásticas, formado por  Nuria Blanco, galerista; Xosé Manuel Buxán Bran, artista, decano da Facultade de BB.AA. da UVigo; Kiko Da Silva, ilustrador e editor; Alba Díaz Fernández, profesora e fotógrafa; Miguel Fernández Cid, director do MARCO, membro da RAGBA; Teresa Táboas, arquitecta, gañadora de 2023 e Ramón Rozas, crítico do Diario de Pontevedra, secretaría, en representación dos Premios da Crítica de Galicia acordou entre as propostas presentadas declarar finalistas: Almudena Fernández, Bea Lema e Menchu Lamas.

Tras as derradeiras deliberacións, acordou outorgar por unanimidade o premio a Almudena Fernández Fariña.

O xurado salientou o seu proxecto expositivo no CGAC de Compostela como unha mostra significativa na súa traxectoria, máis alá do puramente plástico, propoñendo un ámbito de reflexión a través da pintura. Tamén a contextualización da súa obra entre dúas arquitecturas en diálogo permanente como o edificio do CGAC e San Domingos de Bonaval

“Tanxarina”, premio de Artes Escénicas 2024

O xurado da XLVIIª edición dos Premios da Crítica de Galicia da modalidade de Artes Escénicas, formado por  Paula Carballeira Cabana, directora, premio nacional de literatura dramática; Pablo Carrera Simón, fundador da Asociación Galega de Comedia dell’Arte; Noelia Castro, actriz e deseñadora gráfica, vicepresidenta de Escena Galega; Cristina Domínguez Dapena, ex directora do CDG, coordinadora da Sección de Artes Escénicas do CCG; Raquel Hernández Sánchez, directora de Teatro Ensalle, gañadora de 2023; Kirenia Martínez Acosta, coreógrafa, bailarina, produtora e Roberto Pascual Rodríguez, profesor da ESAD de Vigo, secretaría, en representación dos Premios da Crítica de Galicia acordou entre as propostas presentadas declarar finalistas: Diego Anido, Esther Carrodeguas eTanxarina.

Tras as derradeiras deliberacións, acordou outorgar por  unanimidade o premio a Tanxarina.

O xurado salientou que esta paradigmática compañía de títeres galega celebrou con vigor, o pasado 2023, o seu 40 aniversario cunha cualitativa presenza no territorio, manifestada nas súas iniciativas de difusión e promoción de encontros, festivais e exposicións ao carón dunha relevante proxección internacional, cun forte compromiso coa investigación do teatro de títeres, obxectos e formas animadas así como unha xenerosa mirada e acompañamento interxeracional.

“Jaione Camborda”, premio de Cine e Artes Audiovisuais 2024

O xurado da XLVIIª edición dos Premios da Crítica de Galicia da modalidade de Cine e Artes Audiovisuais, formado por  Pepe Coira Nieto, guionista e gañador de 2023; Fon Cortizo, presidente de CREA e director; Ana Domínguez, codirectora do festival S8; Jaime Pena, programador da Filmoteca de Galicia; Cris Iglesias, actriz; Laura Seoane, xornalista e produtora cultural e Paula Cabaleiro, xestora cultural, secretaría, en representación dos Premios da Crítica de Galicia acordou entre as propostas presentadas declarar finalistas: Jaione Camborda, directora e guionista d’ O Corno; Play-Doc, Festival Internacional de Cine de Tui e María Vázquez, actriz, protagonista de Matria.

Tras as derradeiras deliberacións, acordou outorgar por maioría o premio a Jaione Camborda, recollendo o premio María Yáñez, responsable de comunicación d’ O Corno.

O xurado salientou o recoñecemento histórico acadado no festival internacional de Donostia por esta directora e polo filme O Corno, sendo a confirmación da mirada única, da sensibilidade feminista e da pegada artística dunha cineasta cun profundo compromiso co cinema autoral, físico e poético. O Corno marca un novo fito para o cinema galego, acompañado dunha acollida en salas pouco frecuente en filmes que desafían os estándares do cinema comercial. Destacamos a Jaione Camborda como unha das nosas grandes produtoras, directoras e guionistas do noso país.

“Feira do queixo de Friol e pan de Ousá”, premio de Cultura Gastronómica 2024

O xurado da XLVIIª edición dos Premios da Crítica de Galicia da modalidade de Cultura Gastronómica, formado por  Juan Casares Gándara, ex-director de EVEGA e do Consello da D.O. Ribeiro; Eva Fachado Rubio, directora do CIFP Vilamarín; Sandra Faginas, crítica gastronómica de La Voz de Galicia; Diana Fernández Gómez, profesora, autora do blog Bolboretas no bandullo; Rogelio Rial Romarís, cociñeiro de Casa Barqueiro de Negreira, gañador de 2023; Paula Roca Saavedra, nutricionista do Sergas e Afonso Vázquez Monxardín, catedrático, secretaría, en representación dos Premios da Crítica de Galicia acordou entre as propostas presentadas declarar finalistas: Deleite, Feira do Queixo de Friol e do Pan de Ousá e Pulpeiras de Carballiño.

Tras as derradeiras deliberacións, acordou outorgar por maioría  o premio a Feira do queixo de Friol e pan de Ousá, recollendo o premio Enrique Barreiro Sánchez concelleiro de Friol.

O xurado salientou que nesta feira proporcionase protagonismo ao medio  rural. Esta actividade constitúe o Exo fundamental  de moitas das familias da contorna, que mestura tradición e modernidade; Poñemos así mesmo de manifesto desta festa a posta en valor da elaboración artesanal tanto do queixo como do pan, alimentos indispensabeis na nosa tradición gastronómica. Así como que con 30 anos de experiencia intenta homenaxear e preservar a tradición do queixo e do pan, non so pola práctica da elaboración senón por crear unha rede de consumo próximo.

“Café Derby 21”, premio de Cultura Dixital 2024

O xurado da XLVIIª edición dos Premios da Crítica de Galicia da modalidade de Cultura Dixital, formado por  Manuel Gago Mariño, profesor da USC, director de culturagalega.org;  Marcus Fernández, webmaster de Código Cero, divulgador; Silvia López Gómez, profesora da USC, investigadora en videoxogos; Sara Seco Rial, creadora de contido dixital; Andrea Villa Feijoo, xornalista, traballadora cultural e codirectora de Carballo Interplay; María Yáñez Anllo, profesional da comunicación dixital e audiovisual e Cláudia Morán Mato, xornalista, secretaría, en representación dos Premios da Crítica de Galicia acordou entre as propostas presentadas declarar finalistas: Cafe Derby 21 podcast, Real Club Celta de Vigo SAD e Museo do videoxogo.

Tras as derradeiras deliberacións, acordou outorgar por maioría a Café Derby 21, recollendo o premio Carme Prol e Adrián Lede.

O xurado salientou a capacidade de ter acadado no seu tempo de existencia un espazo de relevancia e dinamización da cultura galega no mundo do podcast, pola diversidade de perfís vencellados ás expresións culturais do momento, cun estilo fresco e mesmo estendendo o podcast a formatos presenciais.

Esta XLVIIª edición dos Premios da Crítica de Galicia estivo patrocinada polo Concello de Vigo, a Xunta de Galicia e a Deputación de Pontevedra, sendo entidades colaboradoras Afundación, Sargadelos, Terras Gaudas, Joaquín Rebolledo e Coren.

Arquivo fotografíco dos Premios da Crítica de Galicia 2024.

Antón Pulido será homenaxeado no seu 80 aniversario

A xunta directiva da Asociación Premios da Crítica de Galicia acordou que o ditame da XLVIIª edición dos Premios da Crítica de Galicia 2024 se celebrará o sábado 19 de outubro a partir das 12:00 horas  no centro social Afundacion de Vigo, acto en que se homenaxeará a Antón Pulido no seu 80 aniversario, tras a gabanza do escritor Modesto Hermida García. Así mesmo nomeou as seguintes persoas como membros dos xurados de cada unha das dez modalidades:

CREACIÓN LITERARIA: Berta Dávila, escritora, gañadora de 2023; Iago Fernández, profesor e crítico; Sira González Rodríguez, bibliotecaria; Carlos Negro Romero, escritor e crítico; Armando Requeixo Cuba, profesor e crítico; Marga Romero Lorenzo, escritora e crítica e Eulalia Agrelo, profesora de Didácticas especiais da UVigo, secretaría.

INVESTIGACIÓN EN CIENCIAS E TECNOLOXÍA: Alicia Estévez Toranzo, catedrática de Microbioloxía da USC; Aurora Grandal d’Anglade, profesora de Paleontoloxía da UDC; Fernando Obelleiro Basteiro, catedrático de Teoría do Sinal da UVigo; Elena López Lago, catedrática de Óptica da USC; María Isabel Medina Méndez, profesora de investigación do CSIC do Instituto de Investigacións Mariñas de Vigo; Isabel Pastoriza Santos, catedrática de Química-Física da UVigo e Jorge Mira Pérez, catedrático de Electromagnetismo da USC, secretaría.

INVESTIGACION EN CIENCIAS SOCIAIS E HUMANIDADES: Miguel Anxo Bastos Boubeta, profesor de Ciencias Políticas da USC; Carlos Callón, profesor e escritor, gañador de 2023; Ofelia Rey Castelao, catedrática de Historia Moderna da USC; Coral del Río Otero, catedrática de Economía Aplicada da UVigo; Jesús Salgado Velo, catedrático de Psicoloxía do Traballo e Recursos Humanos da USC; María Dolores Sánchez Palomino, membro da RAG, catedrática de Filoloxía da UDC e Inma Valeije Álvarez, profesora de Dereito Penal da USC, secretaría.

INICIATIVAS CULTURAIS E CIENTÍFICAS: Ana Luísa Bouzas Santiago, vicepresidenta da Fundación Luzes;  Lourenzo Fernández Prieto, catedrático de Historia da USC, membro da RAG;  Carlos Lorenzo Pérez, xestor cultural, presidente da AGPXC; Tamara Novoa, xornalista d’ A movida; Susana Rois, xornalista de Nós diario; Óscar Sánchez, representante da Agrupación Astronómica Coruñesa Ío, gañadora de 2023 e Míriam Ferradáns, escritora, secretaría.

MÚSICA: Juan Durán Alonso, compositor, membro da RAGBA; Xoán Manuel Estévez Freixeiro, crítico musical, membro da Asociación Cultural Pertenza; Andrea González Pérez, pianista, catedrática de produción e xestión no CSM de Vigo; Lois Pérez Díaz, escritor e músico; Tanxugueiras, cantoras, gañadoras de 2023; Noel Turbulencias, director de «Turbulencias» de CUAC FM e Alejo Amoedo Portela, pianista, membro do CCG e da RAGBA, secretaría.

ARTES PLÁSTICAS: Nuria Blanco, galerista; Xosé Manuel Buxán Bran, artista, decano da Facultade de BB.AA. da UVigo; Kiko Da Silva, ilustrador e editor; Alba Díaz Fernández, profesora e fotógrafa; Miguel Fernández Cid, director do MARCO, membro da RAGBA; Teresa Táboas, arquitecta, gañadora de 2023 e Ramón Rozas, crítico do Diario de Pontevedra, secretaría.

ARTES ESCÉNICAS: Paula Carballeira Cabana, directora, premio nacional de literatura dramática; Pablo Carrera Simón, fundador da Asociación Galega de Comedia dell’Arte; Noelia Castro, actriz e deseñadora gráfica, vicepresidenta de Escena Galega; Cristina Domínguez Dapena, ex directora do CDG, coordinadora da Sección de Artes Escénicas do CCG; Raquel Hernández Sánchez, directora de Teatro Ensalle, gañadora de 2023; Kirenia Martínez Acosta, coreógrafa, bailarina, produtora e Roberto Pascual Rodríguez, profesor da ESAD de Vigo, secretaría.

CINE E ARTES AUDIOVISUAIS: Pepe Coira Nieto, guionista e gañador de 2023; Fon Cortizo, presidente de CREA e director; Ana Domínguez, codirectora do festival S8; Jaime Pena, programador da Filmoteca de Galicia; Cris Iglesias, actriz; Laura Seoane, xornalista e produtora cultural e Paula Cabaleiro, xestora cultural, secretaría.

CULTURA GASTRONÓMICA:  Juan Casares Gándara, ex-director de EVEGA e do Consello da D.O. Ribeiro; Eva Fachado Rubio, directora do CIFP Vilamarín; Sandra Faginas, crítica gastronómica de La Voz de Galicia; Diana Fernández Gómez, profesora, autora do blog Bolboretas no bandullo; Rogelio Rial Romarís, cociñeiro de Casa Barqueiro de Negreira, gañador de 2023; Paula Roca Saavedra, nutricionista do Sergas e Afonso Vázquez Monxardín, catedrático, secretaría.

CULTURA DIXITAL: Manuel Gago Mariño, profesor da USC, director de culturagalega.org;  Marcus Fernández, webmaster de Código Cero, divulgador; Silvia López Gómez, profesora da USC, investigadora en videoxogos; Sara Seco Rial, creadora de contido dixital; Andrea Villa Feijoo, xornalista, traballadora cultural e codirectora de Carballo Interplay; María Yáñez Anllo, profesional da comunicación dixital e audiovisual e Cláudia Morán Mato, xornalista, secretaría.

Convocados os Premios da Crítica de Galicia 2024

A Asociación Premios da Crítica de Galicia acordou aprobar as bases pola que se rexerán os Premios da Crítica de Galicia 2024, que se ditaminarán en Vigo o 19 de outubro de 2024, ademais de nomear as secretarías de cada unha das modalidades.

Outorgados dende 1978 de forma ininterrumpida, os Premios da Crítica Galicia veñen recoñecendo cada ano a excelencia e a relevancia dos labores individuais e colectivos máis destacados nos diversos ámbitos da creación cultural e da investigación en Galicia.

Xerados dende a iniciativa da sociedade civil, anticipándose ao inicio da Autonomía, os Premios da Crítica Galicia –unha plataforma plural, independente e interxeracional– asumen como o seu obxectivo sobranceiro o de tomar o pulso do latexo da nosa creación cultural. Un traballo en man común e en clave de país cuxa continuidade contribúe a acrisolar a tradición galega.

Como novidades da presente edición de 2024, a XLVIIª, coa intención de acompañar o desenvolvemento das diversas expresións da cultura e da industria cultural galega contemporáneas, créanse tres novas modalidades: as de Investigación en Ciencia e Tecnoloxía, a de Investigación en Ciencias Sociais e Humanidades e a de Cultura dixital.

Na modalidade de Investigación en Ciencia e Tecnoloxía consideraranse participantes aquelas obras que, resultado dunha investigación contrastada e rigorosa naquelas áreas de coñecemento cubertas por matemática, física, química, bioloxía, ciencias da saúde, xeoloxía, ciencias da computación e todas as variantes de enxeñaría e ciencias técnicas, fosen publicadas entre o 1 de xaneiro e o 31 de decembro de 2023, ou tamén aqueles desenvolvementos ou fitos tecnolóxicos presentados no mesmo período. O xurado valorará aqueles traballos de autoría maiormente galega cuxos resultados fosen de alta repercusión para Galicia ou nos que exista unha vinculación do obxecto da investigación con Galicia.

Na modalidade de Investigación en Ciencias Sociais e Humanidades consideraranse participantes aquelas obras, traballos ou desenvolvementos que, resultado dunha investigación contrastada e rigorosa en ciencias sociais e humanidades, fosen publicadas ou comunicadas entre o 1 de xaneiro e o 31 de decembro de 2023. O xurado valorará de forma prioritaria traballos publicados en lingua galega, o que non se considera excluínte se o obxecto da investigación fose de alta repercusión para Galicia.

Na modalidade de Cultura dixital consideraranse participantes aqueles traballos e iniciativas arredor da cultura dixital, como  a creación e produción de contido dixital en galego para redes, de videoxogos, podcasts, aplicacións…, publicados ou comunicados en calquera canle entre o 1 de xaneiro e o 31 de decembro de 2023. Así mesmo, consideraranse todas aquelas persoas e entidades do eido da cultura dixital, que contando cunha traxectoria iniciada con anterioridade, ofrecesen dentro ou fóra de Galicia un fito destacado durante o ano 2023.

A estas tres novas modalidades, engádense as xa tradicionais de Creación Literaria, Iniciativas Culturais e Científicas, Música, Artes Plásticas, Artes Escénicas, Cine e Artes Audiovisuais e Cultura Gastronómica.

Por último, coa intención de acoller a diversidade da nosa creación cultural, como establece a base sétima, «Todas as producións que se consideren premiables en cada unha das dez modalidades poderán ser presentadas polas súas autoras e autores, editoras, produtoras ou promotoras ás secretarías dos xurados antes do 6 de setembro de 2024..». A este teor estas propostas poderán ser presentadas até esa data no correo electrónico:  premiosdacriticagalicia@gmail.com.

Laudatio para Bieito

O druída de Padroso que asentou nunha ría mentres soñaba con cambiar o mundo

Por María Xosé Porteiro

A finais dos ano 60, cinco mozos ían nun Dyanne 6 desde Galicia a Valencia. Sen cartos na faldriqueira, cheos de ilusión, deixaban atrás púlpitos, confesionarios, responsos e moito traballo social nas vilas e aldeas que conformaban as súas parroquias. Estaban na flor da vida loitando contra unha definición que era unha contradición en si mesma: curas obreiros.

Madia leva! Nunca tal se vira, pois que a Limia da que marchaban non era unha serra de Centro América tomada pola teoloxía da liberación. Era un mundo por espertar, aínda con métodos de vida que remitían ao medievo. Un mundo de viúvas de vivos e mortos, esgotado pola perda de sangue nova, primeiro na emigración americana e daquela xa na europea.

Entre eles, un tal Don Benito, nado no lugar de Padroso, parroquia de Abeleda, en Xunqueira de Ambía, de onde chegou a ser “Fillo Predilecto”, decidía deixar atrás aquel mundo onde reinan as augas do Arnoia, o Limia e o Támega e a serra de San Mamede convive coa xa seca lagoa de Antela, para -como el mesmo conta- pasar a ser Don Ninguén. Precisaba dixerir o aprendido na nenez e na mocidade cando descoñecía o difícil que ía ser construír un proxecto de vida desde un seminario onde aprendeu o estoicismo da disciplina, da constancia e do esforzo que marcarían toda a súa traxectoria.

Estamos a falar, xa se sabe, de Bieito Ledo Cabido, o patrucio feiticeiro que é quen de vivir tantas, e tan espléndidas vidas, nunha.

Poida que esa vida súa que ten a ver co mundo editorial fose das máis ricas e na que máis forza e vontade deixou. En 1983 foi o primeiro presidente da Asociación Galega de Editores. Da súa etapa como director xerente de Galaxia, entre 1979 e 1985, ten dito que foi unha das súas tres universidades, xunto coas xa comentadas de Padroso e o Seminario. Esta terceira, a editorial, foi un elo clave na cadea que axugou as xeracións dos galeguistas históricos cos do presente, con Ramón PIñeiro, García Sabell, Don Paco del Riego, Carlos Casares, e toda a nómina de esgrevias figuras do galeguismo e da cultura, no tránsito dun proxecto cultural de fondo calado, alicerce da industria cultural galega e referencia indubidable de país.

Se cadra non foi un tempo doado, mais si central para confirmar que a edición era a súa auténtica vocación, cun xeito de entender a vida que levou adiante, sen presas, pero sen pausas, como aprendera do seu veciño, o carpinteiro de Padroso, que lle dicía aquilo de que “o  caso é ir indo”, como as tartarugas: vagarosas, mais constantes. Non por acaso, esa consigna daría nome a unha empresa propia coa que conseguiu dotar a Galicia dunha auténtica Enciclopedia Universal. Só por iso, xa podía estar satisfeito. Por iso, e polo Dicionario Enciclopédico Galego Universal. Ou polo Dicionario biográfico de Galicia. Ou polo Dicionario dos nomes galegos… ou polos máis de seiscentos libros que alí naceron.

Salienta en Bieito, tamén, unha expresividade innata que abrolla na súa fala fluída e nun pensamento inquedo, veloz, curioso, e mesmo cósmico, se se me permite a licencia. Talvez, pecou de modesto ao demorarse tanto en facernos ver ao escritor que habita nel de tanto ocuparse en ler e publicar o que escribíamos os demais. O certo é que, por fin, desde non hai moitos anos, a escrita de Bieito se nos manifesta de xeito memorialístico, entre Cavilacións e Aconteceres, para compartir o relato dun mundo en transición. Velaquí, daquela, outro motivo para valorarmos o seu aporte á nosa cultura, á nosa patria, co alento comunicador que sempre lle puxo vento nas velas. (2’21”)430

Mais, de todas as súas facianas hai unha que nunca abandonou e que hoxe nos convoca neste acto: a do activismo cultural, a do axitador a quen lle debemos a idea de crear uns Premios da Crítica que tiveron a súa estrea o Día das Letras Galegas de 1978 e que neste 2023 están a facer os seus primeiros 45 anos.

Só un soñador podía imaxinar, naquela Galicia adoecida por tantos anos de ditadura e represión cultural e lingüística, que a forza e o talento do pobo darían para crear unha industria cultural con peso no PIB, no cómputo do emprego, na proxección externa e mesmo internacional… confirmando e consolidando o valor dunha creatividade do máximo nivel, cunha nómina extensa e de calidade na narrativa, a música, o audiovisual, as artes plásticas, a investigación, o pensamento… e, mesmo, a gastronomía entendida coma unha arte. Ao seu redor convocounos a unha panda de mozos e mozas ilusionados cun proxecto que foi sumando a moitos outros, conformando un exército de homes e mulleres de todos os ámbitos e expresións da cultura de nós.

Aquel home novo que estivera na universidade pontificia de Roma, que se licenciara en filosofía en Madrid, que decidira dedicar a súa vida ao Deus dos libros, e foi en Vigo libreiro, editor, escritor, axitador cultural e vigués distinguido, ten dito que sempre quixo “ter unha vida con imaxinación e con principios, porque, o máis importante, é querer e que me queiran” 

E aquí estamos para confirmarlle a aquel Balbino de Padroso que camiña con paso firme e baril polo seu sétimo decenio, que se están a cumprir eses seus soños, porque, Bieito, benquerido, sementaches e colleitaches. A túa vida é un exemplo frutífero para quen te queremos, pero tamén, e iso é transcendente, para a túa patria, para a túa matria, para o noso pobo e para a túa familia dos Premios da Crítica.

Celebramos que aquel mozo de Padroso fose quen de facer realidade as súas arelas, quen sabe se por nacer nun territorio máxico onde reinan as fragas das árbores sagradas dos celtas, tecendo carballeiras aloumiñadas por fontes e mananciais de augas limpas e puras.

O fillo de don Francisco e dona Secundina, o pai do Bieito fillo, e da súa irmá, Antía, o home que tivo forzas para soñar e facer posible 45 anos de Premios da Crítica, léganos fazañas propias dun sabio argallante de feitizos ancestrais para conservar e multiplicar  as sabenzas, a fala, e a inmensa creatividade deste pobo de nós. Ensinándonos, tamén, que sempre hai un novo chanzo por subir e novas metas que acadar cando se fixan con acerto os obxectivos, se constrúen fortes as equipas, se procuran alianzas e se traballa arreo. Velaí os ingredientes da poción máxica do druída de Padroso que asentou nesta ría e se propuxo cambiar o mundo.

Estamos aquí para confirmarte que non errabas, Bieito. Que es moi benquerido.

E para dicirche, alto e claro: grazas por unha vida dedicada a facer unha Galicia máis forte. Que non perda a conexión co soño dos devanceiros. Aberta a un futuro onde nos ensinaches que non podemos desistir. Que hai que seguir traballando para consolidarmos unha sociedade máis culta,  que é tanto coma dicir, máis libre, máis xusta.

Grazas por tanto, Bieito: sacerdote telúrico, druída máximo nesta Galicia do futuro que soñaches cando neno. O carballo do teu Padroso natal, máxima árbore sagrada dos celtas, é o símbolo que nos deixas nesta etapa apropiada para o balance.

Tomamos boa nota da mensaxe:
Coidarmos a natureza.
Termarmos do legado dos antepasados.
Convivirmos con respecto.
Sementarmos e colleitarmos afectos.
E, sobre todo, traballarmos polo futuro deste noso país,
deste noso pobo, coa cultura de nós coma bandeira.

En Vigo, a 28 de outubro de 2023, no 45º aniversario dos Premios da Crítica, con todo amor, para don Bieito Ledo Cabido: Beizón!