Camiñante entre caracochas

Este é o boceto de «Camiñante entre caracochas», a serigrafía de Antón Pulido que recibíu cada un dos asistentes á cerimonia dos Premios da Crítica Galicia 2011. Un traballo extraordinario do grande mestre de Amoeiro que foi moi gabado polos participantes. Parabéns!!!

Romaní, Mira, Son de Seu, Proxecto Terra, Ángela de la Cruz e Chévere, Premios da Crítica Galicia 2011

No Hotel Os Escudos de Vigo deuse a coñecer no serán do sábado 22 de outubro o ditame da trixésimo cuarta edición dos Premios da Crítica Galicia na súas modalidades de Creación Literaria, Investigación, Música, Iniciativas Culturais, Artes Plásticas e Visuais e Artes Escénicas e Audiovisuais.

Baixo o lema “Eis o canto eterno dunha terra”, recollido dun verso de Lois Pereiro, xuntáronse catrocentas persoas representativas dos diversos ámbitos da política, da sociedade e da actividade cultural do país, entre as que se atopaban Abel Caballero, alcalde de Vigo; Roberto Varela, conselleiro de Cultura e Turismo; Ramón Villares, presidente do Consello da Cultura Galega; Xosé Luís Méndez Ferrín, presidente da Real Academia Galega; Anxo Lorenzo Suárez, secretario xeral de Política Lingüística; Francisco López Rodríguez, director xeral do Libro, Arquivo e Bibliotecas; Lucía Molares, delegada da Xunta en Vigo; Xosé Manuel Figueroa, vicepresidente da Deputación de Pontevedra; Delfín Fernández, subdelegado do Goberno en Pontevedra; Pachi Vázquez, secretario xeral do PSdeG-PSOE; Carmela Silva, concelleira de Urbanismo do concello de Vigo; Santiago Domínguez Olveira, voceiro do BNG no concello de Vigo; Cesáreo Sánchez Iglesias, presidente da AELG; Luís González Tosar, presidente do PEN Club e Francisco Castro, presidente de GALIX, entre outros.

Bieito Ledo, presidente da Fundación Premios da Crítica Galicia, abríu o acto, conducido por Comba Campoy, saudando aos asistentes e lembrando que ao longo de máis de tres décadas os Premios da Crítica Galicia baseáronse no galeguismo integrador, “que nós os da Fundación recentemente anovada, renovada e ampliada concibimos como FORTITER IN RE SUABITER IN MODO, man forte con luva de seda, sen confundir a luva coa  man, que seguiremos ofrecendo por Galicia, sempre”.

“Estremas” de Ana Romaní, Premio de Creación Literaria

O xurado da modalidade de Creación Literaria, formado por Suso de Toro, Manuel Forcadela, Isabel Soto López, María Xesús Nogueira, Carme Pérez-Sanjulián, Eulalia Agrelo Costas e María López Sández, que actuou como secretaría, acordou outorgar o premio a Estremas, o poemario de Ana Romaní, publicado pola editorial Galaxia. Así mesmo, fai constar unha mención como finalistas a O pintor do sombreiro de malvas de Marcos Calveiro e Periferia de Iolanda Zúñiga, ambos os dous publicados por Xerais.

“Jorge Mira” , Premio de Investigación

O xurado da modalidade de Investigación, formado por María Xosé Agra Romero, Senén Barro Amenedo Miguel Barros Puente, Domingo Docampo Amoedo, Uxío Labarta Fernández, Isabel Mociño e Blanca-Ana Roig Rechou, que actuou como secretaria, acordou outorgar  por maioría a Jorge Mira por  liderar un traballo titulado A importancia da similitude interlingüística e o bilingüismo equilibrado cando dúas linguas compiten, realizado cos seus colegas Luís Seoane e Juan Nieto, publicado en inglés nunha das revistas máis prestixiosas, e seleccionado polo ArXiv Physics Blog que acolle diariamente a mellor idea de entre todos os traballos publicados no Physics Arxiv un dos principais colectores de artigos científicos do mundo. Neste artigo hai un achegamento concreto ao caso galego e non se augura a desaparición da lingua seguindo os parámetros usados, aínda que si se comenta que perdería uso, de non ser suficientemente apoiada. Un traballo, dos poucos, que concilian a investigación en ciencias experimentais coas humanidades e as ciencias sociais  e que tivo e está a ter unha grande recepción e impacto en Galicia e nos circuítos científicos internacionais.

Un investigador que contribue á comunicación da cultura científica con traballos como A Ciencia no punto de mira, publicado por Auga Editora, por poñer ao alcance da sociedade, cunha linguaxe sinxela, os beneficios da investigación, utilizando o galego como vehículo da universalización da ciencia.

“Son de Seu”, Premio de Música

O xurado da modalidade de Música, formado por Joám Trilho, Victor Carou, Ramón Castromil, Uxía Senlle, Xurxo Souto Eiroa, Berta Fresco e Antón Pulido, que actuou como secretario, acordou por unanimidade outorgar o premio á orquestra folk Son de Seu, como un proxecto pioneiro e singular que a partir da música tradicional e popular galega creou un novo modelo de interpretación en formato orquestral que xa se converteu nun referente inspirador noutros países europeos. Outros argumentos que fundamentan esta elección inclúen a dimensión pedagóxica do proxecto, a escola E-trad, xerme de Son de Seu. Todo isto quedou reflectido duante o ano 2010 na edición do seu magnífico disco Barlovento.

“Proxecto Terra”, Premio de Iniciativas Culturais

O xurado da modalidade de Iniciativas Culturais, formado por Natalia Balseiro, Chelo Loureiro Vilarello, Manuel Gago, Manuel P. Rúa, Alfonso Blanco Torrado, Daniel Salgado e Marcos Lorenzo, que actuou como secretario, outorgar o premio ao PROXECTO TERRA iniciativa impulsada polo Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia, apoiada pola Xunta de Galicia, polo seu labor exemplar na formación das xeracións máis novas de galegos e galegas en aspectos tan sensibles para o noso país como a cultura territorial, urbanística e arquitectónica, e polo impulso dunha reflexión crítica sobre o estado dos nosos recursos patrimoniais e paisaxísticos.

“Ángela de la Cruz”, Premio de Artes Plásticas e Visuais

O xurado da modalidade de Artes Plásticas e Visuais, formado por Enrique Acuña, Antón Castro, Mercedes Rozas, Manuel Vilariño, Alfonso Penela, Jaime Asensi e Antón Sobral, que actuou como secretario, acordou outorgar o premio a Ángela de la Cruz pola súa actitude renovadora e de risco na súa linguaxe deconstrutiva coa que rompe os límites, tal como puxo de manifesto cos seus traballos e propostas de 2010.

“Citizen” de Chévere, Premio de Artes Escénicas e Audiovisuais

O xurado da modalidade de Artes Escénicas e Audiovisuais, formado Manolo González, Euloxio Ruibal, Nerea de Valenzuela, Cristina Domínguez Dapena, Camilo Franco, Miguel Castelo e Comba Campoy García, que actuou como secretaria, outorgar o premio por maioría outorgar o premio ao espectáculo «Citizen» da compañaía de Teatro Chévere pola orixinalidade da súa linguaxe dramatúrxica e da posta en escena, xurdidas dun proceso creativo pouco convencional que emprega como materia prima a historia de Galicia das útimas décadas. O resultado é un espectáculo potente que acada unha forte conexión co público ratificada ao longo das súas numerosas representacións na recentemente desaparecida Sala Nasa. O xurado quere tamén chamar a atencíón sobre a dificutade de escoller entre obras de dúas linguaxes moi distintas como son a escénica e a audiovisual que teñen ademais mecanismos de produción, creación e distribución completamente diferentes. Esta dificultade foi aínda maior nun ano especialmente vizoso no número e calidade de producións.

34ª Premios da Crítica Galicia: «Eis o canto eterno dunha terra»

A xunta directiva da Fundación dos Premios da Crítica Galicia aprobou as bases que rexerán a convocatoria que recoñecerá o traballo da creación cultural galega realizado o pasado ano 2010. Nesta 34ª edición os premios abranguen seis modalidades: «Creación literaria», «Investigación», «Música», «Iniciativas Culturais», «Artes Plásticas e Visuais», e «Artes Escénicas e Audiovisuais». A xunta directiva acordou por unanimidade suprimir a modalidade de «Galego Egrexio» coa intención de recuperar o espírito fundacional dos premios, alicerzados sobre o recoñecemento do labor creativo anual en cada un dos eidos da creación cultural e investigación en Galicia, así como pola existencia na actualidade doutros importantes recoñecementos, tanto institucionais como cívicos, a traxectorias a prol da cultura galega.

Outra das novidades da presente convocatoria é a creación de dúas novas modalidades a de Ártes Plásticas e Visuais» e a de «Artes Escénicas e Audiovisuais», así como a ampliación do descritor da modalidade de «Creación Literaria», onde poderán ser premiables obras de narrativa, poesía, ensaio, textos dramáticos, guións, xornalismo de opinión, incluíndo a creación literaria infantil e xuvenil, publicadas ao longo do ano 2010.

O xurado de cada unha das modalidades estará formado por sete persoas, que terán competencia exclusiva para establecer os criterios de valoración (calidade, incidencia social, oportunidade, novidade…) de cada unha das candidaturas concorrentes. Con todo, o recoñecemento da excelencia e da relevancia para a cultura galega que ofrezan as achegas a considerar, deberá ser a guía sobranceira no seu proceso de avaliación. Así mesmo, naquelas manifestacións culturais que precisen da intervención do idioma este será o galego. Todas as producións que se consideren premiables en cada unha das modalidades poderán ser presentadas polos seus autores, editores ou promotores ás secretarías dos xurados. Así mesmo, cada un dos membros dos xurados poderá presentar cantas candidaturas considere oportunas para a súa valoración polo resto dos membros.

A xunta directiva nomeou as seguintes persoas como membros dos xurados de cada unha das modalidades:

Creación Literaria: Suso de Toro (escritor, gañador da edición 2010 de Creación Literaria), Manuel Forcadela (escritor, gañador da edición 2010 de Ensaio), Isabel Soto López (crítica literaria), María Xesús Nogueira (profesora USC), Carme Pérez-Sanjulián (profesora UDC), Eulalia Agrelo Costas (investigadora do Centro Ramón Piñeiro) e María López Sández (secretaría, Fundación Premios da Crítica Galicia).

Investigación: María Xosé Agra Romero (catedrática USC), Senén Barro Amenedo (catedrático USC), Miguel Barros Puente (gañador da edición 2010 de Investigación), Domingo Docampo Amoedo (Catedrático UDV), Uxío Labarta Fernández (profesor de Investigación CSIC), Isabel Mociño González (investigadora do Centro Ramón Piñeiro) e Blanca-Ana Roig Rechou (secretaría, Fundación Premios da Crítica Galicia).

Música: Joám Trilho (Ars Gallaeciae, gañador da edición 2010), Victor Carou (director do Auditorio de Galicia), Ramón Castromil (pianista), Uxía Senlle (cantante), Xurxo Souto Eiroa (escritor), Berta Fresco (profesora de piano do Conservatorio de Vigo) e Antón Pulido (secretaría, Fundación Premios da Critica Galicia).

Iniciativas Culturais: Natalia Balseiro (enxeñeira cultural), Chelo Loureiro Vilarello (produtora), Manuel Gago (director de culturagalega.org), Manuel P. Rúa (técnico de cultura), Alfonso Blanco Torrado (crego, presidente da Asociación Cultural Xermolos), Daniel Salgado (xornalista) e Marcos Lorenzo (secretaría, Fundación Premios da Crítica Galicia).

Artes Plásticas e Visuais: Enrique Acuña (gañador da edición 2010 de Artes da Representación), Antón Castro (crítico de arte, profesor da UDV), Mercedes Rozas (crítica de arte), Manuel Vilariño (fotógrafo), Alfonso Penela (arquitecto), Jaime Asensi (ilustrador e deseñador gráfico) e Antón Sobral (secretaría, Fundación Premios da Crítica Galicia).

Artes Escénicas e Audiovisuais: Manolo González (profesor), Euloxio Ruibal (dramaturgo), Nerea de Valenzuela (crítica), Cristina Domínguez Dapena (directora teatral), Camilo Franco (crítico), Miguel Castelo (director de cine) e Comba Campoy García (secretaría, Fundación Premios da Crítica Galicia).

O ditame dos xurados desta 34ª edición dos Premios da Crítica Galicia será coñecido o 22 de outubro de 2011 no decurso dunha cea que se celebrará en Vigo, no Hotel Os Escudos, baixo o lema «Eis o canto eterno dunha terra», sintagma acuñado polo poeta Lois Pereiro, a quen rende homenaxe a sociedade galega este ano.