Cultura, dignidade e futuro

Chamamento a partidos e organizacións políticas con motivo do 21-O

Dende a súa creación en 1978, os Premios da Crítica de Galicia celebramos os mellores froitos da nosa cultura, 35 anos de apoio á creación e ao coñecemento en todos os seus eidos e disciplinas. Ao longo deste fecundo período, distinguimos cos nosos galardóns a máis de duascentas persoas, colectivos, iniciativas e institucións da máis variada condición e sensibilidade. O respecto pola diversidade e o fomento da convivencia no marco dun galeguismo integrador foi o distintivo inequívoco da nosa entidade e o principio irrenunciable que orienta tamén hoxe o noso quefacer.

Ese talante integrador, longamente contrastado, e a traxectoria ininterrompida da nosa actividade crítica permítennos facer agora algunha modesta consideración sobre o presente e o futuro da cultura en Galicia, máis aínda cando sabemos que vivimos un momento decisivo tanto para as iniciativas culturais públicas como para as industrias culturais privadas, sometidas á severidade das políticas de consolidación fiscal e ás incertezas do tránsito cara á creación e distribución dixitais.

Entendemos que a cultura é un elemento substancial na cohesión social dos pobos, ademais do principal soporte da súa identidade e dun alicerce da liberdade individual e colectiva, en tanto que amplía as destrezas expresivas da cidadanía. Mais a estes valores intanxibles cómpre engadir un terceiro: a cultura e a creatividade son activos produtivos, fontes incuestionables de progreso material, na medida en que achegan beneficios en termos de emprego (17.000 postos de traballo directos e indirectos en Galicia) e de actividade económica (2% do PIB galego). Ese importante impacto económico do sector da cultura non se limita á súa propia industria, senón que afecta a outros sectores económicos como o turismo, a hostalaría, os produtos alimentarios, o téxtil ou o deseño industrial. A creatividade engade valor ao conxunto da produción galega, contribuíndo a singularizar os nosos bens e servizos coa “marca Galicia”, achegándolle así visibilidade e prestixio, do que se derivan vantaxes competitivas.

A relevancia do papel da industria cultural nunha sociedade avanzada é unha evidencia que compartiron as diversas xeracións galeguistas. Posición da que deixaron testemuño Isaac Díaz Pardo, Xaime Isla Couto e Avelino Pousa Antelo, tres emprendedores galeguistas que souberon acrisolar economía e cultura ao servizo do proxecto de modernización do país. Como tamén o fixo Valentín Paz Andrade, o empresario, xornalista e poeta que homenaxeamos o Día das Letras Galegas de 2012. Catro visionarios que contribuíron ao proxecto de construír Galicia, tarefa á que todos nos debemos adscribir.

Hoxe en Galicia, polo efecto das políticas de reformas e austeridade, tanto as iniciativas culturais públicas (museos, centros de arte, bibliotecas e programas locais de creación e difusión cultural) como as diversas industrias culturais privadas, sexan da edición, do audiovisual, da música, das artes escénicas ou de novos medios, padecen unha situación crítica, que sabemos de auténtica emerxencia, que, de non se lle poñer remedio, acabará destruíndo boa parte do noso tecido cultural, un tapiz que á vista do esforzo realizado nestes 35 anos non foi doado de tecer. De se consumar esta regresión sabemos que non só continuaremos asistindo á perda de moitos postos de traballo e peche de numerosas empresas culturais, senón ademais a graves repercusións en cadea noutros sectores de actividade e a un auténtico desmantelamento da nosa identidade. A crise do sector da cultura pode levar á dramática devaluación material e espiritual de Galicia.

Dende a Fundación Premios da Crítica Galicia somos conscientes da fondura da crise económica que nos afoga, e non discutimos que a súa saída deba pasar polo esforzo e a contribución corresponsable de todos. Porén, estamos seguros de que os sacrificios que na nosa sociedade se lles está a pedir á cultura e ás súas empresas, como amosa a brutal subida do IVE cultural deica o 21%, non son nin equitativos nin razoables.

Lamentamos que nalgunhas instancias da vida económica e política aínda subsista a miope consideración da cultura como un mero ornamento en lugar dun activo estratéxico xerador de valor e de futuro no desenvolvemento do país. Os agresivos recortes nos orzamentos de cultura en Galicia dos diversos poderes públicos (Xunta de Galicia e administracións locais) son sintomáticos dese nocivo estado de opinión. Tampouco podemos agochar a nosa preocupación pola redución drástica dos orzamentos da obra social e cultural do que foron as caixas de aforros galegas, así como pola alarma que nos provoca a posibilidade da súa desaparición.

A cultura en Galicia, tanto as iniciativas dos poderes públicos como as industrias culturais privadas, precisan dun novo modelo de financiamento sostible e de funcionamento profesional e autónomo, independente das mudanzas políticas. Nesa liña, cremos imprescindible a aprobación dunha Lei de mecenado e patrocinio de Galicia, así como a elaboración dun Plan estratéxico para a Cultura Galega (2013-2023) elaborado coa participación dos creadores e empresas de cada un dos sectores culturais. Porque, repetimos, o que está en xogo no estado da cultura é quen somos, e en consecuencia a nosa liberdade, dignidade e futuro colectivo.

 

Galicia, 28 de setembro de 2012

Xantar de irmandade na Bodega Martín Codax para celebrar 35 anos de cultura galega

A Fundación Premios da Crítica Galicia celebrou un xantar de irmandade na Bodega Martín Códax de Cambados no que participaron unha importante representación dos premiados ao longo das súas trinta e catro edicións.

Abriu o xantar Ramón Barral, vicepresidente da Bodega Martín Códax, que como anfitrión recibíu de forma moi agarimeira aos asistentes e expresou o compromiso renovado da súa empresa coa cultura galega. Logo, interviu Bieito Ledo, presidente da Fundación Premios da Crítica Galicia, para agradecer o convite de Martín Códax e lembrar a importancia da traxectoria ininterrompida, ao longo de trinta e cinco anos, dunha iniciativa, nacida do Círculo Ourensán Vigués e máis tarde consolidada como Fundación independente e interxeracional. Ledo salientou que foran máis de 200 as persoas premiadas ao longo destas máis de tres décadas e 800 as que formaran parte dos diversos xurados, desenvolvendo sempre un exercicio crítico caracterizado polo seu rigor e independencia. A lectura da relación dos membros dos xurados da primeira edición, celebrada en 1978,  entre os que se atopaban lumieiras da cultura galega do século XX, como Eduardo Blanco Amor, Celso Emilio Ferreiro ou Carlos Casares, serviu ao presidente da Fundación para lembrar a importancia dunha iniciativa nacida antes da existencia das institucións culturais autonómicas .

Finalizado o xantar, en representación do premiados interviron o escritor Alfredo Conde e os académicos Andrés Torres Queiruga, Xosé Neira Vilas e Xesús Alonso Montero. Por último, pecharon as intervencións Anxo Lorenzo, secretario xeral de Cultura, e Xesús Vázquez, conselleiro de Cultura e Educación, que expresou os parabéns do Goberno Galego á traxectoria da Fundación Premios da Crítica Galicia. A actuación de Uxía Senlle puxo remate ao xantar.

Os premios da Crítica Galicia 2012 fallaranse o 20 de Outubro

A Fundación Premios da Crítica Galicia celebrou esta mañá unha roda de prensa na Casa Galega da Cultura de Vigo na que presentou a 35ª edición dos seus premios. Bieito Ledo, o presidente da Fundación, anunciou que a a partir desta edición a cea de fallo dos premios celebrarase o penúltimo sábado do mes de outubro nas instalacións do Hotel Os Escudos de Alcabre. Será, polo tanto, o vindeiro 20 de outubro cando se coñezan os gañadores nas modalidades de Creación Literaria, Investigación, Música, Iniciativas Culturais, Artes Plásticas e Visuais e Artes Escénicas e Audiovisuais. Bieito Ledo insistiu que a Fundación convoca os premios con idéntico espírito ao da primeira edición en 1978, o «recoñecemento do traballo aberto, racional, integrador e colectivo da cultura galega en todos os seus ámbitos e expresións».

Ademais de presentar as bases polas que se rexerán estes premios e anunciar os nomes dos membros da Fundación que exercerán a secretaría de cada unha das modalidades, Bieito Ledo anunciou a publicación dun libro, «35 anos de Cultura Galega», coordinado por Ernesto Sánchez Pombo, no que se pretende realizar unha radiografía da cultura galega dende a primeira edición dos premios en 1978, na que se compaxinará a visión crítica coa documental. Así mesmo, anunciou a celebración, antes de fin de ano, de sete mesas redondas, en cada unha das cidades galegas, nas que diversas figuras valorarán o estado actual de cada un dos ámbitos da cultura abordados por estes premios. Por último, anunciouse a próxima apertura do espazo web da Fundación (www.premiosdacriticagalicia.org) e a celebración dun encontro de irmandade (o sábado 16 de xuño, ás 13:00 horas,nas Bodegas Martín Códax de Cambados), ao que están convidados a participar todas as persoas premiadas nas 34 edicións realizadas e os membros da Fundación…

Na foto: de esquerda a dereita: Inma López Silva (vicepresidenta segunda), Antón Pulido (vicepresidente primeiro), Bieito Ledo (presidente) e Manuel Bragado (secretario).

Homenaxe a Xosé Manuel Beiras

A Fundación Premios da Crítica Galicia súmase á merecida homenaxe a Xosé Manuel Beiras, nomeado Galego Egrexio, no ano 2.006, pola nosa Fundación. A práctica totalidade dos 16 membros que constituimos a Xunta Directiva estaremos presentes nese encontro de irmandade galeguista.

Esta homenaxe terá lugar o 17 de decembro no Auditorio de Galicia. Así mesmo realizarase un xantar (50 euros) no que poderán participar ás persoas interesadas. Habilitouse o correo electrónico homenaxebeiras@gmail.com para realizar consultas á comisión organizadora dos actos.

Bieito Ledo, discurso do presidente da Fundación Premios da Crítica Galicia

Reproducimos o discurso que Bieito Ledo, presidente da Fundación Premios da Crítica Galicia, pronunciou ao inicio do acto no que seu a coñecer o ditame dos Premios da Crítica Galicia 2011:

Autoridades, amigas e amigos.

En nome da Xunta Directiva quero darlle a benvida a esta 34 edición desta iniciativa que nace na sociedade civil e preautonómica con criterios de pluralidade ideolóxica, xeracional e territorial e que se ven celebrando dunha forma ininterrompida dende 1.978.

Os premios da Crítica Galicia son froito dun labor colectivo, escritores, investigadores, músicos, artistas, dinamizadores culturais…., labor recollido e potenciado polos medios de comunicación e os seus xenerosos traballadores.

Nos xurados de todos estos anos teñen participado máis de 800 persoas e temos entregado 214 premios representados nesta estatuiña que simboliza ao noso trobeiro Martín Códax deseñada por Isaac Díaz Pardo e agasallada por Cerámicas Sargadelos.

O eixo de todo este percorrido baseouse no galeguismo integrador, que nós, os da Fundación, recentemente anovada, renovada e ampliada, concibimos como “fortiter in re suaviter in modo”, man forte con luva de seda, deixando ben claro que non se debe confundir a luva coa man, man que seguiremos ofrecendo por Galicia, sempre.

Agradecementos aos nosos patrocinadores e colaboradores.

Parabéns aos premiados.

Quedan todos vostedes convidados para a 35 edición que celebraremos o ano que ven en datas aproximadas ao 17 de maio, Días das Letras Galegas.