Activismo

Inma López Silva publica na súa sección «Caleidoscopio» de La Voz de Galicia un moi fermoso artigo no que enmarca a creación dos Premios da Crítica Galicia dentro do activismo cultural dos anos setenta e oitenta, ao tempo que convida a participar o vindeiro 22 de outubro no acto no que se darán a coñecer os premios deste ano. Parabéns para Inma!

34ª Premios da Crítica Galicia: «Eis o canto eterno dunha terra»

A xunta directiva da Fundación dos Premios da Crítica Galicia aprobou as bases que rexerán a convocatoria que recoñecerá o traballo da creación cultural galega realizado o pasado ano 2010. Nesta 34ª edición os premios abranguen seis modalidades: «Creación literaria», «Investigación», «Música», «Iniciativas Culturais», «Artes Plásticas e Visuais», e «Artes Escénicas e Audiovisuais». A xunta directiva acordou por unanimidade suprimir a modalidade de «Galego Egrexio» coa intención de recuperar o espírito fundacional dos premios, alicerzados sobre o recoñecemento do labor creativo anual en cada un dos eidos da creación cultural e investigación en Galicia, así como pola existencia na actualidade doutros importantes recoñecementos, tanto institucionais como cívicos, a traxectorias a prol da cultura galega.

Outra das novidades da presente convocatoria é a creación de dúas novas modalidades a de Ártes Plásticas e Visuais» e a de «Artes Escénicas e Audiovisuais», así como a ampliación do descritor da modalidade de «Creación Literaria», onde poderán ser premiables obras de narrativa, poesía, ensaio, textos dramáticos, guións, xornalismo de opinión, incluíndo a creación literaria infantil e xuvenil, publicadas ao longo do ano 2010.

O xurado de cada unha das modalidades estará formado por sete persoas, que terán competencia exclusiva para establecer os criterios de valoración (calidade, incidencia social, oportunidade, novidade…) de cada unha das candidaturas concorrentes. Con todo, o recoñecemento da excelencia e da relevancia para a cultura galega que ofrezan as achegas a considerar, deberá ser a guía sobranceira no seu proceso de avaliación. Así mesmo, naquelas manifestacións culturais que precisen da intervención do idioma este será o galego. Todas as producións que se consideren premiables en cada unha das modalidades poderán ser presentadas polos seus autores, editores ou promotores ás secretarías dos xurados. Así mesmo, cada un dos membros dos xurados poderá presentar cantas candidaturas considere oportunas para a súa valoración polo resto dos membros.

A xunta directiva nomeou as seguintes persoas como membros dos xurados de cada unha das modalidades:

Creación Literaria: Suso de Toro (escritor, gañador da edición 2010 de Creación Literaria), Manuel Forcadela (escritor, gañador da edición 2010 de Ensaio), Isabel Soto López (crítica literaria), María Xesús Nogueira (profesora USC), Carme Pérez-Sanjulián (profesora UDC), Eulalia Agrelo Costas (investigadora do Centro Ramón Piñeiro) e María López Sández (secretaría, Fundación Premios da Crítica Galicia).

Investigación: María Xosé Agra Romero (catedrática USC), Senén Barro Amenedo (catedrático USC), Miguel Barros Puente (gañador da edición 2010 de Investigación), Domingo Docampo Amoedo (Catedrático UDV), Uxío Labarta Fernández (profesor de Investigación CSIC), Isabel Mociño González (investigadora do Centro Ramón Piñeiro) e Blanca-Ana Roig Rechou (secretaría, Fundación Premios da Crítica Galicia).

Música: Joám Trilho (Ars Gallaeciae, gañador da edición 2010), Victor Carou (director do Auditorio de Galicia), Ramón Castromil (pianista), Uxía Senlle (cantante), Xurxo Souto Eiroa (escritor), Berta Fresco (profesora de piano do Conservatorio de Vigo) e Antón Pulido (secretaría, Fundación Premios da Critica Galicia).

Iniciativas Culturais: Natalia Balseiro (enxeñeira cultural), Chelo Loureiro Vilarello (produtora), Manuel Gago (director de culturagalega.org), Manuel P. Rúa (técnico de cultura), Alfonso Blanco Torrado (crego, presidente da Asociación Cultural Xermolos), Daniel Salgado (xornalista) e Marcos Lorenzo (secretaría, Fundación Premios da Crítica Galicia).

Artes Plásticas e Visuais: Enrique Acuña (gañador da edición 2010 de Artes da Representación), Antón Castro (crítico de arte, profesor da UDV), Mercedes Rozas (crítica de arte), Manuel Vilariño (fotógrafo), Alfonso Penela (arquitecto), Jaime Asensi (ilustrador e deseñador gráfico) e Antón Sobral (secretaría, Fundación Premios da Crítica Galicia).

Artes Escénicas e Audiovisuais: Manolo González (profesor), Euloxio Ruibal (dramaturgo), Nerea de Valenzuela (crítica), Cristina Domínguez Dapena (directora teatral), Camilo Franco (crítico), Miguel Castelo (director de cine) e Comba Campoy García (secretaría, Fundación Premios da Crítica Galicia).

O ditame dos xurados desta 34ª edición dos Premios da Crítica Galicia será coñecido o 22 de outubro de 2011 no decurso dunha cea que se celebrará en Vigo, no Hotel Os Escudos, baixo o lema «Eis o canto eterno dunha terra», sintagma acuñado polo poeta Lois Pereiro, a quen rende homenaxe a sociedade galega este ano.