Este é o boceto de «Camiñante entre caracochas», a serigrafía de Antón Pulido que recibíu cada un dos asistentes á cerimonia dos Premios da Crítica Galicia 2011. Un traballo extraordinario do grande mestre de Amoeiro que foi moi gabado polos participantes. Parabéns!!!
Author Archives: Redacción
Os Premios da Crítica Galicia 2011 nos medios
Foron moi numerosas as referencias publicadas nos medios sobre a cea na que se deu a coñecer o ditame dos Premios da Crítica Galicia 2011.
- “Orgullosos de seren profetas na súa terra cos Premios da Crítica” (Atlántico diario, 24-10-2011)
- «Os novos Premios da Crítica apostan pola correción arriscada» (La Voz de Galicia, 23-10-2011)
- «Los Premios da Crítica distinguen a Ángela de la Cruz, Son de Seu y Jorge Mira» (Faro de Vigo e La Opinión da Coruña, 23-10-2011)
- «Vigo acolleu o acto de entrega dos Premios da Crítica 2011» (Atlántico diario e La Región 23-10-2011)
- «Decidida aposta pola excelencia creativa» (El Correo Gallego, 23-10-2011)
- «Romaní y De la Cruz reciben o Premio da Crítica» (El País, 23-10-2011)
- «Ana Romaní, Jorge Mira y Chévere entre los Premios de la Crítica 2011»(ABC, 23-10-2011)
- «Galeguismo integrador» (Brétemas, 23-10-2011)
- «Comentario sobre os Premios da Crítica» (Xosé Manuel Eyré, 23-10-2011)
- “Premios da Crítica Galicia (editio 34)” (Xabier Limia Gardón, 24-10-2011)
- “Uns renovados Premios da Crítica celebran a vitalidade da cultura galega” (Culturagalega.org, 24-10-2011)
Romaní, Mira, Son de Seu, Proxecto Terra, Ángela de la Cruz e Chévere, Premios da Crítica Galicia 2011
No Hotel Os Escudos de Vigo deuse a coñecer no serán do sábado 22 de outubro o ditame da trixésimo cuarta edición dos Premios da Crítica Galicia na súas modalidades de Creación Literaria, Investigación, Música, Iniciativas Culturais, Artes Plásticas e Visuais e Artes Escénicas e Audiovisuais.
Baixo o lema “Eis o canto eterno dunha terra”, recollido dun verso de Lois Pereiro, xuntáronse catrocentas persoas representativas dos diversos ámbitos da política, da sociedade e da actividade cultural do país, entre as que se atopaban Abel Caballero, alcalde de Vigo; Roberto Varela, conselleiro de Cultura e Turismo; Ramón Villares, presidente do Consello da Cultura Galega; Xosé Luís Méndez Ferrín, presidente da Real Academia Galega; Anxo Lorenzo Suárez, secretario xeral de Política Lingüística; Francisco López Rodríguez, director xeral do Libro, Arquivo e Bibliotecas; Lucía Molares, delegada da Xunta en Vigo; Xosé Manuel Figueroa, vicepresidente da Deputación de Pontevedra; Delfín Fernández, subdelegado do Goberno en Pontevedra; Pachi Vázquez, secretario xeral do PSdeG-PSOE; Carmela Silva, concelleira de Urbanismo do concello de Vigo; Santiago Domínguez Olveira, voceiro do BNG no concello de Vigo; Cesáreo Sánchez Iglesias, presidente da AELG; Luís González Tosar, presidente do PEN Club e Francisco Castro, presidente de GALIX, entre outros.
Bieito Ledo, presidente da Fundación Premios da Crítica Galicia, abríu o acto, conducido por Comba Campoy, saudando aos asistentes e lembrando que ao longo de máis de tres décadas os Premios da Crítica Galicia baseáronse no galeguismo integrador, “que nós os da Fundación recentemente anovada, renovada e ampliada concibimos como FORTITER IN RE SUABITER IN MODO, man forte con luva de seda, sen confundir a luva coa man, que seguiremos ofrecendo por Galicia, sempre”.
“Estremas” de Ana Romaní, Premio de Creación Literaria
O xurado da modalidade de Creación Literaria, formado por Suso de Toro, Manuel Forcadela, Isabel Soto López, María Xesús Nogueira, Carme Pérez-Sanjulián, Eulalia Agrelo Costas e María López Sández, que actuou como secretaría, acordou outorgar o premio a Estremas, o poemario de Ana Romaní, publicado pola editorial Galaxia. Así mesmo, fai constar unha mención como finalistas a O pintor do sombreiro de malvas de Marcos Calveiro e Periferia de Iolanda Zúñiga, ambos os dous publicados por Xerais.
“Jorge Mira” , Premio de Investigación
O xurado da modalidade de Investigación, formado por María Xosé Agra Romero, Senén Barro Amenedo Miguel Barros Puente, Domingo Docampo Amoedo, Uxío Labarta Fernández, Isabel Mociño e Blanca-Ana Roig Rechou, que actuou como secretaria, acordou outorgar por maioría a Jorge Mira por liderar un traballo titulado A importancia da similitude interlingüística e o bilingüismo equilibrado cando dúas linguas compiten, realizado cos seus colegas Luís Seoane e Juan Nieto, publicado en inglés nunha das revistas máis prestixiosas, e seleccionado polo ArXiv Physics Blog que acolle diariamente a mellor idea de entre todos os traballos publicados no Physics Arxiv un dos principais colectores de artigos científicos do mundo. Neste artigo hai un achegamento concreto ao caso galego e non se augura a desaparición da lingua seguindo os parámetros usados, aínda que si se comenta que perdería uso, de non ser suficientemente apoiada. Un traballo, dos poucos, que concilian a investigación en ciencias experimentais coas humanidades e as ciencias sociais e que tivo e está a ter unha grande recepción e impacto en Galicia e nos circuítos científicos internacionais.
Un investigador que contribue á comunicación da cultura científica con traballos como A Ciencia no punto de mira, publicado por Auga Editora, por poñer ao alcance da sociedade, cunha linguaxe sinxela, os beneficios da investigación, utilizando o galego como vehículo da universalización da ciencia.
“Son de Seu”, Premio de Música
O xurado da modalidade de Música, formado por Joám Trilho, Victor Carou, Ramón Castromil, Uxía Senlle, Xurxo Souto Eiroa, Berta Fresco e Antón Pulido, que actuou como secretario, acordou por unanimidade outorgar o premio á orquestra folk Son de Seu, como un proxecto pioneiro e singular que a partir da música tradicional e popular galega creou un novo modelo de interpretación en formato orquestral que xa se converteu nun referente inspirador noutros países europeos. Outros argumentos que fundamentan esta elección inclúen a dimensión pedagóxica do proxecto, a escola E-trad, xerme de Son de Seu. Todo isto quedou reflectido duante o ano 2010 na edición do seu magnífico disco Barlovento.
“Proxecto Terra”, Premio de Iniciativas Culturais
O xurado da modalidade de Iniciativas Culturais, formado por Natalia Balseiro, Chelo Loureiro Vilarello, Manuel Gago, Manuel P. Rúa, Alfonso Blanco Torrado, Daniel Salgado e Marcos Lorenzo, que actuou como secretario, outorgar o premio ao PROXECTO TERRA iniciativa impulsada polo Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia, apoiada pola Xunta de Galicia, polo seu labor exemplar na formación das xeracións máis novas de galegos e galegas en aspectos tan sensibles para o noso país como a cultura territorial, urbanística e arquitectónica, e polo impulso dunha reflexión crítica sobre o estado dos nosos recursos patrimoniais e paisaxísticos.
“Ángela de la Cruz”, Premio de Artes Plásticas e Visuais
O xurado da modalidade de Artes Plásticas e Visuais, formado por Enrique Acuña, Antón Castro, Mercedes Rozas, Manuel Vilariño, Alfonso Penela, Jaime Asensi e Antón Sobral, que actuou como secretario, acordou outorgar o premio a Ángela de la Cruz pola súa actitude renovadora e de risco na súa linguaxe deconstrutiva coa que rompe os límites, tal como puxo de manifesto cos seus traballos e propostas de 2010.
“Citizen” de Chévere, Premio de Artes Escénicas e Audiovisuais
O xurado da modalidade de Artes Escénicas e Audiovisuais, formado Manolo González, Euloxio Ruibal, Nerea de Valenzuela, Cristina Domínguez Dapena, Camilo Franco, Miguel Castelo e Comba Campoy García, que actuou como secretaria, outorgar o premio por maioría outorgar o premio ao espectáculo «Citizen» da compañaía de Teatro Chévere pola orixinalidade da súa linguaxe dramatúrxica e da posta en escena, xurdidas dun proceso creativo pouco convencional que emprega como materia prima a historia de Galicia das útimas décadas. O resultado é un espectáculo potente que acada unha forte conexión co público ratificada ao longo das súas numerosas representacións na recentemente desaparecida Sala Nasa. O xurado quere tamén chamar a atencíón sobre a dificutade de escoller entre obras de dúas linguaxes moi distintas como son a escénica e a audiovisual que teñen ademais mecanismos de produción, creación e distribución completamente diferentes. Esta dificultade foi aínda maior nun ano especialmente vizoso no número e calidade de producións.
A credibilidade dos Premios da Crítica
O escritor Julio Alonso publica na súa sección semanal de Atlántico diario oun moi interesante artigo, “A credibilidade dos Premios da Crítica“, no que subliña a recuperación do espírito orixinal deste certame. Os nosos parabéns ao autor.
Un ano máis de premios
Xavier Senín publica na súa sección “Devagar” de El Correo Gallego o artigo “Un ano máis de premios“, no que dende un enfoque moi orixinal lembra o inicio do Premios da Crítica Galicia e a súa continuidade. Parabéns a Xavier Senín!