Chamamento a partidos e organizacións políticas con motivo do 21-O
Dende a súa creación en 1978, os Premios da Crítica de Galicia celebramos os mellores froitos da nosa cultura, 35 anos de apoio á creación e ao coñecemento en todos os seus eidos e disciplinas. Ao longo deste fecundo período, distinguimos cos nosos galardóns a máis de duascentas persoas, colectivos, iniciativas e institucións da máis variada condición e sensibilidade. O respecto pola diversidade e o fomento da convivencia no marco dun galeguismo integrador foi o distintivo inequívoco da nosa entidade e o principio irrenunciable que orienta tamén hoxe o noso quefacer.
Ese talante integrador, longamente contrastado, e a traxectoria ininterrompida da nosa actividade crítica permítennos facer agora algunha modesta consideración sobre o presente e o futuro da cultura en Galicia, máis aínda cando sabemos que vivimos un momento decisivo tanto para as iniciativas culturais públicas como para as industrias culturais privadas, sometidas á severidade das políticas de consolidación fiscal e ás incertezas do tránsito cara á creación e distribución dixitais.
Entendemos que a cultura é un elemento substancial na cohesión social dos pobos, ademais do principal soporte da súa identidade e dun alicerce da liberdade individual e colectiva, en tanto que amplía as destrezas expresivas da cidadanía. Mais a estes valores intanxibles cómpre engadir un terceiro: a cultura e a creatividade son activos produtivos, fontes incuestionables de progreso material, na medida en que achegan beneficios en termos de emprego (17.000 postos de traballo directos e indirectos en Galicia) e de actividade económica (2% do PIB galego). Ese importante impacto económico do sector da cultura non se limita á súa propia industria, senón que afecta a outros sectores económicos como o turismo, a hostalaría, os produtos alimentarios, o téxtil ou o deseño industrial. A creatividade engade valor ao conxunto da produción galega, contribuíndo a singularizar os nosos bens e servizos coa “marca Galicia”, achegándolle así visibilidade e prestixio, do que se derivan vantaxes competitivas.
A relevancia do papel da industria cultural nunha sociedade avanzada é unha evidencia que compartiron as diversas xeracións galeguistas. Posición da que deixaron testemuño Isaac Díaz Pardo, Xaime Isla Couto e Avelino Pousa Antelo, tres emprendedores galeguistas que souberon acrisolar economía e cultura ao servizo do proxecto de modernización do país. Como tamén o fixo Valentín Paz Andrade, o empresario, xornalista e poeta que homenaxeamos o Día das Letras Galegas de 2012. Catro visionarios que contribuíron ao proxecto de construír Galicia, tarefa á que todos nos debemos adscribir.
Hoxe en Galicia, polo efecto das políticas de reformas e austeridade, tanto as iniciativas culturais públicas (museos, centros de arte, bibliotecas e programas locais de creación e difusión cultural) como as diversas industrias culturais privadas, sexan da edición, do audiovisual, da música, das artes escénicas ou de novos medios, padecen unha situación crítica, que sabemos de auténtica emerxencia, que, de non se lle poñer remedio, acabará destruíndo boa parte do noso tecido cultural, un tapiz que á vista do esforzo realizado nestes 35 anos non foi doado de tecer. De se consumar esta regresión sabemos que non só continuaremos asistindo á perda de moitos postos de traballo e peche de numerosas empresas culturais, senón ademais a graves repercusións en cadea noutros sectores de actividade e a un auténtico desmantelamento da nosa identidade. A crise do sector da cultura pode levar á dramática devaluación material e espiritual de Galicia.
Dende a Fundación Premios da Crítica Galicia somos conscientes da fondura da crise económica que nos afoga, e non discutimos que a súa saída deba pasar polo esforzo e a contribución corresponsable de todos. Porén, estamos seguros de que os sacrificios que na nosa sociedade se lles está a pedir á cultura e ás súas empresas, como amosa a brutal subida do IVE cultural deica o 21%, non son nin equitativos nin razoables.
Lamentamos que nalgunhas instancias da vida económica e política aínda subsista a miope consideración da cultura como un mero ornamento en lugar dun activo estratéxico xerador de valor e de futuro no desenvolvemento do país. Os agresivos recortes nos orzamentos de cultura en Galicia dos diversos poderes públicos (Xunta de Galicia e administracións locais) son sintomáticos dese nocivo estado de opinión. Tampouco podemos agochar a nosa preocupación pola redución drástica dos orzamentos da obra social e cultural do que foron as caixas de aforros galegas, así como pola alarma que nos provoca a posibilidade da súa desaparición.
A cultura en Galicia, tanto as iniciativas dos poderes públicos como as industrias culturais privadas, precisan dun novo modelo de financiamento sostible e de funcionamento profesional e autónomo, independente das mudanzas políticas. Nesa liña, cremos imprescindible a aprobación dunha Lei de mecenado e patrocinio de Galicia, así como a elaboración dun Plan estratéxico para a Cultura Galega (2013-2023) elaborado coa participación dos creadores e empresas de cada un dos sectores culturais. Porque, repetimos, o que está en xogo no estado da cultura é quen somos, e en consecuencia a nosa liberdade, dignidade e futuro colectivo.
Galicia, 28 de setembro de 2012
2 Trackbacks
[…] Galicia fai un chamado aos partidos e organizacións políticas con motivo do 21-O. O texto «Cultura, dignidade e futuro» reclama o relevo que se merecen e precisan as iniciativas culturais públicas e as industrias […]
[…] «Cultura, dignidade e futuro» é o título do chamamento que dende a Fundación Premios da Critica Galicia facemos aos partidos e organizacións políticas con motivo do 21-O. Un texto que reclama a atención que merecen as iniciativas culturais públicas e as industrias culturais privadas en Galicia, reclamando para elas un plan estratéxico, un modelo de financiamento sostible e un funcionamento profesional e autónomo, independente das mudanzas políticas. Agradécese a difusión. […]