Novas

Convocada a XLVIIIª edición dos Premios da Crítica de Galicia 2025

A Asociación Premios da Crítica de Galicia acordou aprobar as bases pola que se rexerá a XLVIIIª edición dos Premios da Crítica de Galicia 2025, que se ditaminarán en Vigo o sábado 18 de outubro de 2025, ademais de nomear as secretarías de cada unha das modalidades.

Outorgados dende 1978 de forma ininterrumpida, os Premios da Crítica Galicia veñen recoñecendo cada ano a excelencia e a relevancia dos labores individuais e colectivos máis destacados nos diversos ámbitos da creación cultural e da investigación en Galicia.

Xerados dende a iniciativa da sociedade civil, anticipándose ao inicio da Autonomía, os Premios da Crítica Galicia –unha plataforma plural, independente e interxeracional– asumen como o seu obxectivo sobranceiro o de tomar o pulso do latexo da nosa creación cultural. Un traballo en man común e en clave de país cuxa continuidade contribúe a acrisolar a tradición galega.

Nesta XLVIIIª edición abriguen dez modalidades: Creación Literaria, Investigación en Ciencias e Tecnoloxía, Investigación en Ciencias Sociais e Humanidades, Música, Iniciativas Culturais e Científicas, Artes Plásticas, Artes Escénicas, Cine e Artes Audiovisuais, Cultura Dixital e Cultura Gastronómica.

Por último, coa intención de acoller a diversidade da nosa creación cultural, como establece a base sétima, «Todas as producións que se consideren premiables en cada unha das dez modalidades poderán ser presentadas polas súas autoras e autores, editoras, produtoras ou promotoras ás secretarías dos xurados antes do 5 de setembro de 2025».

Esta presentación de candidaturas polos súas autoras e autores, editoras, produtoras ou promotoras realizarase, antes do 5 de setembro de 2025, dirixindo un correo electrónico a: premiosdacriticagalicia@gmail.com

Descarga as bases 2025 en formato word.

Descarga as bases 2025 en formato pdf.