Novas

Laudatio e soneto para Antón Pulido por Modesto Hermida

Excelentísimas e iIustrísimas autoridades, amigas e amigos, miñas donas, meus señores: A Asociación dos Premios da Crítica- Galicia acordou, moi acertadamente, homenaxear ó compañeiro Antón Pulido, socio e directivo unha manchea de anos, no marco deste acto e festa do ano 2024  onde se fallaron e entregaron os premios correspondentes ás diversas obras e iniciativas do ano 2023. E tomamos esta decisión porque, aínda que semelle mentira mirándolle para a cara e para a axilidade dese seu volumen corporal tan farturento, o Toñito de Bóveda, como lle chamaba o señor de Trasalba cando o Toñito xa despuntaba con case todas as virtudes que lle foron medrando… medrando, xa leva oitenta anos de vida, oitenta outonos fartos e dourados, de novo palabras de Don Ramón, unha vida que non demorou en ser vida de compromiso, de talento artístico, de sabiduría plural ó servizo da sociedade, ó servizo, de maneira moi especial, dos amigos e das amigas, que é característica que leva a gala e que non hai posibilidade, en xustiza, de lle podermos negar, porque cando Pulido chegou ás súas primeiras primaveras, case dende os primeiros biberóns, encolgou no seu haber toda a xenerosidade e a vitalidade  que xorden naturais na estación das flores e dos rechouchios dos paxaros.

Pois ben, para esta ocasión, os compañeiros e compañeiras da nosa Asociación encomendáronme, en nome de todas e de todos, que tracexase unha presiña de palabras a modo de laudatio ou, en palabras menos arcaicas e xa máis nosas, de gavanza. Claro que para emitir discurso mínimamente exhaustivo sobre o home que agora nos ocupa ben compriría un congreso dunha semaniña, cando menos, e o tempo que se permite usar nesta ocasión, concesión ben racional, por certo, cando xa levamos disfrutado dunha farturenta diversidade de verbas, non poderá ser superior a uns escasos dez minutos.

De tal maneira, por aforrar, teremos que prescindir de amplas referencias familiares, limitándonos á mención da súa compañeira de vida, sempre valioso esteo, e dese trio de descendencia, fillas e fillo, que sufriron, coma o seu proxenitor, a infección do talento artístico, chámese música ese talento, chámese plástica ou chámese delicada restauración.

Dende estas primeiras consideracións ben poderiamos presentar a Antón Pulido como un eterno mozo, sensato e grande: grande de corpo, grande de intelixencia, grande de sensibilidade –especialmente sensibilidade estética–, grande en xenerosidade ó servizo da amizade, ese concepto idolatrado por Pulido porque, para el, por un amigo ou amiga paga a pena meterse en case calquera cerello.

E xa temos que acudir á ricaz personalidade do homenaxreado, unha personalidade que se vai conformando nun moi especial proceso de circunstancias existenciais, nas que nos demoraremos cun somero repaso polas máis significativas: De ben rapaciño, despois de emborranchar papeis con pretensións estéticas na escola de seu pai, actividade á que o animaba moito aquel seu Mestre e proxenitor, entrou no Seminario Diocesano de Ourense no obxectivo de cumplir cun desexo familiar, que era converterse en cura de almas, é decir, sacerdote. Malia que as aspiracións do noso amigo cada vez coincidían menos cos desexos familiares, no Seminario, onde fixo amigos, algún tan intimo e significativo como Bieito Ledo, Antón Pulido aprendeu e desempeñou a función de líder, aprendeu a xogar cun considerable nivel ó xadrez, alcanzou unha moi significativa formación musical, iniciu a súa intensa afección pola lectura poética, afección que se fixo irrenunciable, con poetas de preferencia como, entre otros e moi diversos, Valente, Vallejo, Gamoneda, Fonte, Arcadio…, e, ademáis de recibir unha profunda formación en linguas clásicas (grego e latín), que tantos recursos lle habían de propiciar andando o tempo, non deixaba de pintar, de debuxar, de aprender o manexo do oleo, de se formar autodidácticamente nos recursos e modalidades das artes plásticas. Pero o Seminario, moi a pique de se converter en misacantano, xa non estaba nos seus proxectos de vida.

Xa fóra do Seminario, ó tempo que exercía a docencia particular, sobre todo como bo coñecedor das linguas clásicas, diplomouse en pouco tempo na carreira de Maxisterio e para exercelo como Mestre Nacional aló se foi ó encontró das abas  de Pena Trevinca, en Casaio, onde se entregou con intensidade a pintar paisaxes e paisanaxes, a xeito expresionista, e a calidade plástica, así como a mostración dunha realidade socioespacial dun tempo e dunha certa disfunción económica, xa eran marcas indiscutibles na súa obra; nesta época, anos 1971 e 1972, da man de Ferro Couselo e Otero Pedraio, chegan as dúas primeiras exposición  no Museo Arqueolóxico de Ourense e se Ferro Couselo non aforra gavanzas, Otero Pedraio, ese armacén de sabeduría, manifestaba  que Antón Pulido, entre os artistiñas mozos ourensáns, era unha das máis firmes promesas con seguridade de futuro (Pulido pinta con aire sorprendido de xuventude, coma o orballo, coma o sol nas pedras orceladas).

A función pública docente dá con Antón Pulido en Barcelona, onde se enfronta á responsabilidade de dirixir un grupo escolar, e aproveita a súa nova residencia para se matricular na Facultade de Bellas Artes San Jordi, onde se licenciou con especialidade en pintura e gravado. Velaí xa un artista maduro e autodidacta que alcanza unha espléndida sabiduría teórica, acadénica, que lle propiciará novas e moi ousadas singraduras.

E chega o retorno a Galicia, a Vigo, onde logo oposita con éxito a unha praza de profesor de debuxo de ensino medio, ademáis de crear unha academia de pintura pola que pasou ben moito alumnado de todas as idades. Na chegada a Galicia xa conta coa ventaxa de se reencontrar co seu intimo Bieito Ledo para se encerellar con el e con otras xentes en canto asunto cultural teña que ver co País, a patria reencontrada, coa cultura e cos proxectos de noso. Nos últimos anos oitenta do pasado século comprométese coa Dirección Xeral de Cultura, cargo para o que o coopta Victor Vázque Portomeñe, e no ano 1993 foi nomeado como primeiro Director do Centro Galego de Arte Comtemporánea.

Como profesor, particular profesor ou director da academia de pintura e debuxo, Mestre Nacional, esteo e formador de rapaces e adolescentes, profesor de debuxo de Bacharelato e C.O.U., sempre alcanzou o éxito como formador-informador ademáis de contar sempre coa afectividade e simpatía do seu diverso alumnado.

Como xestor público tense enfrontado con éxito a responsabilidades non moi doadas que, contando con equipos ben escollidos, se teñen resolto con eficacia e con efectividade, é decir, as cousas fóronse sucedendo con oportunas solucións e resolucións sen queimar naves  nin adornarse con supérfluos ouropeis. De tal maneira, se foi sensato e eficaz Director de grupo escolar;  como Director Xeral de Cultura, na Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, comunicou moi positivamente con todas as instancias e iniciativas ocupadas en crear e desenvolver ámbitos diversos a prol da cultura universal e moi especialmente na dinamización daqueles aspectos e proxectos que nos son propios por lingua, tradición, idiosincrasia ou territorio;  como Director do Centro Galego de Arte Contemporánea, abriu unha cachoeira de eficacia e éxitos varios, tanto no relativo ás artes plásticas coma ás artes musicais, así, entre otras moitas excelencias, lévase a cabo a exposición de Alvaro Siza e a antolóxica de Laxeiro e crea o Departamento de Música Contemporánea

Pero Antón Pulido antes ca nada é artista plástico, prolífico e excelente artista. O seu campo de actuación irresistible e a pintura nas súas mil modalidades; despois das primeiras exposicións en Ourense  virían ben moitas outras e ben exitosas: varias en Cataluña, varias en Vigo (Concello e salas de Exposicións prestixiosas), Estación Marítima de A Coruña, varias en Santiago de Compostela, varias en Madrid (Casa de Galicia e salas de prestixio) e varias no Museo de Pontevedra. Nos anos 2008 e 2009 internacionalizouse en ámbitos de  prestixio para as artes plásticas, con exposición en Beijing, Shangai, Seul, Korea e, no ano 2011, na embaixada de Exipto en Roma.  E como tempo aínda dedicado ás artes, entre otras actividades, podemos mencionar a dirección e deseño da colección Artistas Galegos para a Editorial Nova Galicia, 30 tomos que recollen pintores, escultores e arquitectos, que significan un repaso histórico á xenialidade do país.

E por mostrarmos algún signos da xenerosida do noso artista, faremos mención das múltiples portadas de libros e deseño de colección onde ten posto a súa impronta, igual de abondosa e diversa é a súa presencia en revistas e en carteis para iniciativas socioculturais e sociodeportivas, e todo este labor do pintor e deseñador Antón Pulido sen que medie beneficio económico de ningún tipo. A maior abundamento, vexamos como se compromete a colaborar en moitas das ben importantes iniciativas e organizacións que funcionan no noso País: Fundación Premios da Crítica-Galicia, agora reconvertida en Asociación, Insua dos poetas na Esgueva (O Carballiño), Instituto de Estudos Carballiñeses onde se conta coa revista Agora do Orcellón, Patrón da Fundación Laxeiro e da Fundación Otero Pedraio, é Vigués Distinguido por decisión do Concello no ano 2006.

Por estas e por otras moitas razóns, a Asociación dos Premios da Crítica acordou unanimemente ofrecerlle unha moi merecida homenaxe aproveitando a ocasión de que lle chegaron os seus primeiros oitenta anos, que para Pulido non son tantos, senón vexamos que ben se remexe e canta intensa actividade desenvolve. E non pensen vostedes que temos sido moi orixinais as xentes desta nosa Asociación, pois para confirmalo podemos repasar algunas das importantes distincións coas que se nos teñen adiantado: Vigués distinguido, 2006; Galego do Mes, premio de El Correo Gallego, febreiro 2007; Fillo Predilecto de Amoeiro, 2008;  Premio da Crítica Galicia, 2014; Premio Trasalba, 2015; Premio da Cultura Galega

Nesta altura ben se poderían traer a capítulo fragmentos de sabios comentarios  sobre o artista e a súa obra, pero, como xa teño indicado, o tempo, pese a non existir, como deixou dito o meu admirado Agustín García Calvo, resulta ser un mandón tirano ó que ás veces cómpre darlle tino. Para ir acabando tan so vou acudir a algo que escribiu Modesto Hermida no artigo “De ritmos e de colores”, no libro de plural autoría Cántiga de fonte limpa que se publicou co gallo daquel premio Trasalba: “Antón Pulido sempre anda afouto para axudar, para animar, para favorecer ós  amigos/as con xenerosidade ilimitada. Sempre está disposto a exaltar as virtudes de a quen ten aprecio, sen calcular as posiblemente fastidiosas implicacións persoais. Eu amigas e amigos, miñas donas, meus señores, ilmas e Exmas autoridades, asegurolles que neste caso estou moi de acordó con Modesto Hermida. (Teño dito).

PARA O PINTOR QUE GUSTA DE ENREDAR COA LUZ

Neste xardín te deixarei coa flor no peito

Nunha presa de palabras retratado

Pois, se de ardentes coloridos es amado,

Cálidas son as colores do teu xeito.

E aquí te deixo, irmán, entre lúas ubicado

Das que arrandean coma estrellas no teu leito,

Pois que en creativa materia foches feito

Para nos donares un espazo encantado.

Nunca a noite para ti foi noite cega

Porque na noite puxeches lumieiras

De xeito que a túa luz atodos chega.

Mirando á Martiñá, viches maneiras

De inventares para nós a luz que chega,

Por San Xoan, nas douradas centeeiras.

                                             Modesto Hermida, 7 de outubro de 2024