Novas

Ditame dos Premios da Crítica de Galicia 2024

O sábado 19 de outubro ás 12:00 horas no decurso dun acto na sede de Afundación de Vigodeuse a coñecer o ditame da XLVIIª edición dos Premios da Crítica de Galicia nas súas modalidades de Creación Literaria, Investigación en Ciencias e Tecnoloxía, Investigación en Ciencias Sociais e Humanidades, Música, Iniciativas Culturais e Científicas, Artes Plásticas, Artes Escénicas, Cine e Artes Audiovisuais, Cultura Gastronómica e Cultura Dixital.

Dende comezos do mes de outubro, as 70 persoas compoñentes dos dez xurados, que se unen ás mil cincocentas participantes ao longo de toda a súa historia de máis e catro décadas, traballaron e ditaminaron de forma virtual sobre as propostas presentadas libremente por editoras, produtoras e outras entidades culturais.

Baixo o lema «Galiza, a voz que nos designa» de Luisa Villalta, xuntáronse trescentas cincuenta persoas representativas dos diversos ámbitos da política, da sociedade e da actividade cultural do país, entre as que se atopaban Abel Caballero, alcalde Vigo; Rosario Álvarez, presidenta do Consello da Cultura Galega, José López Campos, conselleiro de Cultura; Anxo Lorenzo, secretario xeral de Cultura; Luisa Sánchez, vicepresidenta da Deputación de Pontevedra; Carmela Silva, tenente de alcaldía do concello de Vigo, Xesús Alonso Montero, en representación da Real Academia Galega, ademais de diversas deputadas do Parlamento Galego e representacións do asociacionismo cultural e profesional.

Conducido pola actriz Mariana Fernández Carballal, no transcurso do acto o pintor Antón Pulido foi homenaxeado no seu 80 aniversario, sendo o escritor Modesto Hermida García quen realizou a súa gabanza e percorrido biográfico.

Sonora de Chus Pato, Premio de Creación Literaria 2024

O xurado da XLVIIª edición dos Premios da Crítica de Galicia da modalidade de Creación Literaria, formado por  Berta Dávila, escritora, gañadora de 2023; Iago Fernández, profesor e crítico; Sira González Rodríguez, bibliotecaria; Carlos Negro Romero, escritor e crítico; Armando Requeixo Cuba, profesor e crítico; Marga Romero Lorenzo, escritora e crítica e Eulalia Agrelo, profesora de Didácticas especiais da UVigo, secretaría, en representación dos Premios da Crítica de Galicia acordou entre as propostas presentadas declarar finalistas: Sonora (Xerais) de Chus Pato; Coa man esquerda (Xerais) de Xabier Quiroga; A parte fácil (Xerais) de Ismael Ramos e Enxertos (Apiario) de Dores Tembrás.

Tras as derradeiras deliberacións, acordou outorgar por unanimidade o premio a Sonora de Chus Pato.

Na súa xustificación, o xurado salientou que Sonora é poesía expandida, mutante, emotiva e intelectual a un tempo, radical nas formas, profundamente suxestiva no contido, coherente cunha traxectoria en que a autora acompaña o devir da poesía galega até o século XXI, dende a intertextualidade e o hibridismo xenérico. Sonora.

“BMPR2 como novo xene de predisposición á polipose colorrectal hereditaria” premio de Investigación en Ciencias e Tecnoloxía 2024

O xurado da XLVIIª edición dos Premios da Crítica de Galicia da modalidade de Investigación en Ciencia e Tecnoloxía, formado por  Alicia Estévez Toranzo, catedrática de Microbioloxía da USC; Aurora Grandal d’Anglade, profesora de Paleontoloxía da UDC; Fernando Obelleiro Basteiro, catedrático de Teoría do Sinal da UVigo; Elena López Lago, catedrática de Óptica da USC; María Isabel Medina Méndez, profesora de investigación do CSIC do Instituto de Investigacións Mariñas de Vigo; Isabel Pastoriza Santos, catedrática de Química-Física da UVigo e Jorge Mira Pérez, catedrático de Electromagnetismo da USC, secretaría, en representación dos Premios da Crítica de Galicia acordou entre as propostas presentadas declarar finalistas:

Evolución somática das leucemias mariñas transmisibles no berberecho común, publicado na revista Nature Cancer,

https://doi.org/10.1038/S43018-023-00641-9

obra dun equipo de 45 investigadoras e investigadores vinculados, entre outros, a diferentes centros das universidades de Santiago e Vigo, dos institutos de investigación sanitaria de Santiago e Vigo e do centro de investigacións mariñas da Xunta de Galicia; liderado por Adrián Báez Ortega e José Manel Castro Tubío.

BMPR2 como novo xene de predisposición á polipose colorrectal hereditaria, publicado na revista Gastroenterology,

https://doi.org/10.1053/j.gastro.2023.03.006

obra dun equipo de 16 investigadoras e investigadores vinculados, entre outros, ao Instituto de Investigación Sanitaria de Santiago, Universidade de Santiago, Fundación Pública Galega de Medicina Xenómica, Complexo Hospitalario Universitario de Ourense e Hospital Lucus Augusti de Lugo; liderado por Sergi Castellví Bel e Clara Ruíz Ponte.

MyBrain-seq: unha canle para a análise de datos de secuenciación de microARN en transtornos neuropsiquiátricos, publicado na revista Biomedicines,

https://doi.org/10.3390/biomedicines11041230

obra de Daniel Pérez Rodríguez, Roberto Carlos Agís Balboa e Hugo López Fernández, dos institutos de investigación sanitaria de Santiago e Vigo, hospitais Clínico Universitario de Santiago e Álvaro Cunqueiro de Vigo e Universidade de Vigo.

O xurado congratúlase pola creación desta nova categoría de premios, amosando a sensibilidade da Asociación Premios da Crítica de Galicia pola visibilización dun sistema científico-tecnolóxico galego que xera anualmente da orde de 10 000 obras, alén doutros fitos.

Tras as derradeiras deliberacións, acordou outorgar por maioría e tras un arduo debate, dado o altísimo nivel das candidaturas, o premio a BMPR2 como novo xene de predisposición á polipose colorrectal hereditaria, obra de Laia Bonjoch, Ceres Fernández Rozadilla, Miriam Álvarez Barona, Anael López Novo, Cristina Herrera Pariente, Jorge Amigo, Luis Bujanda, David Remedios, Andrés Dacal, Joaquín Cubiella, Francesc Balaguer, Fernando Fernández Bañares, Ángel Carracedo, Rodrigo Jover, Sergi Castellvi Bel e Clara Ruiz Ponte. En nome do equipo recolleu o premio Clara Ruiz Ponte.

 

O xurado salientou deste traballo o descubrimento dun novo biomarcador que pode axudar a predicir o risco dun cancro hereditario de alta prevalencia en Galicia, aunando o esforzo de investigadores e investigadoras de distintos centros da nosa comunidade autónoma.

“Nomes e voces”  premio de Investigación en Ciencias Sociais e Humanidades 2024

O xurado da XLVIIª edición dos Premios da Crítica de Galicia da modalidade de Investigación en Ciencias Sociais e Humanidades, formado por Miguel Anxo Bastos Boubeta, profesor de Ciencias Políticas da USC; Carlos Callón, profesor e escritor, gañador de 2023; Ofelia Rey Castelao, catedrática de Historia Moderna da USC; Coral del Río Otero, catedrática de Economía Aplicada da UVigo; Jesús Salgado Velo, catedrático de Psicoloxía do Traballo e Recursos Humanos da USC; María Dolores Sánchez Palomino, membro da RAG, catedrática de Filoloxía da UDC e Inma Valeije Álvarez, profesora de Dereito Penal da USC, secretaría, en representación dos Premios da Crítica de Galicia acordou entre as propostas presentadas declarar finalistas: Ese vento que vai sobor da terra. A vida desmedida de BasilioÁlvarez de Miguel Cabo Villaverde (Deputación de Ourense); Mulleres medievais: textos e imaxes na lírica galego-portuguesa de Esther Corral Díaz/ Yara Frateschi Vieira (coords.) (Edicións USC); Proxecto Nomes e Voces, do Grupo de Investigación Histagra (USC),coordinado polo catedrático da USC Lourenzo Fernández Prieto.

Tras as derradeiras deliberacións, acordou outorgar por unanimidade  o premio a Proxecto Nomes e Voces, recollendo o premio en nome do grupo Histagra Antonio Míguez Macho.

O xurado salientou que se trata dun estudo da represión en Galicia da guerra civil e o franquismo que recompila unha copiosa información e ofrece abundantes datos relativos as vítimas. Un proxecto de longa traxectoria que conta coa participación das tres universidades públicas galegas, así como de numerosos colectivos e persoas a nivel particular. O xurado valora o seu carácter interdisciplinar cunha vertente de investigación, divulgación e transferencia á sociedade que ten un acceso libre e gratuíto á obra.

“Programa Efervesciencia” de Manuel Vicente, premio de Iniciativas Culturais e Científicas 2024

O xurado da XLVIIª edición dos Premios da Crítica de Galicia da modalidade de Iniciativas Culturais e Científicas, formado por  Ana Luísa Bouzas Santiago, vicepresidenta da Fundación Luzes;  Lourenzo Fernández Prieto, catedrático de Historia da USC, membro da RAG;  Carlos Lorenzo Pérez, xestor cultural, presidente da AGPXC; Tamara Novoa, xornalista d’ A movida; Susana Rois, xornalista de Nós diario; Óscar Sánchez, representante da Agrupación Astronómica Coruñesa Ío, gañadora de 2023 e  Míriam Ferradáns, secretaria, en representación dos Premios da Crítica de Galicia acordou entre as propostas presentadas declarar finalistas: Amparo Alonso Betanzos, Asociación Cultural Alexandre Bóveda e o seu proxecto «A Coruña literaria» e programa Efervesciencia de Manuel Vicente.

Tras as derradeiras deliberacións, acordou outorgar por maioría o premio a Programa Efervesciencia de Manuel Vicente

O xurado salientou a importancia do programa e do seu impulsor e director Manuel Vicente, na divulgación de ciencia en galego e con perspectiva galega como espazo necesario que resiste desde 2006. Alén diso, quérese salientar o labor de arquivo que implica a día de hoxe, un valioso tesouro onde acudir para unha reflexión esencial arredor da capacidade da ciencia para formar públicos e para construír unha sociedade máis inclusiva. O xurado desexa facer constar que este é o tipo de programas que debera promover e emitir a Corporación de Radio Televisión de Galicia, no canto de afondar neste proceso desgaleguizador e privatizador que levou as traballadoras e traballadores dos medios públicos galegos a unha folga indefinida.

“Orquestra Vigo 430”, premio de Música 2024

O xurado da XLVIIª edición dos Premios da Crítica de Galicia da modalidade de Música, formado por  Juan Durán Alonso, compositor, membro da RAGBA; Xoán Manuel Estévez Freixeiro, crítico musical, membro da Asociación Cultural Pertenza; Andrea González Pérez, pianista, catedrática de produción e xestión no CSM de Vigo ; Lois Pérez Díaz, escritor e músico; Tanxugueiras, cantoras, gañadoras de 2023; Noel Turbulencias, director de «Turbulencias» de CUAC FM e Alejo Amoedo Portela, pianista, membro do CCG e da RAGBA, secretaría, en representación dos Premios da Crítica de Galicia acordou entre as propostas presentadas declarar finalistas: Ernie Records, Fillas de Casandra, Grande Amore e Orquestra Vigo 430.

Tras as derradeiras deliberacións, acordou outorgar por maioría o premio a  Orquestra Vigo 430, recollendo o premio Javier Escobar e María Alonso.

O xurado salientou a consolidada traxectoria de preto de 20 anos de actividade musical en toda Galicia, a través dunha programación estable contribuíndo á proxección de centos de músicos galegos, creando unha canteira única en Galicia, así como visibilizando a estrea de novas obras de compositores galegos, como na tempada 2023-2024. Asemade, esta orquestra fomenta a paridade na súa actividade, facendo ademais un labor pedagóxico na formación de públicos.

”Almudena Fernández Fariña”, premio de Artes Plásticas 2024

O xurado da XLVIIª edición dos Premios da Crítica de Galicia da modalidade de Artes Plásticas, formado por  Nuria Blanco, galerista; Xosé Manuel Buxán Bran, artista, decano da Facultade de BB.AA. da UVigo; Kiko Da Silva, ilustrador e editor; Alba Díaz Fernández, profesora e fotógrafa; Miguel Fernández Cid, director do MARCO, membro da RAGBA; Teresa Táboas, arquitecta, gañadora de 2023 e Ramón Rozas, crítico do Diario de Pontevedra, secretaría, en representación dos Premios da Crítica de Galicia acordou entre as propostas presentadas declarar finalistas: Almudena Fernández, Bea Lema e Menchu Lamas.

Tras as derradeiras deliberacións, acordou outorgar por unanimidade o premio a Almudena Fernández Fariña.

O xurado salientou o seu proxecto expositivo no CGAC de Compostela como unha mostra significativa na súa traxectoria, máis alá do puramente plástico, propoñendo un ámbito de reflexión a través da pintura. Tamén a contextualización da súa obra entre dúas arquitecturas en diálogo permanente como o edificio do CGAC e San Domingos de Bonaval

“Tanxarina”, premio de Artes Escénicas 2024

O xurado da XLVIIª edición dos Premios da Crítica de Galicia da modalidade de Artes Escénicas, formado por  Paula Carballeira Cabana, directora, premio nacional de literatura dramática; Pablo Carrera Simón, fundador da Asociación Galega de Comedia dell’Arte; Noelia Castro, actriz e deseñadora gráfica, vicepresidenta de Escena Galega; Cristina Domínguez Dapena, ex directora do CDG, coordinadora da Sección de Artes Escénicas do CCG; Raquel Hernández Sánchez, directora de Teatro Ensalle, gañadora de 2023; Kirenia Martínez Acosta, coreógrafa, bailarina, produtora e Roberto Pascual Rodríguez, profesor da ESAD de Vigo, secretaría, en representación dos Premios da Crítica de Galicia acordou entre as propostas presentadas declarar finalistas: Diego Anido, Esther Carrodeguas eTanxarina.

Tras as derradeiras deliberacións, acordou outorgar por  unanimidade o premio a Tanxarina.

O xurado salientou que esta paradigmática compañía de títeres galega celebrou con vigor, o pasado 2023, o seu 40 aniversario cunha cualitativa presenza no territorio, manifestada nas súas iniciativas de difusión e promoción de encontros, festivais e exposicións ao carón dunha relevante proxección internacional, cun forte compromiso coa investigación do teatro de títeres, obxectos e formas animadas así como unha xenerosa mirada e acompañamento interxeracional.

“Jaione Camborda”, premio de Cine e Artes Audiovisuais 2024

O xurado da XLVIIª edición dos Premios da Crítica de Galicia da modalidade de Cine e Artes Audiovisuais, formado por  Pepe Coira Nieto, guionista e gañador de 2023; Fon Cortizo, presidente de CREA e director; Ana Domínguez, codirectora do festival S8; Jaime Pena, programador da Filmoteca de Galicia; Cris Iglesias, actriz; Laura Seoane, xornalista e produtora cultural e Paula Cabaleiro, xestora cultural, secretaría, en representación dos Premios da Crítica de Galicia acordou entre as propostas presentadas declarar finalistas: Jaione Camborda, directora e guionista d’ O Corno; Play-Doc, Festival Internacional de Cine de Tui e María Vázquez, actriz, protagonista de Matria.

Tras as derradeiras deliberacións, acordou outorgar por maioría o premio a Jaione Camborda, recollendo o premio María Yáñez, responsable de comunicación d’ O Corno.

O xurado salientou o recoñecemento histórico acadado no festival internacional de Donostia por esta directora e polo filme O Corno, sendo a confirmación da mirada única, da sensibilidade feminista e da pegada artística dunha cineasta cun profundo compromiso co cinema autoral, físico e poético. O Corno marca un novo fito para o cinema galego, acompañado dunha acollida en salas pouco frecuente en filmes que desafían os estándares do cinema comercial. Destacamos a Jaione Camborda como unha das nosas grandes produtoras, directoras e guionistas do noso país.

“Feira do queixo de Friol e pan de Ousá”, premio de Cultura Gastronómica 2024

O xurado da XLVIIª edición dos Premios da Crítica de Galicia da modalidade de Cultura Gastronómica, formado por  Juan Casares Gándara, ex-director de EVEGA e do Consello da D.O. Ribeiro; Eva Fachado Rubio, directora do CIFP Vilamarín; Sandra Faginas, crítica gastronómica de La Voz de Galicia; Diana Fernández Gómez, profesora, autora do blog Bolboretas no bandullo; Rogelio Rial Romarís, cociñeiro de Casa Barqueiro de Negreira, gañador de 2023; Paula Roca Saavedra, nutricionista do Sergas e Afonso Vázquez Monxardín, catedrático, secretaría, en representación dos Premios da Crítica de Galicia acordou entre as propostas presentadas declarar finalistas: Deleite, Feira do Queixo de Friol e do Pan de Ousá e Pulpeiras de Carballiño.

Tras as derradeiras deliberacións, acordou outorgar por maioría  o premio a Feira do queixo de Friol e pan de Ousá, recollendo o premio Enrique Barreiro Sánchez concelleiro de Friol.

O xurado salientou que nesta feira proporcionase protagonismo ao medio  rural. Esta actividade constitúe o Exo fundamental  de moitas das familias da contorna, que mestura tradición e modernidade; Poñemos así mesmo de manifesto desta festa a posta en valor da elaboración artesanal tanto do queixo como do pan, alimentos indispensabeis na nosa tradición gastronómica. Así como que con 30 anos de experiencia intenta homenaxear e preservar a tradición do queixo e do pan, non so pola práctica da elaboración senón por crear unha rede de consumo próximo.

“Café Derby 21”, premio de Cultura Dixital 2024

O xurado da XLVIIª edición dos Premios da Crítica de Galicia da modalidade de Cultura Dixital, formado por  Manuel Gago Mariño, profesor da USC, director de culturagalega.org;  Marcus Fernández, webmaster de Código Cero, divulgador; Silvia López Gómez, profesora da USC, investigadora en videoxogos; Sara Seco Rial, creadora de contido dixital; Andrea Villa Feijoo, xornalista, traballadora cultural e codirectora de Carballo Interplay; María Yáñez Anllo, profesional da comunicación dixital e audiovisual e Cláudia Morán Mato, xornalista, secretaría, en representación dos Premios da Crítica de Galicia acordou entre as propostas presentadas declarar finalistas: Cafe Derby 21 podcast, Real Club Celta de Vigo SAD e Museo do videoxogo.

Tras as derradeiras deliberacións, acordou outorgar por maioría a Café Derby 21, recollendo o premio Carme Prol e Adrián Lede.

O xurado salientou a capacidade de ter acadado no seu tempo de existencia un espazo de relevancia e dinamización da cultura galega no mundo do podcast, pola diversidade de perfís vencellados ás expresións culturais do momento, cun estilo fresco e mesmo estendendo o podcast a formatos presenciais.

Esta XLVIIª edición dos Premios da Crítica de Galicia estivo patrocinada polo Concello de Vigo, a Xunta de Galicia e a Deputación de Pontevedra, sendo entidades colaboradoras Afundación, Sargadelos, Terras Gaudas, Joaquín Rebolledo e Coren.

Arquivo fotografíco dos Premios da Crítica de Galicia 2024.