Novas

40 anos dos Premios da Crítica Galicia

Os Premios da Crítica Galicia, que naceran en Vigo por iniciativa do Círculo Ourensán-Vigués, chegan ao seu 40 aniversario festexando a permanencia e os resultados de catro décadas de presencia ininterrompida no panorama cultural galego. Neste tempo, preto de trescentas persoas, organismos ou institucións, foron distinguidos polo labor desenvolvido en galego, desde Galicia e para o mundo.

Cada ano vénse recoñecendo a excelencia e a relevancia dos labores individuais e colectivos máis destacados nos diversos ámbitos da creación cultural e da investigación en Galicia. Naceron por iniciativa da sociedade civil, anticipándose ao inicio da Autonomía, como unha plataforma plural, independente e interxeracional, para tomar o pulso do latexo da creación cultural en Galicia.

A celebración deste aniversario terá lugar nun acto aberto ao público que comezará ás 12 h. do sábado, 20 de maio, na sede de Afundación (Policarpo Sanz, 26, en Vigo). Estreárase un documental realizado pola TVG, con guión e a dirección de Xosé Manuel Vega, onde se fai un repaso á evolución da cultura nos 40 anos transcorridos. Haberá unha actuación de Carlos Núñez e unha intervención do Alcalde de Vigo, cidade que acolleu tódalas edicións dos Premios.

Eis o convite para o acto aberto ao público deseñado polo artista plástico e vicepresidente da Fundación, Antón Pulido.