O sábado 19 de novembro ás 12:00 horas no decurso dun acto na sede de Afundación de Vigo deuse a coñecer o ditame da XLVª edición dos Premios da Crítica de Galicia nas súas modalidades de Creación Literaria, Investigación, Música, Iniciativas Culturais e Científicas, Artes Plásticas, Artes Escénicas, Cine e Artes Audiovisuais e Cultura Gastronómica.
Baixo o lema «Galicia é infinda» do poeta Florencio Delgado Gurriarán, xuntáronse trescentas persoas representativas dos diversos ámbitos da política, da sociedade e da actividade cultural do país, entre as que se atopaban Carmela Silva, presidenta da Deputación de Pontevedra, Elena Espinosa en representación da alcaldía de Vigo; Valentín García, secretario xeral de Política Lingüística, Valentín González Formoso, presidente da Deputación da Coruña, así como once alcaldías de diversos concellos do país.
No transcurso do acto, que foi conducido pola escritora Ledicia Costas, Bieito Ledo, presidente e fundador dos Premios da Crítica de Galicia, fixo un percorrido pola memoria desta iniciativa pioneira organizada en Vigo dende hai corenta e cinco anos.
Dende comezos do mes de outubro, as 56 persoas compoñentes dos oito xurados, que se unen ao máis de mil catrocentas participantes ao longo de toda a súa historia, traballaron e ditaminaron de forma virtual sobre as propostas presentadas libremente por editoras, produtoras e outras entidades culturais.
O que fica fóra de Manuel Rivas, Premio de Creación Literaria 2022
O xurado da XLV edición dos Premios da Crítica de Galicia da modalidade de Creación Literaria, formado por María Luisa Abad, pedagoga; Xesús Fraga, escritor e xornalista, gañador da edición anterior; Esther Gómez Suárez, libreira da libraría Moito Conto; Manuel González González, membro da RAG, catedrático da USC; Bieito Iglesias, escritor; Pilar Ponte, profesora e crítica e Xosé Manuel Soutullo, director da Fundación Penzol, secretaría, en representación dos Premios da Crítica de Galicia, acordou entre as propostas presentadas declarar finalistas a As malas mulleres (Galaxia 2021) de Marilar Aleixandre; O cervo e a sombra (Xerais 2021) de Diego Ameixeiras; Palmeiras, piueiros (Chan da Pólvora 2021) de Anxo Angueira e O que fica fóra (Apiario 2021) de Manuel Rivas.
Tras as derradeiras deliberacións, acordou outorgar por maioría o premio a O que fica fóra de Manuel Rivas (Apiario).
O xurado salientou que O que fica fóra é unha obra que lle dá a volta á lingua e á realidade para se preguntar e preguntarnos, despois de roubarnos a liña do horizonte, que ficará fóra cando desaparezan as palabras. Un libro alfaia con elementos gráficos que enriquecen tanto a súa estética como a mensaxe que intenta transmitir.
A figuración galega en Irlanda (1840-1936) de Xavier R. Madriñán, premio de Investigación 2023
O xurado da XLV edición dos Premios da Crítica de Galicia da modalidade de Investigación, formado por Socorro Castro García, profesora de Química da UDC; Maite de Castro, catedrática de Física da Terra da UDV (campus Ourense); Xosé Henrique Costas, catedrático de Filoloxía de Galega da UDV; Cristina Sánchez Carretero, investigadora científica do do Instituto de Ciencias do Patrimonio do CSIC; Antonio Rial Boubeta, profesor de Psicoloxía da USC; Miguel Anxo Seixas, historiador, gañador da edición anterior e Eulalia Agrelo Hermo, profesora da UDV, secretaría, en representación dos Premios da Crítica de Galicia, acordou entre as propostas presentadas declarar finalistas a Cóntame un conto cuántico (Xerais 2021) de Juanjo Lamelas; A figuración galega en Irlanda (1840-1936): De Imaxe especular a modelo frustrado (Laiovento, 2021) de Xavier R. Madriñán e A xustiza pola man. Violencia e conflitividade na Galicia contemporánea (Xerais 2021), Francisco J. Leira e Miguel Cabo (editores).
Tras as derradeiras deliberacións, acordou outorgar por maioría o premio a A figuración galega en Irlanda (1840-1936): De Imaxe especular a modelo frustrado (Laiovento, 2021) de Xavier R. Madriñán.
O xurado sobranceou da obra gañadora que se trata dunha suxerente prospección nun territorio nunca abordado con gran repercusión nun territorio con gran repercusión no imaxinario colectivo. É unha investigación exhaustiva e delongada na súa ampla temática, ademais de ser unha obra de alento, rigorosa, cobizosa, de sólida continuación discursiva e de fascinante lectura. Estamos ante unha análise detallada e imprescindible de como Irlanda pasou de ser un referente na construción nacional para o galeguismo a un modelo de inspiración cunha función meramente retórica na Xeración do 16.
A Cova de Eirós, premio de Iniciativas Culturais e Científicas 2022
O xurado da XLV edición dos Premios da Crítica de Galicia da modalidade de Iniciativas Culturais e Científicas, formado por Xosé Aldea, editor e xestor cultural; Lois Celeiro Álvarez, xornalista; Belén López Vázquez, editora; Celia Pereira Porto, avogada, presidenta da Fundación Vicente Risco; Mar Mato, xornalista cultural; Xosé Luís Regueira, membro da RAG, profesor da USC e Xosé María García Palmeiro, xornalista, secretaría en representación dos Premios da Crítica de Galicia, acordou entre as propostas presentadas declarar finalistas a Cabreiros (Xermade). Veinticinco anos dunha experiencia rural colectiva; Código Cero Comunicación e Investigación do Paleolítico das Serras Orientais. A Cova de Eirós (Triacastela).
Tras as derradeiras deliberacións, acordou outorgar por unanimidade o premio a Investigación do Paleolítico das Serras Orientais. A Cova de Eirós (Triacastela).
O xurado salientou a importante dimensión espacial e temporal dunha iniciativa cultural e científica de longo alento, que abre as portas ao coñecemento do Paleolítico no territorio galego. Unha tarefa desenvolvida polo Grupo de Estudos para a Prehistoria do Noroeste. Arqueoloxía, Antigüidade e Territorio do departamento de Historia da Universidade de Santiago de Compostela. Asemade, salientou o potencial desta investigación para a dinamización dun espazo rural de menos de mil habitantes e as sinerxías coa veciñanza propiciadoras da declaración de Ben de Interese Cultural (BIC) en 2017.
Ugia Pedreira, premio de Música 2022
O xurado da XLV edición dos Premios da Crítica de Galicia da modalidade de Música, formado por Alejo Amoedo, pianista e investigador, gañador da edición anterior; Bea Camiña, comunicadora cultural; Juan Durán, compositor; Najla Shami, cantante e compositora; Arturo Vaquero, produtor, responsable de Abrigueiro Estudios; Woyza, cantora e compositora e Claudia Morán, xornalista, secretaría, en representación dos Premios da Crítica de Galicia, acordou entre as propostas presentadas declarar finalistas a Orquestra Vigo 430; Ugia Pedreira e Isabel Samartim.
Tras as derradeiras deliberacións, acordou outorgar por unanimidade o premio a Ugia Pedreira.
O xurado salientou de Ugia Pedreira a súa traxectoria creativa, interpretativa e formativa como cantora de raíz mariñán que desenvolveu un proxecto artístico alternativo vencellado coa propia terra.
Mónica Alonso, premio de Artes Plásticas 2022
O xurado da XLV edición dos Premios da Crítica de Galicia da modalidade de Artes Plásticas, formado por Pepe Barro, deseñador; Fátima Cobo Rodríguez, xestora cultural; Luz Darriba, artista; Carlos Rodríguez Fernández, fotógrafo; Teresa Táboas Veleiro, arquitecta e Afonso Vázquez Monxardín na secretaría, en representación dos Premios da Crítica de Galicia, acordou entre as propostas presentadas declarar finalistas a Mónica Alonso; Uqui Permui e Cenlitrosmetrocadrado.
Tras as derradeiras deliberacións, acordou outorgar por maioría o premio a Mónica Alonso.
O xurado salientou de Mónica Alonso o excelente traballo de toda a súa careira, a reflexión dobre a cor como forma de comunicación entre seres humanos, e neste anos premiado 2021, a súa exposición «A maxia do colibrí, 6 casos desesperados» no Marco de Vigo, o comisariado da mostra «Cor e sentimentos» sobre Manuel Colmeiro, na Fundación Luís Seoane na Coruña e a súa participación na exposición colectiva «Galicia Futura» no Museo da Cidade da Cultura de Galicia no Gaiás, en Compostela.
Así mesmo, o xurado salientou os méritos indubidables de todos os artistas propostos por calidade de internacionalidade e recomenda unha revisión das categorías para establecer xurados e premios específicos para Deseño e Arquitectura.
N.E.V.E.R.M.O.R.E de Chévere, premio de Artes Escénicas 2022
O xurado da XLV edición dos Premios da Crítica de Galicia da modalidade de Artes Escénicas, formado por Rosa Álvarez, actriz, pioneira do teatro profesional galego; María Armesto, directora da Mostra Internacional do Teatro Cómico e Festivo de Cangas; Afonso Becerra, director da revista Erregueté gañador de edición anterior; Esther Fernández Carrodeguas, dramaturga, actriz e directora; Ernesto Is, dramaturgo; Xosé Leis, actor e director e Sabela Hermida Mondelo, actriz e investigadora, secretaría en representación dos Premios da Crítica de Galicia, acordou entre as propostas presentadas declarar finalistas a Diego Anido; N.E.V.E.R.M.O.R.E de Chévere e Compañía Tanxarina.
Tras as derradeiras deliberacións, acordou outorgar por unamidade o premio a N.E.V.E.R.M.O.R.E de Chévere.
O xurado salientou a honestidade e sinestésica maneira de recuperar un dos episodios máis negros da nosa historia recente. Chévere traballa dende a autorreferencialidade, elevando as táboas as historias propias, as de veciños e veciñas. A iconografía e mesmo os elementos gardados nas propias caixas negras dos fogares, idea coa que se xoga na proia caixa negra do teatro. A Compañía reforza en N.E.V.E.R.M.O.R.E a súa liña pioneira de teatro documento, do teatro sociopolítico con grande impacto social, causando sempre a plena comuñón co público. Memoria de Nunca Máis!
Atalante, premio de Cine e Artes Audiovisuais 2022
O xurado da XLV edición dos Premios da Crítica de Galicia da modalidade de Cine e Artes Audiovisuais, formado por José Luis Castro de Paz, historiador do cine, catedrático de Comunicación Audiovisual da USC; Margarita Ledo, directora, membro da RAG, gañadora da edición anterior; Sonia Méndez, directora, xestora e actriz; Ozo Perozo, director e traballador do audiovisual; Iria Pinheiro, actriz; Andrea Villa, experta en comunicación e cine e José Manuel Sande, crítico e programador, secretaría, en representación dos Premios da Crítica de Galicia, acordou entre as propostas presentadas declarar finalistas a Atalante; Lucía Catoira Pan e Chelo Loureiro.
Tras as derradeiras deliberacións, acordou outorgar por unanimidade o premio a Atalante.
O xurado salientou de Atalante o seu labor de distribución de traballos fílmicos con carácter independente, un repertorio de pezas laboriosas e esixentes asinadas por grandes cineastas como Hong Sangsoo, Meritxell Colell, Oliver Laxe, Paulo Rocha, Milagros Mumenthaler, Nobuhiro Suwa, Rita Azevedo ou Manoel de Oliveira, que van servir deste modo a procesos de difusión e internacionalización ao tempo que de reforzo do vínculo coas salas de cine nun momento histórico sensible.
Ademais, Atalante engade outro elemento esencial, a existencia mesma dunha versión orixinal subtitulada ao galego nas copias distribuídas, de acordo coas políticas de diversidade europea, sendo neste ámbito unha das promotoras asociativamente destacada na defensa dos dereitos lingüísticos e culturais.
O xurado quere destacar ás outras dúas finalistas, mulleres capaces de abrir(se) camiño en dous ámbitos, a produción e dirección do cine de animación (Chelo Loureiro) e a dirección de fotografía (Lucía Catoira). Un empeño baseado no seu talento, coraxe e capacidade de traballo colectivo. Xustamente dous títulos, Valentina e ¿Qué hicimos mal? de Liliana Torres, ilustran á perfección o seu traballo en 2021.
Por último, este xurado quere facer unha mención especial ao falecido actor Pedro Brandariz, alguén que entendemos explicaba e dignificaba en si mesmo o termo comediante, o seu oficio. Intérprete triunfal dun filme póstumo, Jacinto de Javier Camino, o seu carácter dinamizador e versatilidade, fundamentalmente expresada tamén a través da docencia e no espazo escénico, merecen esta homenaxe. O lugar no noso recordo permanecerá sempre.
María Varela, premio de Cultura Gastronómica 2022
O xurado da XLV edición dos Premios da Crítica de Galicia da modalidade de Cultura Gastronómica, formado por Queixaría Arias Moniz, empresa gañadora edición anterior; Maica Couto Míguez, profesora de Formación Profesional de Hostelería e Turismo; Carmen Prado Pico, xornalista; Ángeles Romero, catedrática de Tecnoloxía dos Alimentos da USC (campus de Lugo); Marcos Soriano Acero, consultor de industrias agroalimentarias; Juan Manuel Vieites Baptista de Sousa,doutor en Química, actual presidente da Confederación de Empresarios de Galicia e Blanca Ana Roig Rechou, catedrática da USC, secretaría, en representación dos Premios da Crítica de Galicia, acordou entre as propostas presentadas declarar finalistas a Asociación de desenvolvemento rural Mariñas Betanzos ; ao chef Moncho Méndez do restaurante Millo Orzán; a María Varela como cociñeira de A parada das bestas e á revista Pincha.
Tras as derradeiras deliberacións, acordou outorgar por unanimidade o premio María Varela como cociñeira de A parada das bestas.
O xurado salientou a María Varela polo seu facer como cociñeira en A parada das bestas, por ter loitado desde 1992 polo proxecto co seu home Suso, con só 24 anos de idade, por apostar por un proxecto de vida común, no que a prioridade foi a excelencia baseada en dous piares fundamentais: a honestidade do traballo, e a difusión e o fomento do patrimonio cultural e gastronómico da zona da Ulloa. María recuperou receitas da cociña tradicional con toques de modernidade apostando sempre polos produtores e gandeiros locais. Unha aposta arriscada que conseguiu facerse co tempo un nome no mundo da gastronomía. Hoxe en día moitos dos produtos da comarca se coñecen e andan polo mundo grazas a este matrimonio. Son un modelo de referencia que ten que ser recoñecido pola camiño percorrido.
Esta XLVª edición dos Premios da Crítica de Galicia estivo patrocinada polo Concello de Vigo, A Xunta de Galicia e a Deputación provincial de Pontevedra, sendo entidades colaboradoras Afundación e Sargadelos. Contou ademais co patrocinio de trinta empresas e entidades de produtos galegos de calidade, etiquetados na nosa lingua.