A Fundación Premios da Crítica Galicia celebrou un xantar de irmandade na Bodega Martín Códax de Cambados no que participaron unha importante representación dos premiados ao longo das súas trinta e catro edicións.
Abriu o xantar Ramón Barral, vicepresidente da Bodega Martín Códax, que como anfitrión recibíu de forma moi agarimeira aos asistentes e expresou o compromiso renovado da súa empresa coa cultura galega. Logo, interviu Bieito Ledo, presidente da Fundación Premios da Crítica Galicia, para agradecer o convite de Martín Códax e lembrar a importancia da traxectoria ininterrompida, ao longo de trinta e cinco anos, dunha iniciativa, nacida do Círculo Ourensán Vigués e máis tarde consolidada como Fundación independente e interxeracional. Ledo salientou que foran máis de 200 as persoas premiadas ao longo destas máis de tres décadas e 800 as que formaran parte dos diversos xurados, desenvolvendo sempre un exercicio crítico caracterizado polo seu rigor e independencia. A lectura da relación dos membros dos xurados da primeira edición, celebrada en 1978, entre os que se atopaban lumieiras da cultura galega do século XX, como Eduardo Blanco Amor, Celso Emilio Ferreiro ou Carlos Casares, serviu ao presidente da Fundación para lembrar a importancia dunha iniciativa nacida antes da existencia das institucións culturais autonómicas .
Finalizado o xantar, en representación do premiados interviron o escritor Alfredo Conde e os académicos Andrés Torres Queiruga, Xosé Neira Vilas e Xesús Alonso Montero. Por último, pecharon as intervencións Anxo Lorenzo, secretario xeral de Cultura, e Xesús Vázquez, conselleiro de Cultura e Educación, que expresou os parabéns do Goberno Galego á traxectoria da Fundación Premios da Crítica Galicia. A actuación de Uxía Senlle puxo remate ao xantar.
One Trackback
[…] visita á Bodega Martín Codax, que nos agasallou cun moi sabedeiro xantar para celebrar os 35 anos dos Premios da Critica Galicia, demostroume o excelente papel social e cultural desta empresa cooperativa dedicada á produción e […]